Realidade virtual para formar no manexo de autocargadores e procesadoras forestais

O Centro Integrado De Formación Profesional Santiago dispón do único equipo simulador virtual de Galicia de autocargador e de procesadora forestais. Un grupo de alumnos de Tomiño adquiriu experiencia estes días no manexo deste equipo. A industria forestal ten unha alta demanda de persoal capacitado e con experiencia.

Realidade virtual para formar no manexo de autocargadores e procesadoras forestais

Joaquín Vázquez cun dos alumnos do IES Alonso Ríos de Tomiño

Un grupo de 12 alumnos e alumnas do Ciclo Medio de Xestión Forestal e do Medio Natural do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño desprazouse esta semana ata o Centro Integrado de Formación Profesional Santiago para adquirir experiencia no manexo de autocargador e de procesadora forestal, uns postos de traballo cada vez máis demandados pola industria da madeira.

Pero a primeira toma de contacto con esta maquinaria, cuxo prezo pode superar os 400.000 euros por equipo no caso das procesadoras, fixérona a través dun simulador virtual, o único equipo que existe en Galicia e un dos poucos que hai en España.

Montse Vázquez Meizoso, profesora do ciclo medio de Aproveitamentos Forestais e do Medio Rural no IES de Tomiño explica que “unha das competencias que se pide é manexo de procesadora e de autocargador forestal, uns equipos cos que non contamos, polo que dende hai varios anos vimos dous días a Santiago para que un grupo de alumnos adquira experiencia no simulador virtual”.

En total, realizaron un curso de 16 horas repartido en dúas xornadas que, xunto á posterior experiencia práctica con máquinas reais, lles servirá para mellorar a súa formación e aumentar as súas opcións no mercado laboral.

“Os madeiristas piden traballadores que teñan experiencia previa, e iso aválase con horas de prácticas tanto en simulador virtual como con maquinaria real. Andan buscados os traballadores que saiban realizar estas tarefas co máximo rendemento, e que ademais podan realizar o mantemento do autocargador ou da procesadora e teñan formación en prevención de riscos laborais”, explica Montse Vázquez.

“Vexo que o sector forestal en Galicia ten moitas posibilidades de futuro”

Karina e Tomás son dous dos alumnos que participaron nestas xornadas de formación. “O simulador sorprendeume porque permite facer varias funcións, sobre todo coa procesadora. No noso centro só podemos realizar prácticas con motoserra e con tractor, e esta é unha posibilidade que temos de ampliar a nosa formación e as nosas oportunidades de traballo no sector forestal, onde hai oportunidades tanto para homes como para mulleres”, asegura Karina.

Pola súa parte, Tomás recoñece que “é un privilexio poder estar dous días aquí adquirindo experiencia con esta maquinaria”. En canto ás posibilidades de traballar no sector unha vez rematada a súa formación, móstrase convencido de que “o sector forestal en Galicia ten moitas posibilidades de futuro e hai bastante saída ao rematar o ciclo de formación”.

As empresas piden 50 horas de experiencia en simulador para autocargador e 200 horas para procesadora

Joaquin Pedre Vázquez foi o responsable de impartir a formación no simulador virtual para o manexo de procesadora. Este equipo, que custou uns 140.000 euros, incorpora todas as funcións tanto de autocargador como de procesadora, e neste último caso tamén simula o movemento de cabina.

“A grande vantaxe é que os alumnos acostúmanse a realizar todos os traballos, tanto de apeo como de procesado da árbore e os movementos básicos da grúa e do cabezal sen entrañar riscos e sen necesidade dun medio físico”, destaca. Ademais, ao non ter a sensación de espazo, co simular increméntase a dificultade para o manexo da procesadora.

Trátase dunha ferramenta fundamental para a formación dos futuros profesionais do sector forestal en Galicia. Así, Joaquín Pedre asegura que “as empresas do sector forestal están pedindo traballadores cun mínimo de 50 horas en simulador para autocargador, e con 200 horas para a procesadora. E logo tamén deben realizar prácticas reais coa maquinaria”.

“O sector está a demandar principalmente motoserristas. Pero se o traballador ten experiencia co simulador e tamén real en autocargador ou procesadora pode promocionar dentro da empresa e levar unha máquina”, engade.

Foto de grupo do alumnado do IES de Tomiño e do profesorado:

Foto de grupo do alumnado do IES de Tomiño e do profesorado:

Como solicitar o uso do simulador virtual?

O Centro Integrado de Formación Profesional Santiago, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, imparte o Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural e é o único en Galicia que dispón dun simulador virtual de procesadora e autocargador forestal.

Alumnado de ciclos medios de toda Galicia acude cada ano a este centro para realizar as horas de formación práctica neste equipo. Para poder utilizalo, é preciso chamar ao teléfono do centro, o 881 867 651, e solicitar o seu uso, de carácter gratuíto.

Normalmente é utilizado por centros educativos pero tamén pode ser solicitado por asociacións profesionais do sector, sempre e cando non se lle cobre pola formación ao alumnado.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información