
O “Manifesto por un Monte Galego Vivo con Futuro” lembra que o pasado ano Galicia sufriu a peor vaga de lumes no que vai de século, e a segunda da historia en extensión da superficie queimada. Foron 209.281 as hectáreas ardidas, segundo o sistema Copernicus da UE, principalmente na provincia de Ourense, e destas 37.819 hectáreas en Rede Natura 2000.
Os 70 colectivos que integran a Plataforma por un Monte Galego con Futuro (PMGVF) aseguran que sobre eses territorios que arderon “só se interveu sobre 200 hectáreas, o que supón o 0,16% do territorio oficialmente queimado (118.966 hectáreas). Mais en marzo de 2026 só se tiñan tratado 110 hectáreas con medidas efectivas de restauración e rexeneración hidrolóxico-forestal”.
A PMGVF afirma que “os montes queimados quedaron sen cobertoira vexetal, perdendo o solo a súa estrutura e sendo arrastrado polas chuvias, coas conseguintes avenidas en Valdeorras. Pérdense así enormes cantidades de solo (entre 15 e 170 toneladas por hectárea cada ano). Cunha cifra estimada de 24 t/ha e ano, os lumes de 2025 puideron ocasionar a perda de 2,85 millóns de toneladas de solo, mobilizado episodicamente cara o fondo dos vales polas avenidas, o que dana traídas, propiedades e mesmo pon en risco a vida das persoas.”
O Manifesto recolle que “no que vai de verán son xa 800 hectáreas queimadas (Padrón, A Mezquita, Borbobás e A Capela) segundo cifras oficiais da Xunta. Pero son cifras que pasan unha férrea censura baixo aparencia de criterios informativos. Saber a verdade e coñecer o que está sucedendo é un dereito, polo que demandamos aos Gobernos transparencia informativa.”
A Plataforma asevera que hai un incumprimento de rozar e limpar as faixas secundarias das 276 parroquias, que figuran como “priorizadas” no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), das que fican sen limpar 206 das 276 comprometidas. E lembran o compromiso da Xunta no Parlamento Galego de “rozar e limpar as faixas secundarias dos concellos de menos de 10.000 habitantes, isto é 295 dos 313 concellos galegos, e agora resulta que desde a Xunta acusan aos e ás propietarias de non limpalas.”
Tamén denuncian que no que vai de ano non se incorporou ningunha praza nova de persoal propio do Servicio de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF). E que os medios terrestres e aéreos non contemplan reforzos estruturais do operativo. “As únicas novidades son unha maior dotación de persoal a través da contratacións externas, vía SEAGA, de 42 brigadas, e de 190 brigadas municipais.”
Os colectivos e entidades representados na PMGVF elaboraron un documento con 12 puntos que consideran prioritarios na loita contra os incendios:
– Creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
– Plan de actuación e restauración inmediata nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa recuperación, así como impedir o arrastre e a chegada de cinzas e sedimentos a ríos, rías ou zonas habitadas xerando un risco para os sistemas naturais e as poboacións, como as vividas no mes de xuño na comarca de Valdeorras.
– Suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
– Pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo. A aposta por unha agricultura labrega, familiar e agroecolóxica, que garanta prezos xustos para o sector produtor. Medidas que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
– Apoiar tanto a propiedade particular, como especialmente as comunidades de montes en man común, no camiño cara unha xestión forestal e de monte protectora ante o risco de incendios. Fomentar as iniciativas que fortalezan a esas comunidades e permitan o aproveitamento multifuncional do territorio, evitando o abandono ou a extensión de monocultivos de especies como eucalipto ou piñeiros.
– Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, mineiras ou pasteiras, como ENCE ou ALTRI, que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
– Protexer o monte e o rural en todo momento pero, especialmente, ante a desgraza ambiental e social xerado polo lume, evitando que favoreza os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.

A PMGVF reclama máis investimento en políticas de prevención de incendios
– Moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófilas, así como a súa eliminación paulatina e dando alternativas aos e ás titulares de montes de eucaliptos situados en terras agrarias, apoio económico ás persoas que conservan as masas forestais autóctonas e os servizos ecosistémicos asociados, figuras de protección medioambiental, masas mixtas, zonas paisaxísticas, con restos patrimoniais, etc.
– Que por parte das administracións públicas se proporcione o apoio necesario, tanto material como técnico, así como garantir a simplificación administrativa e burocrática e a continuidade das explotacións agropecuarias afectadas e danadas polos incendios do verán do ano 2025 e dos que se dean este ano.
– Outro modelo industrial da madeira e dos produtos derivados na Galiza é necesario. Un modelo que teña como obxectivo o peche dos ciclos produtivos, tanto para as madeiras de calidade como para os produtos do monte.
Pódese consultar o Manifesto íntegro neste ENLACE
Galego









Control OJD