A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, reactiva as notificacións para que os particulares poidan realizar queimas agrícolas. A comunicación, que se pode facer a través da páxina web ou do teléfono 012, tense que solicitar con dous días de antelación segundo a normativa.
No portal web habilitado para notificar a queima de restos agrícolas amoreados, os cidadáns deberán certificar se se trata de “palla e/ou material natural de orixe agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.
Ademais, desde hoxe tamén se reanudan as solicitudes de autorización para a queima de restos forestais amoreados. Neste caso, dado o maior risco que implica, será imprescindible obter a correspondente autorización administrativa.
Estas comunicacións pódense realizar grazas ao establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Nos días con vento e altas temperaturas, as comunicacións e autorizacións non terán validez.