Reclámanlle á Xunta “un plan de choque urxente” contra o avance imparable da Vespa Velutina

Publicidade
Reclámanlle á Xunta “un plan de choque urxente” contra o avance imparable da Vespa Velutina

Concentración ante a Xunta para reclamarlle “un plan de choque urxente” contra o avance imparable da Vespa Velutina

A Marcha Stop Velutina, convocada pola Asociación Galega de Apicultura, partiu hoxe de Santiago de Compostela cunha concentración diante da Xunta de Galicia na que reivindicou á necesidade dun plan de choque urxente para frear o avance da Vespa velutina, que está poñendo en perigo o medio ambiente e a supervivencia das abellas.

A concentración convocada este xoves reuniu un numeroso grupo de persoas que instalaron un colmear reinvindicativo, con mensaxes sobre a importancia das abellas, e reclamaron á Administración galega unha serie de reivindicacións sobre o grave problema medioambiental que supón a invasión desta especie exótica invasora, facendo un chamamento ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para que escoite as demandas que se lle entregaron por rexistro.

En concreto, os apicultores demándanlle á Xunta que establezca un plan de loita ordenado, coordinado e financiado que permita reducir o número de Vespa velutina cara ao próximo ano e do mesmo xeito accións a longo prazo, relativas á necesaria investigación.

“É imprescindible unha campaña masiva de trampeo de raíñas de Velutina na primavera”

Entre as reivindicacións da marcha están a  implicación de toda a sociedade na loita contra a Vespa velutina,  a través de accións coordinadas pola administración. Os convocantes da Marcha Stop Velutina reclaman tamén a unión de organismos oficiais, asociacións e outros colectivos para enfrontarse ao problema de xeito global e organizado.

Neste sentido, AGA leva tempo solicitando a súa inclusión dentro da Comisión de Seguimento, creada pola Xunta para a xestión deste problema en Galicia, a cal anunciou unha reunión neste mes de outubro e na que a asociación espera sexa convidada a asistir. Outra das reivindicacións da marcha é a necesidade de que este problema sexa tratado dende unha perspectiva medioambiental, pola súa afectación clara e evidente á biodiversidade. “Non se trata dun problema só de abellas, están en perigo moitos outros polinizadores e polo tanto o equilibrio do ecosistema”, advirten dende Aga.

E por último, os apicultores demandan que é preciso a posta en marcha inmediata e decidida dun plan de choque por parte das administracións para frear o avance e diminuír os graves efectos que está causando o tártago asiático. Un plan que debe contemplar de xeito prioritario a loita preventiva, coa colocación masiva e coordinada de trampas na primavera para a captura de raíñas fundadoras.

“Por cada raíña atrapada na primavera evitamos 18.000 velutinas no verán. Este trampeo debe ser realizado non só polo sector apícola, como ata agora promoveron dende a administración, senón que por toda a sociedade, implicando a concellos, centros de ensino, asociacións, etc”, subliñou Xesús Asorey, director técnico de Aga.

“Por cada raíña capturada evitamos ata 18.000 velutinas no verán”

Para isto, dende a asociación consideran que é necesaria unha campaña informativa para que a cidadanía teña toda a información de man sobre como trampear, explicando tamén a gran importancia desta labor.

Por último, dende Aga defenden que o plan de actuación debe contar cunha liña investigadora que teña como primeiros obxectivos o coñecemento da especie nesta zona xeográfica, para seguir cunha segunda fase encamiñada a atopar mecanismos de loita biolóxica para enfrontarse a ela sen danos medioambientais.

Descarga aquí o programa da Marcha Stop Vespa Velutina

Descarga aquí a carta enviada por Aga ao presidente da Xunta

Documento de mínimos sobre os cambios que debe realizar a nivel de competencias a Xunta de Galicia na loita contra a Vespa Velutina

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información