Reclámanlle ao Ministerio que non sexa obrigatorio o sistema de identificación electrónica dos bovinos

Xata co crotal de temperatura.

Xata co crotal de temperatura.

O Real Decreto RD 787/2023 de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, no seu artigo 5 estabelece os medios de identificación dos bovinos, e o anexo II.3 determina que todos os bovinos nacidos a partir do 30 de xuño de 2024 terán de ser identificados mediante un crotal convencional na orella dereita e un crotal electrónico na esquerda.

Como consecuencia das mobilizacións levadas a cabo polos sectores agropecuarios, no primeiro trimestre deste ano, o Ministerio de Agricultura a finais do mes de marzo presentou un documento de 43 medidas coa intención de dar respostas ás reivindicacións dos sectores.

Entre as medidas propostas estaba a prórroga da obrigatoriedade de identificación electrónica dos bovino, obrigatoriedade que se comenzará a aplicar a partir do 30 de xuño de 2025. Esta medida traduciuse no proxecto de modificación do RD 787/2023.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA consideran que a posta en marcha do sistema de identificación mediante crotais electrónicos “non se debe levar adiante baixo ningún concepto de forma obrigatoria, xa que a normativa europea non os fai obrigatorios”.

Neste sentido, engaden que “a propia Unión Europea, a través dun informe, considera que a aplicación do sistema de identificación electrónica pode ter efectos económicos adversos para algúns operadores -as persoas titulares de explotacións- , polo que se debe facer de forma voluntaria, e non aplicarse obrigatoriamente a partir do 30 de xuño do ano 2025”.

A FRUGA considera que “a quen máis lle pode interesar este sistema son aos matadoiros e salas de despece (…..) mentres que para as ganderías leva implícito un aumento dos custos que volverán recaer nas propias explotacións gandeiras galegas, sen obter ningún tipo de beneficio, algo do que xa advirte o Informe da Comisión ao Parlamento Europeo e ao Consello sobre a súa viabilidade técnica e económica”.

Ante esta situación, a organización agraria reclámalle ao Ministerio de Agricultura que este novo sistema de identificación do gando sexa voluntario e fan “un chamamento á señora conselleira do Medio Rural para que faga
todas as xestións que estean ao seu alcance perante o Ministerio para conseguir que mude as súas intención de facer obrigatorio este sistema de identificación dos bovinos e opte por mudar o RD 787/2023 para que o sistema de identificación mediante os crotais electrónicos teña carácter voluntario”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información