“A rata toupa chegou para quedar. Pero temos ferramentas para freala, combatela e anticipar os seus efectos”

Especialistas e técnicos explicaron en Triacastela as estratexias que se están a seguir para facer fronte á sobrepoboación de rata toupa que se da na montaña luguesa. O roedor leva sete anos causando problemas e dáse por sentado que non será posible erradicalo. Con todo, hai cada vez máis medios e máis desenvolvidos para reducir o seu impacto nos cultivos de forraxes

EXEMPLARES RATA TOUPA

Foi en outono de 2019 cando a rata toupa (Arvicola scherman) comezou a provocar danos en pasteiros de concellos da montaña luguesa. Dende aquela, a súa presenza fíxose constante e os técnicos e investigadores coinciden en sinalar que xa estamos ante unha especie endémica. Con todo, non se fala de praga, senón de sobrepoboamento.

Un foro organizado pola Consellería do Medio Rural (CMR) reuniu en Triacastela os responsables directos da loita contra o roedor e expertos de fóra de Galicia que levan anos investigando os seus efectos. Todos eles deron conta dos pasos que se levan dado ata agora, das ferramentas e medios de loita dispoñibles e dos modelos predictivos que se están a desenvolver.

Actuacións realizadas

Pablo Iglesias, Xefe do Servizo de Explotacións Agrarias da CMR en Lugo, deu conta das accións de investigación e eliminación que o seu departamento leva realizado ata o día de hoxe. As actuacións tiveron lugar nos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Samos, Triacastela, Cervantes, Fonsagrada, O Incio e Folgoso do Courel.

Iglesias lembrou que no inicio se empregou o rodenticida bromadilona, obtendo uns resultados dun 80% de redución da presenza do roedor nos prados. Sen embargo, a UE prohibiu o uso desa sustancia en campo, polo que foi preciso redeseñar as estratexias de control e extracción.

Así, o seguinte paso foi elaborar un censo de afectados e un mapa de parcelas nas que se detectara a presenza da rata toupa, deseñar un plan de control do roedor e realizar un estudo sobre as alternativas químicas á bromadilona para conter o animal.

A presenza de gando nos pasteiros é a mellor forma de evitar a presenza da rata toupa. Pero non sempre é posible e hai que buscar outros métodos (Pablo Iglesias, Consellería do Medio Rural)

Naquel momento inicial, detectáranse en parcelas de Triacastela e Pedrafita presenzas de ata 1.000 ratas toupa por hectárea. Aínda así, a loita química é a última opción e dase prioridade a outras técnicas para frear tanto os danos causados como a presenza dos núcleos de roedores. Ademais, o uso de produtos químicos ten que estar plenamente xustificado.

Iglesias explicou que as trampas de guillotina son un método moi eficaz na captura das ratas toupa, especialmente nas fases iniciais de aparición do animal. “Colocamos máis de 3.800 trampas dende o ano 2021 e demos formación aos gandeiros sobre o seu uso. Como resultado, levamos capturados máis de 135.000 roedores. O problema é que é un método relativamente lento e que require dun importante traballo manual.”

As trampas de guillotina son un método moi laborioso pero totalmente efectivo para frear a rata toupa

As trampas de guillotina son un método moi laborioso pero totalmente efectivo para frear a rata toupa

Un aspecto no que coincidiron todos os ponentes foi no de que a presenza de gando nos prados leva á práctica desaparición da rata toupa neles. Experiencias en Galicia e en Asturias e Cantabria -as outras comunidades afectadas- así o demostraron. Porque o gando causa estrés ás ratas, rómpelles as galerías nas que habitan e fai que as familias se dispersen.

Pero, dado que a gandería extensiva non sempre é posible, os técnicos da Xunta deseñaron un apeiro que simula a acción do gando. Trátase dun pisón que leva incorporados uns saíntes que imitan as pezuñas das vacas. O aparello foi construído de xeito que resulta o menos agresivo posible cos solos pero ofrece os mesmos resultados que o gando. Eso si, o seu uso require de moitas horas de traballo xa que os roedores están dispersos por infinidade de parcelas.

Outra medida que desenvolveron dende a CMR foi a colocación de caixas niño próximas ás zonas de máis afectación. O obxectivo é que nesas caixas aniñen as aves predadoras da rata toupa. Especialmente a curuxa, o cárabo e o cernícalo. Neste caso a dificultade estriba na convivencia entre as tres especies avícolas, que non é doada. Por eso hai que analizar moi ben a ubicación das caixas niño.

Os métodos químicos dispoñibles non dan os resultados desexados, polo que combinamos outras alternativas máis sustentables

A replantación de praderías, as visitas a zonas de Francia onde levan máis de 30 anos loitando contra a rata toupa ou o convenio co Servicio de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (SERIDA) para comparar situacións e buscar solucións conxuntas foron outras medidas desenvolvidas nos últimos anos.

Por canto ao uso de sustancias químicas -e unha vez descartada a bromadilona- o funcionario explicou que se exerceron probas con fosfuro de zinc e con fosfuro de aluminio. Námbolos dous casos, os resultados foron pouco alentadores. Ou ben porque as doses son insuficientes, ou ben porque os roedores deixan de consumir os velenos en canto perciben que lles sentan mal.

