
Todas as razas representadas en FERMAPOR están aínda en perigo de extinción. E os gandeiros que as crían teñen en común numerosos desafíos e obxectivos. Dende os baixos volumes de produción ata a dificultade de dar a coñecer o seu traballo, o intenso labor en xenética e a necesidade de profesionalizar cada vez máis o seu sector.
Na última edición da Semana Verde de Silleda, representantes das diferentes asociacións que compoñen FERAMPOR mantiveron un encontro no que deron a coñecer a nova entidade e tomaron os primeiros acordos para poñerse en marcha. A asociación de criadores de porco celta, Asoporcel, fixo de anfitriona.
E é que a experiencia de 26 anos de Asoporcel, a súa estrutura e dimensión e a diversidade de modelos gandeiros e empresas cárnicas que a conforman son o espello no que se están a mirar o resto de asociacións para medrar e profesionalizarse nos vindeiros anos.
Como elementos comúns destacan tamén a orientación hacia o mercado de calidade, o aumento sostido no tempo das cabanas gandeiras, os sistemas de manexo extensivos e tradicionais, as dificultades de ter que compartir normativas co sector intensivo convencional e a vontade de profesionalización e crecemento.
Se ben as razas son morfoloxicamente distintas, hai moitos aspectos comúns no día a día que converten nun recurso esencial a Federación
En Campo Galego estivemos falando con representantes das razas que integran FERAMPOR para coñecer un pouco máis os seus animais, os métodos de traballo e, sobre todo, as melloras que esperan acadar a través da nova Federación. E é que todos teñen unha idea común: por separado é máis difícil chegar lonxe.
Agustín Fernández, Criadores Asociados de Chato Murciano (Cachamur)
Cachamur agrupa 12 gandeiros criadores de chato murciano. A cabana reprodutora manéxase en cifras de arredor de 275 nais parideiras e 25 sementais. O movemento de animais que chegan a produción ao cabo do ano sitúase nuns 2.000.
A rexión de Murcia consume a meirande parte da produción, se ben xa están saíndo cara a outros lugares de España grazas ao comercio online. O xamón, as chuletas -a prancha ou a parrilla- e os embutidos son os puntos fortes do chato en canto a demanda.

As figueiras e os produtos da horta son parte esencial da alimentación do chato murciano
“Son produtos cos que acadamos unha óptima infiltración, boa terneza e con graxa cardiosaudable. Para conseguilos temos que competir duramente co porcino convencional e a agricultura pola terra. Nas parcelas de cría en extensivo, os porcos aliméntanse tanto das follas como dos froitos das figueiras. Eso aporta moitos matices á nosa carne.”
Cachamur, como Asoporcel, está integrada no proxecto Bio4trace. Eso permite que se beneficien de investigación xenéticas e nutricionais en beneficio da raza. “En Murcia temos a fortuna de contar co profesor Guillermo Ramis, o maior experto en razas porcinas maioritarias e que tamén traballa con outras asociacións integradas en FERAMPOR.”
Unha presenza unificada é clave para darnos a coñecer máis alá do nos ámbito de actuación
Fernández afirma que FERAMPOR permitirá que as razas minoritarias teñan unha voz unificada e máis ampla fronte as administracións central e europea. “Eso é clave para poder optar a axudas e programas e para poder ter voz nas decisións lexislativas que afectan os criadores.”
En Cachamur valoran moi positivamente as posibilidades de promoción e comunicación conxunta que ofrecerá a nova federación. “Nos grandces eventos podemos ter unha presenza unificada moito máis forte e da que nos beneficiamos todos. Incluso podemos contratar servizos ou produtos en común. Todo son vantaxes.”
Andoni Arizkuren, Asociación Navarra para la Conservación y el Desarrollo del Cerdo de Raza Pío Negro/Euskal Txerria (Ancde/Etne)
Con pouco máis de dous anos de existencia, Ancde só conta con 4 socios, se ben xa están en negociacións con criadores de Euskadi e do Paíos Vasco Francés que levan décadas traballando co pío negro de xeito independente. De feito, van recuperar e actualizar o libro xenealóxico que levaba anos parado na provincia de Guipúzcoa. Na asociación contan cunhas 250 nais reprodutoras como punto de partida.
As explotacións son extensivas, se ben dispoñen de espazos pechados para os momentos de parto e primeiros días de cría. A alimentación componse de herba e dos produtos das árbores como mazás, castañas e landras. E complétase con aportes de cereal. Un problema é que resulta moi difícil medrar porque a pouca terra dispoñible está moi condicionada pola presenza masiva de granxas porcinas convencionais. Ese tamén foi un motivo que nos levou a asociarnos.”, di Arizkuren.

