O Sindicato Labrego indica en nota de prensa que a Consellería de Medio Rural tiña que terlle enviado o 1 de marzo ao Ministerio de Agricultura os importes calculados da axuda da colleita en verde para a Ribeira Sacra, os criterios de selección e as súas puntuacións.
O período de presentación de solicitudes finaliza o 3 de abril e, posto que é a primeira vez que se solicita na Ribeira Sacra, o Sindicato Labrego envioulle un escrito ao Director Xeral da PAC, Juan José Cerviño, para que responda a diferentes cuestións e así informar ás persoas viticultoras.
Nese escrito pide que se indique o importe calculado para a compensación dos custes directos da eliminación dos acios de uva e a compensación pola perda de ingresos vinculado a esa eliminación dos acios de uva. Tamén queren saber se a Consellería fixa superficie mínima e máxima e, de ser así, canta será.
Outro dos puntos é como será a xustificación da man de obra propia da persoa titular da viña que elimine ela mesma os acios. As campañas de referencia para o rendemento medio das parcelas e as datas aproximadas de publicación da convocatoria e prazo para solicitar son os dous últimos puntos polos que piden información.
Dende o Sindicato lembran a necesidade de realizar xuntanzas de traballo para garantir o futuro desta Denominación de Orixe, e que as decisións sexan coñecidas por todas as partes. Nese sentido, organizaron a primeira xornada do ciclo de conferencias ‘O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra’, que levarán a cabo na comarca en colaboración coa Área Rural de Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa finalidade de fornecer un espazo onde traballar solucións para a D.O, logo dos excedentes que marcaron a pasada campaña.