Realizan novas inspeccións por posibles prácticas anticompetitivas no mercado da maquinaria agrícola

Investigan posibles acordos de repartición do mercado. As visitas foron no mes xuño na sede de varias empresas

Realizan novas inspeccións por posibles prácticas anticompetitivas no mercado da maquinaria agrícola

Colleitadora de millo para gran. / Arquivo.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) está a levar a cabo novas inspeccións no marco da investigación de posibles prácticas anticompetitivas no mercado da distribución de maquinaria agrícola. En concreto, investigan posibles acordos de repartición do mercado entre distintos concesionarios, segundo comunicado de prensa emitido hoxe pola Comisión Nacional dos Mercados.

Estas novas investigacións realizáronse entre o 18 e 20 de xuño e complementan ás iniciais realizadas entre o 26 e 29 de setembro do pasado ano. Tal e como apuntan desde a Comisión Nacional, estas inspeccións realizáronse en sedes de varias empresas que operan neste mercado e contaron coa colaboración das Autoridades de Competencia autonómicas.

Desde a Comisión Nacional apuntan que estas inspeccións supoñen un paso preliminar no proceso de investigación das supostas condutas anticompetitivas e non prexulgan o resultado da investigación nin a culpabilidade das empresas inspeccionadas.

Mentres, se se atopan indicios de prácticas prohibidas na Lei de Defensa da Competencia iniciaríase entón o expediente sancionador. En concreto, os acordos que infrinxen o artigo 1 da Lei de Defensa da Competencia constitúen unha infracción moi grave da lexislación de competencia, que pode conlevar multas de ata o 10 % do volume de negocio total das empresas infractoras.

Loita contra os cárteles

Na loita contra os cárteles, a Comisión Nacional de Mercados conta co programa de clemencia, que permite beneficiarse da redución ou exención do pago da multa ás empresas que acheguen elementos de proba que posibiliten a detección do cártel no que participen ou participasen. Este programa tamén permite beneficiarse dunha redución do importe da multa ás empresas solicitantes de clemencia que acheguen información con valor engadido significativo unha vez iniciada a investigación pola CNMC.

As empresas solicitantes de clemencia tamén quedan exceptuadas da prohibición de contratar establecida no artigo 71 da Lei de Contratos do Sector Público para os sancionados por esta infracción en materia de competencia. Ademais, dispoñen dunha plataforma en liña de colaboración cidadá para a detección de cárteles. Esta plataforma, denominada Sistema de Informantes de Competencia Anónimos (SICA), permite informar de forma anónima sobre prácticas anticompetitivas, tales como acordos entre empresas competidoras para a fixación de prezos ou outras condicións comerciais, repartición dos mercados ou dos clientes, ou reparticións fraudulentas das licitacións públicas ou privadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información