Unións Agrarias pide un protocolo urxente para actuar nas zonas afectadas polos “incendios catastróficos” da provincia de Ourense. “O volume de perdas está neste momento en fase de avaliación, pero xa se prevé que vai a ter repercusións moi graves para a cabana gandeira pola perda de pastos nos concellos de Maceda, Poboa de Trives, Chandrexa de Queixa, entre outros”, advirten dende a organización agraria.
Neste sentido, reclama que a Consellería do Medio Rural poña en marcha un plan especial, (similar aos activados nos anos 2006 e 2022 en situacións igualmente desgraciadas) “que achegue de maneira inmediata axudas ás explotacións agrarias afectadas, para que lles compense os gastos en alimentación complementaria de gando ou colmeas, as perdas da produción e os danos ás infraestruturas das explotacións como, pistas e estradas, instalacións eléctricas, hidráulicas e de comunicación”.
Unións lembra que “a comarca afectada polos lumes é unha zona de montaña, cun grave problema de despoboamento, onde a principal actividade é a gandeira. As explotacións gandeiras xestionan a superficie de pastos que actúan como cortalumes naturais. Así mesmo, as explotacións apícolas desenvolven un papel fundamental para a polinización. Estas explotacións son moi vulnerables e os prexuízos ocasionados polos lumes pon en serio risco a súa continuidade”.
A este respecto, UUAA reclama ao mesmo tempo, que se contemplen excepcións nas axudas da PAC, “porque ademais das perdas económicas pola previsible redución da capacidade produtiva das explotacións, as explotacións enfróntanse a unha redución dos ingresos polas axudas da PAC, xa que as superficies queimadas non serían admisibles para a campaña vixente nin para as dúas próximas”.
Finalmente, e fronte os intentos de criminalización dos produtores, Unións Agrarias quere destacar “o papel de vítimas do lume das explotacións, un lume que contra o que son os primeiros en loitar co seu papel de xestión da biomasa e do territorio”.
Galego









Control OJD