Rebumbio no sector forestal

A Organización Galega de Comunidades de Montes programou unha mobilización este domingo contra o Plan Forestal e carga contra toda a cadea de valor da madeira. Os produtores de eucalipto, descontentos pola “criminalización” da especie

Rebumbio no sector forestal

O eucalipto é motivo de polémica pública nas últimas semanas.

O sector forestal atravesa unhas últimas semanas de rebumbio, con acusacións cruzadas e polémicas varias. No ollo do furacán, o Plan Forestal de Galicia, en proceso de revisión, e o papel que se lle asigna ó eucalipto no futuro do monte galego. Hai división no sector, coa Organización Galega de Comunidades de Montes e outros colectivos nacionalistas dun lado, e do outro o resto da cadea da madeira, con posturas diversas e non homoxéneas.

A Organización Galega de Comunidades de Montes celebrará este domingo unha mobilización en Santiago (12 horas, saída da estación de tren) en contra dun Plan Forestal que considera ao servizo do “lobby forestalista”. A Organización argumenta que o Plan contempla para os próximos anos un incremento da superficie de eucalipto (un 8%). Apoian a súa protesta Adega, a Fruga e o Sindicato Labrego, entre outros colectivos.

Postura da Xunta
O Plan Forestal é interpretado de xeito distinto pola Xunta, que sostén que o Plan non proxecta ningún incremento do eucalipto, senón que se trata dun pronóstico da ocupación actual da especie, a falta dun inventario actualizado. A idea anunciada pola Administración é a de facer unha regulación do eucalipto e do resto de especies nos Plans de Ordenación de Recursos Forestais (Porf), que se definirán nun futuro para cada un dos 19 distritos forestais de Galicia.

As críticas contra o Plan Forestal chéganlle tamén á Xunta por motivos opostos ós da Organización Galega de Comunidades de Montes. Desde parte da industria da madeira hai unha oposición clara á regulación proxectada pola Xunta nos Porf. Tal oposición é explicada do seguinte xeito polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto: “As industrias da madeira dixéronme: ‘Queremos a terra toda que precisemos e a que quede, para os demais. Así de claro”.

Dictame sobre o eucalipto
A polémica polo Plan Forestal enguedellouse aínda máis nos últimos días, logo de que un comité científico que asesora ó Ministerio de Agricultura declarara ó eucalipto como especie invasora, unha declaración á que logo se opuxo o propio Ministerio e que non terá efectos na lexislación forestal.

O que si está xerando o ruído contra o eucalipto é un forte descontento nos colectivos de produtores de madeira do norte galego, que consideran que a especie se está “criminalizando” sen motivos. Os propietarios forestais do norte -a principal zona de eucalipto na comunidade- sinalan que se está demonizando ó eucalipto como favorecedor dos lumes, cando -din- a realidade é que a porcentaxe de eucaliptais queimados é inferior á porcentaxe da súa ocupación do monte.

Tamén defenden a riqueza que xera o eucalipto para milleiros de familias e critican que se estea a lexislar no ámbito forestal sen consultarlle ós propietarios.

Regulacións actuais
Entre medias, outras asociacións de propietarios, como a Asociación Forestal de Galicia ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), teñen manifestado valoracións sobre o Plan Forestal nas que incluían aspectos positivos e outros negativos.

Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias, planteouse que, antes de decretar novas regulacións, se fagan cumprir as actuais en aspectos como as plantacións ilegais en terras agrarias, unha cuestión sobre a que a industria da madeira ten outro parecer.

A diversidade de posturas e de intereses sobre o monte é alta, aínda que para a Organización Galega de Comunidades de Montes a cousa é simple. O resto da cadea da madeira integra o que definen como “lobby forestalista”, incluidas Asefoga -”a portavoz oficial do lobby”, di a Organización Galega-, a Asociación Forestal de Galicia e Promagal.

Incógnitas sobre os montes veciñais

A protesta coordinada pola Organización Galega de Comunidades de Montes para este domingo ten un segundo punto reivindicativo, a parte do Plan Forestal. Este ano, a Xunta propiciou un cambio lexislativo para que os montes veciñais sen xestión ou en estado de abandono poidan pasar ó Banco de Terras por un periodo de 50 anos, podendo durante ese periodo estar xestionados por empresas.

Para a Organización Galega de Comunidades de Montes, trátase dunha “privatización encuberta” que busca poñer os montes veciñais a disposición de empresas privadas.

A protesta deste domingo en Santiago é apoiada por Fruga, Cig, Sindicato Labrego, Adega, Atrifoga, Asociación Pola Defensa da Ría e a rede Cousa de Raíces, que promove unha iniciativa lexislativa popular en defensa do bosque autóctono e a favor da prohibición do eucalipto nitens en Galicia.

Propostas da Asociación Forestal de Galicia para o monte

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) mantivo nas últimas semanas reunións de traballo cos catro grupos do Parlamento galego co obxectivo de trasladarlles as preocupacións das comunidades de montes socias, así como dos propietarios forestais particulares. A AFG espera que estes encontros sirvan para que se adopten medidas que respondan ás necesidades dos silvicultores galegos.

A AFG sinala que as reunións producíronse nun ton cordial e pediulles a todos os grupos que no eido forestal prioricen os intereses de país, á marxe de enfrontamentos partidistas. Entre as principais propostas que se abordaron nos encontros, figuran as seguintes:

Plan de restauración das zonas afectadas polos incendios forestais. As comunidades de montes e os propietarios forestais particulares carecen dos recursos precisos para a restauración das zonas afectadas pola vaga de lumes do outono. Se non se pon en marcha un plan público que axude á rexeneración das zonas afectadas, existe un claro risco de abandono e de ‘selvatización’ do territorio, opina a Asociación Forestal de Galicia.

Na provincia de Pontevedra, a superficie afectada de socios da Asociación Forestal de Galicia foi de 5.000 hectáreas, distribuídas en 68 montes. O custo total da restauración estímase en 10,9 millóns de euros.

Outra das preocupacións derivadas dos lumes sitúase no retraso da saca da madeira queimada, sobre todos nos montes con convenio coa Administración autonómica.

Aprobación dun Plan Forestal cun inventario actualizado das existencias do monte galego, que entenden fundamental para calquera planificación.

Reformulación das axudas públicas ao monte. A Asociación Forestal é partidaria de que as axudas públicas se liguen ós instrumentos de xestión dos que se está dotando cada monte. Deste xeito, opinan que se apoiaría unha planificación forestal sistematizada, en lugar de financiar actuacións puntuais que poden non responder ás prioridades para cada monte.

Mellora da fiscalidade forestal, de xeito que se incentive a silvicultura activa. Posta en marcha dun plan contable específico para o sector forestal.

Impulso das agrupacións de propietarios forestais particulares, de cara a superar o minifundio, que dificulta unha xestión racional do monte. A AFG considera preciso mellorar a fiscalidade e o modelo de xestión das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), así como crear outra figura que permita ligar a pequenos propietarios con comunidades de montes.

Compensacións de rendas cando existan restriccións de uso. A Asociación Forestal plantea, por exemplo, a necesidade de axudas para a creación de franxas de frondosas nas áreas de protección contra incendios forestais, en torno a núcleos de poboación.

Aclaración do futuro dos montes en convenio coa Xunta. Os convenios que a Administración mantén con parte dos montes veciñais expiran no 2021, polo que a AFG sinala que é preciso clarificar canto antes un procedemento consensuado para que as comunidades de montes que queiran, poidan facerse cargo da xestión dos seus montes. Nos casos en que non sexa así, habería que definir os contratos de xestión pública que sustituirán ós convenios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información