Reclaman un plan estratéxico para o sector lácteo galego que pase pola exportación e a colaboración entre as industrias

Cajamar presentou este xoves en Santiago de Compostela “O sector lácteo español na encrucillada”, un monográfico no que 33 expertos propoñen alternativas de futuro para o sector lácteo galego e español.

Reclaman un plan estratéxico para o sector lácteo galego que pase pola exportación e a colaboración entre as industrias

De esquerda a dereita: o presidente de Cajamar, o de Agaca e o coordinar do libro

Un plan estratéxico a un mínimo de 5 anos para o sector lácteo galego, acordado entre gandeiros, industria e administración; colaboración entre as industrias, e apostar por produtos de valor engadido e pola exportación.

Estas son as grandes recomendacións que se recollen en “O sector lácteo español na encrucillada”, un monográfico no que 33 expertos propoñen alternativas de futuro para o sector lácteo galego e español.

O documento, publicado por Cajamar Caja Rural, foi presentado este xoves en Santiago de Compostela polo presidente da entidade, Eduardo Baamonde; o presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), José Severino Montes, e o profesor da Universidade Complutense de Madrid e coordinador da obra, Miguel Ángel Díaz Yubero.

“O exemplo para o lácteo galego é Holanda ou a cooperativa Coren”

Precisamente, o coordinador da obra destacou que o futuro do sector lácteo galego pasa por un plan estratéxico a un mínimo de 5 anos, acordado entre gandeiros, industria e administración; colaboración entre as industrias, e apostar por produtos de valor engadido e pola exportación. “Galicia debe ter o seu propio modelo e necesita un gran pacto de país a nivel galego polo sector lácteo, que aposte claramente pola exportación. O modelo a seguir para Galicia debe ser Holanda, e temos algúns exemplos, como o caso de Coren”, subliñou Miguel Ángel Díaz Yubero.

Mesa redonda: Francisco Sineiro, Román Santalla e José Luis Antuña

Tras a presentación do informe “O sector lácteo español na encrucillada”, tres dos autores do mesmo, Román Santalla, secretario de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), José Luis Antuña, director xeral de Feiraco Sociedade Cooperativa Galega, e Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria da Universidade de Santiago de Compostela, participaron nunha mesa redonda sobre as estratexias de futuro do sector lácteo galego.

Velaquí un resumo das súas intervencións:

Francisco Sineiro:
O profesor de Economía Agraria da USC lamentou que nin Galicia nin España teñan unha estratexia de futuro para o sector lácteo. “Francia apostou por dar maior valor aos seus produtos lácteos, Italia polos seus queixos, aínda que teña que importar leite líquido, pero cal é a estratexia de España”, preguntouse.

Neste sentido, defendeu que no caso de Galicia o plan de futuro para o lácteo “debe pasar por revalorizar o leite envasado, industrializar as graxas (gran parte da nata envíase en cisternas a Francia, sen transformar), potenciar a elaboración e a exportación de queixos e aumentar a capacidade de regulación, para evitar que fortes oscilacións nos prezos que perciben os gandeiros”.

En canto ao sector produtor, Francisco Sineiro advertiu de que a gran debilidade das explotacións lácteas galegas segue sendo a falta de base territorial, o que encarece os custos de alimentación. “Dos 3 millóns de hectáreas de Galicia, soamente 220.000 son utilizadas polas explotacións de vacún, e a ampliación da base territorial fixérona os propios gandeiros, sen axuda da administración”, asegurou. Neste sentido reclamou que “tanto a Xunta de Galicia como os concellos cumpran a lexislación no relativo ás plantacións forestais en terras agrarias”.

 “Unha gran tarefa pendente é a falta de base territorial das explotacións lácteas”

Para as cooperativas, o profesor da USC demandoulles que “se impliquen máis na transformación industrial do leite”. “Nos últimos anos as cooperativas investiron uns 15 millóns de euros en Galicia cara atrás -en plantas de fertilizantes, gasolineiras, supermercados….etc- pero case nada cara a adiante, na transformación do leite”, advertiu. Xunto a isto último, tamén situou como materias pendentes das cooperativas galegas modernizarse en dous aspectos: axilizar a toma de decisións e mellorar a súa capacidade de financiamento para os gandeiros.