Os criadores de euskal txerría están a traballar en diferentes liñas para a recuperación da raza
Aínda que con diferentes fórmulas, Navarra e a zona francesa lindeira son o mercado do euskal txerría. “Hai quen fai embutidos, quen vende en fresco as canais, quen pon a carne para que lle elaboren os produtos…pero todos nos movemos nesta zona. Hai ofertas cada pouco para levar os produtos fóra pero nós temos claro que hai que apostar pola calidade e a tradición e non pola escala.”
Igual que en Asoporcel, apóstase pola tradición na cría e na elaboración de produtos como embutidos ou salgaduras pero cun ollo posto sempre na innovación gastronómica e a incorporación ás novas cociñas. Por exemplo, periodicamente traballan co Basque Culinary Center.
Para o euskal txerría é unha ferramenta de primeiro nivel poder traballar con entidades similares que xa teñen avances moi importantes
“A creación de FERAMPOR é moi importante para nós. Porque aprendemos de entidades que xa teñen moito camiño feito e recibimos a súa cooperación. Tamén polo labor conxunto de promoción e por poder ter interlocutores cos que abordar problemas que nos son comúns a todos.”
Arizkuren cre que os modelos e sectores pequenos que apostan pola calidade sempre van ter un oco privilexiado no mercado e que FERAMPOR será unha ferramenta decisiva para manter e ampliar ese oco. Cunha fórmula de cooperación.
Miguel Company, Associació de Ramaders de Porc Negre Mallorquí Selecte
67 explotacións, unhas 1.600 nais reprodutoras e 60 sementais inscritos no libro xenealóxico.Son as cifras do por negre mallorquí, que conseguiron duplicar a cabana en só dez anos. Os bos prezos que acadan os produtos cárnicos -en parte polo turismo- levaron a que os gandeiros se animaran a aumentar a produción.
A porcella (leitóns de 12 quilos) e a famosa sobrasada son os dous produtos cárnicos polos que apostan os gandeiros de porc negre. As explotacións son integramente extensivas e en fincas pechadas. Xa hai en marcha proxectos industriais propios, pero a meirande parte dos socios seguen sendo exclusivamente gandeiros.

