Ás portas da vendima, a acumulación de stock de viño que afecta á Denominación de Orixe Ribeira Sacra segue sen resolverse, pese ás reiteradas peticións de intervención que se lle teñen feito á Consellería de Medio Rural ó longo do último ano. Unións Agrarias condena a parálise da Xunta de Galicia, que segue sen buscar solucións a unha problemática que comezou a evidenciarse xa na pasada vendima e que se deriva da crise de consumo dos viños tintos que se está experimentando a nivel mundial, así como polas caída das vendas durante os anos posteriores á pandemia do Covid, entre outros motivos.
Dende a organización agraria urxen buscar solucións, xa que esta acumulación de stock pode obrigar a deixar sen recoller a uva duns 600 viticultores. “É a realidade que as adegas están a transmitir ó sector produtor, habida conta da cantidade de stock da campaña pasada que aínda segue acumulado e a difícil situación de mercado que afecta ó conxunto dos tintos a nivel estatal”, apuntan dende Unións.
Lamentan que pese ás solicitudes de intervención que se levan feito á Administración, non se habilitara aínda ningún tipo de medida extraordinaria, mentres que noutras Comunidades xa se realizaron accións ó respecto. Mentres, medidas como a poda en verde ou a destilación de crise propostas nos últimos meses pola organización non foron activadas pola Xunta. “A inacción sitúa a día de hoxe ós viticultores da Ribeira Sacra nunha situación extrema que augura unha importante caída dos ingresos e pon contra as cordas a rendibilidade da actividade”, denuncian.
A organización agrogandeira fai un chamamento in extremis e insta ao goberno galego a actuar para que os viticultores da zona conten con garantías de recollida na vendima que se aproxima. “Xa non queda tempo, e é fundamental que non queden uvas colgadas e que se garantan prezos por enriba de custos de produción, tal e como marca a lei”.
Sector esencial na contorna
Reclaman medidas urxentes para paliar esta situación, ó tempo que reivindican o papel fundamental deste sector na contorna, debido ó forte vínculo existente entre a viticultura e a conformación da paisaxe, a conservación e a xestión do territorio e a orografía desta zona. “Falamos dunha DO pequena, pero esencial para o conxunto da comarca: para o turismo e o conxunto do tecido socioeconómico”, apuntan.
Piden a implicación da Administración para activar un plan de actuación con visión de futuro
Nese senso, a organización insta ó goberno galego a prestar a este sector o apoio que precisa. “Igual que cando outros sectores tiveron problemas se tirou de fondos públicos para axudalos a saír do bache, agora toca poñer cartos enriba da mesa para evitar o abandono das vides da Ribeira Sacra”, reclaman dende Unións.
Piden a implicación da Administración para activar un plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos, así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido ós viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.