Reclaman que se axusten os rendementos ante unha vendima con grandes producións no Ribeiro

Asaga pide un informe axustado da produción para evitar problemas ós pequenos viticultores na entrega de uva ás adegas. A vendima desenvólvese a bo ritmo, con máis de 8 millóns de quilos xa recollidos

Publicidade
Reclaman que se axusten os rendementos ante unha vendima con grandes producións no Ribeiro

A Asociación Agraria de Galicia (Asaga) alerta que as estimacións de rendemento da vendima 2024 están baseadas nuns datos técnicos que non recollen a realidade de uva que existe nos distintos viñedos en canto a variedades autorizadas, preferentes e produción real nas distintas explotacións.

Apuntan que todos os viticultores do Ribeiro, sobre todo os titulares de parcelas de menos de 1.000 metros con marcos de plantación moi diferentes ao das grandes parcelas, teñen nas súas viñas unha produción moi superior ao rendemento establecido e estimado, o que está a provocar un grave problema na recepción de uva nas distintas adegas.

“Nunha campaña cunha colleita excepcional, cuantitativa e cualitativamente, óptima a nivel sanitario, e con capacidade de compra por parte das adegas; non ten sentido martirizar aos pequenos e esforzados agricultores desta comarca, que manteñen as viñas, coidan o territorio e sustentan o rural galego”, destaca Asaga nun informe.

Ademais, a organización subliña que algunhas adegas están metendo uvas preferentes ata o límite de rendemento das autorizadas, con prezos de autorizadas, ou de mesa pagando a un prezo moi inferior, sen que o Consello Regulador adopte ningunha medida ao respecto.

Piden incrementar nun 25% os rendementos máximos para as variedades Lado e Treixadura

Dende a organización agraria acaban de solicitarlle ó Consello Regulador do Ribeiro a convocatoria urxente dun Pleno para analizar esta situación. Ó mesmo tempo tamén lle reclama que elabore un informe serio e rigoroso con datos reais da produción que permita incrementar nun 25% os valores de rendemento máximos para as variedades de Lado e Treixadura.

A vendima avanza a bo ritmo no Ribeiro

A vendima está avanzando este ano a bo ritmo no Ribeiro con máis de 8 millóns de quilos xa recollidos. Así o destacaba este xoves nunha visita a varias adegas o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte. O titular de Agacal estivo acompañado pola presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias, quen destacou que se está a recoller unha uva dunha magnífica calidade, que chega ás adegas nun óptimo estado de maduración.

O director de Agacal, Alemparte, e a presidenta da DO Ribeiro, Concha Iglesias, durante a súa visita este xoves á adega Viña Costeira.

O director de Agacal, Martín Alemparte, e a presidenta da DO Ribeiro, Concha Iglesias, durante a súa visita este xoves á adega Viña Costeira.

A vendima en Galicia arredor dos 72,5 millóns de quilos

A estas alturas de setembro xa se leva recollida metade da uva prevista para esta colleita nas 5 Denominacións de Orixe galegas, segundo informaron dende Medio Rural. Dacordo coas previsións dos cinco consellos reguladores e como xa adiantamos en Campo Galego, estímase que a cantidade de uva recollida poida chegar ata os 72,5 millóns de quilos, o que supón unha colleita abondosa e un 13% superior ao valor medio dos últimos dez anos. De acordo con estes organismos xestores das denominacións de orixe, a colleita tamén está marcada pola boa calidade que presentan as uvas.

Nesta campaña, os cinco consellos reguladores contrataron unhas 50 persoas para facer controis sobre o terreo para comprobar que se cumpre a normativa específica de cada denominación de orixe. Estes efectivos engádense aos 22 técnicos de control que, con carácter fixo, traballan nos cinco consellos reguladores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información