Reclaman solucións para desbloquear o uso de drons en tratamentos fitosanitarios

Unión de Uniones traslada ao Ministerio e institucións europeas a súa proposta para que o marco legal permita o uso de drons, que poderían mellorar a eficiencia dos tratamentos

Publicidade
Reclaman solucións para desbloquear o uso de drons en tratamentos fitosanitarios

Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos reuniuse co Ministerio de Agricultura e está a levar a cabo encontros en Bruxelas para solicitar o uso de drons en agricultura para a realización de tratamentos fitosanitarios. Trátase dunha tecnoloxía que se atopa bloqueada na actualidade pola complexidade normativa que se lle aplica. Só se pode empregar o dron para a aplicación de bioestimulantes ou abonos foliares, pero non de produtos rexistrados como fitosanitarios.

A organización agraria mantivo unha reunión co Ministerio de Agricultura, para analizar posibles vías de autorización excepcional mentres se tramita en Bruxelas o paquete lexislativo europeo “Food and Feed” que, precisamente aborda modificacións sobre este asunto.

Polo que respecta a Bruxelas, onde representantes da organización se atopan esta semana mantendo senllas reunións, Unión de Uniones remitiu aos grupos do Parlamento Europeo as súas propostas de emendas a este ómnibus “Food and Feed”. “Para nós as modificacións propostas pola Comisión Europea á Directiva 2009/128/CE, e que é na que confía o Ministerio, non soluciona o problema e, ademais, imos a un horizonte de 4 ou 5 anos”, aclaran desde Unión de Uniones.

A organización lembra que o uso de drons para a aplicación de produtos na loita contra enfermidades e pragas está a atopar moitas dificultades para poder ser empregada polos agricultores, derivadas, sobre todo, da súa consideración como tratamentos aéreos, aos que afecta unha prohibición xeral. “Nin sequera se nos permite usalos en situacións de emerxencia, cando o tratamento é urxente e non se pode acceder ás parcelas polas condicións do terreo”.

Para Unión de Uniones, esta situación é inaceptable, xa que bloquea unha tecnoloxía que permitiría mellorar a eficiencia dos tratamentos, reducir o uso de produtos fitosanitarios e dar resposta a situacións onde os tratamentos terrestres non son viables, como parcelas alagadas ou de difícil acceso.

Nas súas propostas de emenda ao paquete lexislativo, expón que os tratamentos con drons non deben ser considerados tratamentos aéreos, senón aplicacións a baixa altura, con características máis próximas aos tratamentos terrestres que á aviación convencional. “Non se trata de eliminar controis, senón adoptalos á realidade técnica dos drons e do campo, facilitando que se poidan usar con garantías, pero sen cargas administrativas e regulatorias totalmente desproporcionadas”.

Considera tamén que a súa proposta acurtaría os tempos de adopción da tecnoloxía e flexibilizaría autorizacións excepcionais en caso de emerxencia. “Sempre coa carraca de que a agricultura debe innovar e modernizarse, pero cando temos solucións técnicas ao alcance da man, o que nos poñen son trabas e máis papelada”, conclúen desde a organización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información