Reclaman máis fondos para evitar que as granxas queden sen axudas para previr danos da fauna

O Sindicato Labrego advirte de que varias solicitudes están sendo desestimadas por “esgotamento de crédito” e pide á Xunta que reforce esta liña de apoio

Reclaman máis fondos para evitar que as granxas queden sen axudas para previr danos da fauna

O Sindicato Labrego Galego reclámalle á Xunta de Galicia un incremento dos fondos destinados ás axudas para a prevención dos danos provocados pola fauna silvestre, despois de ter constancia de que varias granxas están recibindo cartas nas que se lles comunica a desestimación das súas solicitudes por “esgotamento de crédito”.

A organización agraria considera que esta situación, que asegura que se repite ano tras ano, evidencia a insuficiencia do orzamento previsto para unha liña de axudas que se tramita a través do procedemento MT809D. Segundo o Sindicato, a demanda real das explotacións supera amplamente os recursos dispoñibles.

Ademais, defende que a prevención debe ocupar un papel central na xestión dos conflitos derivados da presenza de fauna salvaxe no territorio. Especies como o xabarín, o lobo ou o oso poden ocasionar danos nas explotacións, polo que considera necesario facilitar ás granxas os medios para adoptar medidas preventivas eficaces.

Para o Sindicato Labrego, a conservación da fauna e a convivencia coas actividades agrogandeiras son unha responsabilidade do conxunto da sociedade e non deben recaer exclusivamente sobre as explotacións afectadas. Neste sentido, advirte de que deixar granxas fóra das axudas por falta de crédito limita a súa capacidade para previr os ataques.

A organización sinala ademais que investir en prevención resulta máis económico e socialmente beneficioso que asumir posteriormente as perdas causadas polos ataques da fauna. Por iso, considera prioritario reforzar esta partida e garantir que as explotacións que cumpran os requisitos poidan acceder ás axudas.

O Sindicato pide así ao Goberno galego que incremente novamente o orzamento desta convocatoria, como xa se fixo en anos anteriores, para evitar que ningunha persoa solicitante quede excluída por esgotamento de crédito. Para a organización agraria, asegurar fondos suficientes é imprescindible para que as granxas poidan adaptarse á presenza crecente da fauna salvaxe e avanzar cara a unha convivencia viable no territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información