As camadas de por negre garanten o futuro dunha raza que ten na sobrasada o seu produto estrela
Os froitos da oliveira silvestre acebuche e os pastos que se renovan cada ano son a base dunha alimentación que se complementa con aportes puntuais de cereal. Contrariamente ao resto de razas, o porc negre non consume landras. E non porque non as haxa, senón porque o tipo de graxa que xenera a landra non é a que se require para obter a mellor sobrasada.
Igual que en Galicia, o minifundio supón un lastre para o crecemento e a profesionalización do porc negre. “Aquí temos unha enorme competencia pola terra. Arrendar parcelas é moi difícil pola presión turística. Así, cremos que hai que profesionalizarse para ser máis competitivos e facer o sector máis atractivo para os emprendedores e para o conxunto da sociedade.”
A colaboración entre as razas porcinas minoritarias redunda en beneficio dos criadores e, sobre todo, dos consumidores
“A creación de FERAMPOR será de moita utilidade para todos. Porque será un espazo de intercambio de experiencias, de coñecementos e de solucións das que todos nos beneficiaremos. E tamén se beneficiarán os consumidores, ao ter un sector porcino minoritario cada vez máis profesionalizado.”, di Company.
“Para nós, pola nosa insularidade, é de enorme axuda dispoñer na península de asociacións que comparten os nosos intereses, obxectivos e métodos. Eso axuda a que teñamos unha única voz tanto para solicitar axudas, reclamar ante desequilibrios ou propoñer iniciativas.”
Jesús Marrero, Asociación de Criadores de Cochino Negro Canario
Aínda que hai pequenos criadores domésticos que traballan coa raza, a asociación abrangue 41 explotacións, presentes en todas as illas Canarias excepto La Gomera e El Hierro. Nos vindeiros anos agardan tamén chegar a esas illas. Sempre coa vista posta en evitar a consangunidade. A base da cabana fórmana unhas 725 nais reprodutoras e 68 sementais.
Como nos outros casos, os sistemas de cría son esencialmente extensivos. A grande diferencis está na alimentación, xa que a vexetación é moi diferente da da península. O plátano é unha parte esencial da dieta. E compleméntase con aportes de cereal e con restos de cultivos de papas, tomate ou batata.

O cochino negro canario está moi adaptado ao particular clima das illas
“A comercialización é do máis diversa. Vendemos en carnicerías, en tendas gourmet, en hostalería, en mercadillos, enviamos unha pequena parte á península…Porque hai quen elabora embutidos e salzóns, quen vende canais, quen vende para fresco. Hai múltiples fórmulas que estamos a abarcar.”, explica Marrero.
O presidente sinala que “o cochino está en auxe. Temos moita demanda e moi boa saída comercial. Eso leva a que poidan aparecer casos de fraude. Pero a nosa trazabilidade é total e o porco autóctono e os seus produtos están plenamente identificados e garantidos.” Marrero destacou o chourizo de perro (semellante á sobrasada pero cunha receita case segreda) como unha das xoias da elaboración con cochino negro canario.
Dende que comezamos co proxecto Bio4trace comprobamos que a colaboración entre proxectos similares aporta un plus en todos os ámbitos
Para os criadores canarios, está claro: “A unión fai a forza. E FERAMPOR vai ser unha ferramenta que nos beneficie a todos os que apostamos pola calidade e as razas minoritarias. Xa o vimos comprobando nestes anos os que participamos no proxecto Bio4trace”.
Marrero sinala tamén que, se ben son razas diferentes, as técnicas e os avances en xenética pódense compartir -algo que xa se está facendo co profesor Guillermo Ramis- entre as diferentes asociacións. “Porque todos traballamos co obxectivo da mellora xenética constante e sostida. Esa é outra grande vantaxe que ofrecerá a Federación.”
Moisés Noval, Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (Acga)
400 exemplares reprodutores repartidos en 28 explotacións compoñen a Acga. Unha cabana pequena pero que medra ano a ano e eso que durante a pandemia abandonaron a actividade o 50% dos criadores porque a hostalería supuña case o 100% da clientela. “Hoxe soubemos abrir outros mercados e por eso estamos medrando de forma sostida, a pesar da suba de custes que supuxeron as guerras de Ucrania e de Irán.”, di Noval.
Os criadores de gochu levan a raxatabla os criterios de gandería extensiva. Dese xeito, nin sequera están autorizadas as habituais parideiras e os partos teñen que realizarse en recintos protexidos para os leitóns pero nos que a nai pode saír en todo momento ao exterior. Eso é algo que, segundo Noval, valoran positivamente os primeiros compradores e o consumidor final.

