Rebaixa dos módulos de IRPF para bovino de leite, porcino e cunicultura

Rebaixa dos módulos de IRPF para bovino de leite, porcino e cunicultura

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe unha Orde do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas na que se fixan os Índices de Rendemento Neto na declaración do IRPF para estimación obxectiva (módulos), que recollen as propostas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de minoración na presión fiscal para agricultores e gandeiros.

O pasado 6 de abril comezou o prazo para a presentación telemática (a través de Internet) da declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas do ano 2015, prazo que comeza o día 10 de maio para o resto de presentacións.

Neste contexto, os agricultores e gandeiros van atopar con novidades que supoñen unha atenuación da presión fiscal, en atención ás circunstancias excepcionais ocorridas en 2015. Desta forma, contémplanse reducións, a nivel nacional, para o gando bovino de leite, cunicultura, gandería extensiva, produtos da oliveira, tomate e cítricos.

Sinalar que o réxime de módulos do IRPF é o maioritario entre os agricultores e gandeiros españois. En concreto, é o sistema elixido por máis dun millón de declarantes.

Redución de módulos

As reducións de módulos aprobadas hoxe tradúcense nunha diminución proporcional da base impoñible derivada dos rendementos da actividade agraria e, por tanto, do resultado da declaración do IRPF. Desta forma, as reducións establecidas, con carácter nacional, para a declaración da Renda de 2015 dos agricultores e gandeiros, son as seguintes:

-Apicultura (de 0,26 a 0,18)
-Bovino de leite (de 0,32 a 0,16)
-Bovino de carne extensivo      (de 0,13 a 0,09)
-Bovino de cría extensivo (de 0,26 a 0,18)
-Cunicultura (de 0,13 a 0,07)
-Froitos cítricos (de 0,26 a 0,22)
-Ovino e caprino de carne extensivo (de 0,13 a 0,09)
-Ovino e caprino de leite extensivo (de 0,26 a 0,18)
-Porcino de carne extensivo (de 0,13 a 0,09)
-Porcino de cría extensivo (de 0,26 a 0,18)
-Produtos da oliveira (de 0,26 a 0,22)
-Tomate (de 0,26 a 0,22)

No ámbito da gandería, o índice corrector por pensos adquiridos a terceiros, aplicable cando se adquiren fóra da explotación pensos e outros produtos que supoñan máis do 50% do importe dos consumidos, redúcese excepcionalmente a 0,75, nos casos de explotación intensiva de gando porcino de carne e avicultura; e a 0,65 para o resto das actividades gandeiras.

A partir da información fiscal e agraria dispoñible, estímase que o conxunto de todas estas reducións de módulos pode implicar, con respecto a un ano normal, unha rebaixa da base impoñible duns 413 millóns de euros.

Reducións polo uso de electricidade para a rega

Así mesmo, a Orde HAP/2222/2014 introduciu con carácter permanente un coeficiente corrector que poden seguir aplicando os agricultores que utilicen electricidade para a rega sobre o rendemento neto dos cultivos regados, e que supón unha redución dun 20% do mesmo.

Esta medida foi acordada polo Goberno, xunto coa exención parcial do 85% do Imposto sobre a Electricidade para os regadores, co obxectivo de compensar o efecto sobre os regadores da subida das tarifas eléctricas do verán de 2013. Con estas medidas dáse cumprimento ao compromiso do Goberno ao equiparar ao colectivo regador co resto dos sectores económicos, no que se refire a impacto da subida dos custos eléctricos.

Ao mesmo tempo, destacar que esta orde establece na súa disposición adicional primeira unha redución dun 5% do rendemento neto calculado polo método de estimación obxectiva para 2015. Trátase dunha medida extraordinaria de carácter horizontal que afecta á totalidade dos agricultores e gandeiros que tributen en estimación obxectiva, cuxo efecto é, por tanto, maior que calquera redución de módulos específicos.

A Orde publicada hoxe no BOE pódese consultar na seguinte ligazón:
https://www.boe.es/boe/dias/2016/05/06/pdfs/BOE-A-2016-4354.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información