E no que incumbe á parte industrial, Francisco Sineiro volveu reclamar un aumento da capacidade industrial, cunha vocación claramente exportadora. Por último, demandou un maior apoio da administración para que as organizacións de produtores poidan cumprir o seu papel e avanzar na cadea de valor. “O sector lácteo galego ten futuro, pero temos que movernos”, concluíu

Román Santalla:
Pola súa banda, o secretario de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Román Santalla fixo un repaso polos avances que se lograron desde as mobilizacións do sector lácteo galego no verán de 2015, fundamentalmente o compromiso da distribución para non banalizar o leite e para reforzar a cadea de valor, destacando especialmente os pasos de Día ou de Lidl, que se comprometeu a que todo o leite que comercialice en España sexa de orixe española. “Os gandeiros -engadiu- establecemos tamén unha relación directa coa distribución que foi moi positiva”.

“A integración cooperativa se non avanza por consenso, terá que facelo por decreto”

En canto ás tarefas pendentes, Santalla situou tamén a aprobación dunha estratexia galega para o sector lácteo; mellorar a aplicación da PAC en Galicia; avanzar na integración cooperativa, “se non é por consenso, que sexa por decreto”; ou modificar o decreto que regula as Organizacións de Produtores, prohibindo que un gandeiro dunha OP negocie a título individual cunha industria.

Polo demais, Román Santalla lembrou o importante papel das pequenas e medianas explotacións na fixación de poboación no medio rural, polo que advertiu que “estariámonos a equivocar se só pensamos en termos de competitividade”.

José Luis Antuña:
Por último, José Luis Antuña, director xeral de Feiraco Sociedade Cooperativa Galega, fixo unha defensa da mellora da eficiencia nas ganderías galegas e chamou a observar a realidade do sector lácteo obxectivamente. “O 50% das explotacións lácteas de Galicia producen menos de 125.000 litros e non supoñen primeira renda e de aquí ao 2025 a Comisión Europea prevé que desaparezan o 40% das ganderías de vacún de leite de Europa occidental”, asegurou.

Ademais, advertiu de que os mecanismos de protección da PAC cada vez van ser menores, cun mercado lácteo cada vez máis desregulado e globalizado “que non ten marcha atrás”.

“En Europa o 75% dos investimentos industriais fixéronas os gandeiros, pero aquí as cooperativas están descapitalizadas”

En canto ao caso galego, José Luis Antuña subliñou que “o noso problema é que estamos atomizados”, a nivel produtor e industrial, o que reduce a competitividade nun mercado internacional que segue aumentando o consumo de lácteos ou para atraer investimentos. “China acaba de investir 250 millóns de euros nunha planta de derivados lácteos en Bretaña en cooperación con Sodial, porque ten un interlocutor único e con tamaño”, subliñou.

“Nos últimos anos en Europa o 75% dos investimentos industriais fixéronos os propios gandeiros a través das cooperativas, pero aquí o que temos son unhas cooperativas que en xeral están descapitalizadas, esperan a que a administración poña diñeiro para novos proxectos”, lamentou.

Por último, o director xeral de Feiraco subliñou que o futuro está na exportación: “O mercado está fóra de España, e o problema é noso que queremos vender leite líquido e preto, competindo entre nós con prezos á baixa”.

“O problema é noso de atomización e de falta de criterio. É necesario que acordar unha estratexia para o sector lácteo e que nos unamos para colaborar na industrialización e na comercialización”, concluíu.

O acto foi clausurado pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A publicación “O sector lácteo español na encrucillada” pode descargarse de maneira gratuíta en: http://www.publicacionescajamar.es/series-tematicas/economia/

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información