O manexo e alimentación do gochu asturiano son moi semellantes aos do porco celta
A alimentación do gochu é moi semellante á do porco celta, aínda que moitos produtores cultivan tamén remolacha, verza ou millo para aumentar a variedade. A carga gandeira é, como moito, de 8 animais por hectárea. Entre febreiro e maio é cando hai que engadir cereal suplementario, ben de colleita propia, ben mercado.
As normativas europeas de bioseguridade e o minifundio lastran as posibilidades de crecemento da raza. “Non é doado competir con outros sectores gandeiros e cos agricultores pola terra dispoñible. E, ademais, o movemento dos nosos animais está moi restrinxido por cuestións sanitarias e non podemos trasladar os porcos andando dunhas leiras a outras como si se fai coas vacas. Teñen que ir en vehículos.”
Cunha voz unificada teremos máis posibilidades de que se teñan en conta as nosas especificidades
Noval ve en FERMAPOR un instrumento para conseguir coherencia normativa. “Non ten sentido que a lexislación e a burocracia sexan tan diferentes en cada comunidade para unha actividade que ten tantos elementos en común. E tamén cremos que, todos xuntos, podemos facer máis presión para que se recoñeza e se apoie o labor de recuperación e conservación dun patrimonio xenético único, como é dos razas de porcino minoritarias.”
No apartado comercial, os responsables do gochu opinan que as colaboracións a través de FERMAPOR dan visibilidade a todas as razas e permiten que todas cheguen a territorios aos que sería imposible chegar só con recursos propios.
José Barreira Alonso, Asociación de criadores de la raza porcina Celta Asoporcel
Barreira subliña que a chegada de FERAMPOR supón “un paso necesario e moi agardado” para todas as razas porcinas minoritarias do Estado. “Cada asociación ten a súa realidade, o seu territorio e os seus problemas concretos, pero compartimos unha mesma base: traballamos con razas en perigo de extinción, con sistemas de cría moi ligados ao territorio e cunha produción de calidade que precisa máis visibilidade, máis apoio e máis recoñecemento.”

Os criadores de porco celta agrupados en Asoporcel son un referente para o resto de asociacións
A esa realidade súmanse unhas cifras que amosan tanto o camiño avanzado como a fraxilidade que aínda conserva a raza. A 12 de decembro de 2025, Asoporcel pechou o exercicio con 122 ganderías inscritas no libro xenealóxico e cun censo de reprodutores que non chega aos 600 animais, o que reforza a necesidade de seguir traballando na conservación, na mellora xenética e na incorporación de novos criadores.
Traballamos con sistemas de cría moi ligados ao territorio e cunha produciòn de calidade
O presidente de Asoporcel considera que a nova federación permitirá trasladar ás administracións unha mensaxe máis clara e máis forte. “Por separado chegamos ata onde podemos; xuntos temos máis capacidade para defender normativas adaptadas á nosa realidade, acceder a programas de apoio, impulsar proxectos de investigación e facer entender que conservar estas razas non é unha cuestión romántica, senón unha aposta polo patrimonio xenético, pola biodiversidade, polo medio rural e por un modelo de produción diferenciado.”
“Dende Asoporcel podemos aportar a experiencia dun camiño xa iniciado hai máis de dúas décadas, pero tamén temos moito que aprender do resto de asociacións. FERAMPOR debe ser precisamente iso: unha ferramenta de cooperación, intercambio de coñecemento, promoción conxunta e defensa dunha voz común. Se queremos que o porco celta, o gochu, o chato murciano, o porc negre, o cochino negro canario ou o euskal txerria teñan futuro, temos que traballar unidos, con profesionalidade e con ambición.”
Así pois, todos os representantes das razas porcinas minoritarias e autóctonas coinciden en sinalar que FERMAPOR traerá máis cooperación, máis ferramentas, máis presencia ante as administracións e máis oportunidades para que estas razas sigan vivas, visibles e valoradas.
E sempre coa mente posta no obxectivo de impulsar a conservación, mellora xenética, sanidade animal e comercialización destas razas de maneira coordinada e cunha única voz ante as diferentes administracións e foros.
Galego









Control OJD