Traballo de campo

Carlos García, técnico de Tragsatec, relatou o traballo que se fai no día a día contra a arvícola scherman. Antes de nada, García explicou os problemas que conleva a presenza destes roedores nos pasteiros.

“A rata toupa come diariamente o equivalente ao seu propio peso. Así, tomando como peso medio 90 gramos, temos que 1.000 ratas comen cada día 90 kilos de forraxes. Eso significa unhas perdas económicas de 300 € por hectárea ao cabo do ano. Unha cifra inasumible para calquera gandería.”

As galerías da rata toupa teñen os buratos moi próximos entre sí e unha anchura duns catro dedos

As galerías da rata toupa teñen os buratos moi próximos entre sí e unha anchura duns catro dedos

O técnico sinalou que a día de hoxe na montaña luguesa hai afectadas 9.646 hectáreas de terreo. Pero divididas en máis de 24.000 parcelas. Algo que fai enormemente difícil o seu combate por non poder aplicar métodos colectivos.

Unha sobrepoboación de rata toupa pode levar a perdas de ata 300 euros por hectárea de pasto anualmente. Algo inasumible (Carlos García, Tragsatec)

Dende o ano 2020, o persoal de campo de Tragsatec capturou 9.500 ratas toupa e os gandeiros asesorados polos técnicos e aos que se lles facilitaron trampas, recolleron outras 135.000. García recomendou os gandeiros que aproveiten a primavera para colocar canto antes as trampas e o resto de mecanismos de defensa.

Unha boa ferramenta para atallar a presenza dos roedores consiste en identificar claramente as súas galerías e non confundilas coas da toupa común. Así, García explicou que as da rata toupa manteñen unha continuidade, é decir, os buratos están pegados uns cos outros. E o grosor é duns catro dedos de anchura, fronte aos dous dedos das da toupa. Ademais, os buratos que fai a rata toupa son en diagonal mentres que os da toupa son en vertical.

Ademais, nas galerías de rata toupa a area sempre estará máis descompactada. Un bo lugar para comprobar a presenza do roedor e identificar as galerías é o solo que hai debaixo dos rolos de herba. Cando se retiran, pódese comprobar frecuentemente a acción da arvícola. E García lembrou que esa presenza baixo os rolos pode acabar sendo un foco de listeriose no gando.

A experiencia de Tragsatec coincide coa diagnose da CMR no tocante a emprego de substancias químicas. “Tanto a presentación en forma de lentella como a de grans de trigo bañados na sustancia deron resultados pouco relevantes. Teñen a súa eficacia pero, a día de hoxe, ningunha fórmula de fosfuro de zinc resultou significativa como para considerala unha solución, nin atallaron o problema de xeito eficaz.”

Nese sentido, García reflexionou sobre a conveniencia do uso de químicos. “Unha dose dun produto químico pode matar unha rata toupa. Pero unha curuxa ou outra ave pode comer ese animal morto e morrer pola acción do veleno. Nese caso, as 1.000 ou máis ratas que ía cazar a ave seguirán vivas. Hai que ser moi cautos con eso.” Consultado polos gandeiros, o técnico explicou que non existen actualmente métodos de esterilización da rata toupa que se poidan aplicar na montaña luguesa.

Os rodenticidas poden provocar a morte das aves predadoras da rata toupa. Por eso hai que usalos con moita cautela

En relación coas aves predadoras do roedor, García explicou o proceso de colocación de caixas niño para curuxas e cernícalos (en postes) e cárabos (en árbores). Para que as aves non se ataquen entre si, é preciso que ocupen espazos diferentes e evitar que convivan preto. Especialmente a curuxa, que é a que menos socializa. Ademais das aves, hai predadores terrestres que atacan á rata toupa, como son o raposo, a donicela, a garduña ou o armiño.

 

Tanto a curuxa como o cárabo cazan pola noite, mentres que o cernícalo actúa polo día. Dese xeito, conséguese que a rata teña que estar pendente dos predadores as 24 horas. O problema co cárabo é que non soe cazar en espazos abertos, polo que os pasteiros dos Ancares non son o lugar máis idóneo para a súa actuación. E a curuxa ten a inconveniente da falta de lonxevidade, sendo habitual que non superen o ano e medio de vida.

Coñecemento sobre o roedor

Aitor Somoano, do SERIDA, sinalou que xa dende 1616 se ten constancia da presenza da rata toupa no norte de España e que os seus hábitats predilectos son os pomares e os pasteiros. Tamén está comprobado que non conviven co topillo lusitano -o outro roedor que máis afecta os pastos- e que éste marcha cando aparece a rata.

“A arvícola scherman é moi territorial, de xeito que cada parella e a súa descendencia ocupan un espazo determinado dentro do pasteiro. A súa dieta componse de raíces, bulbos e tubérculos, de aí que a súa presenza masiva sexa ruinosa para pasteiros e plantacións de froiteiras.”

A capacidade reprodutora da rata toupa é enorme. Unha femia pode ser avoa con só catro meses de idade (Aitor Somoano, SERIDA)

As ratas toupa teñen un peso de entre 47 e 160 gramos e unha lonxitude que vai dende os 117 aos 158 centímetros. Aínda que noutras zonas de Europa é máis fecunda, as especies detectadas na montaña luguesa teñen unha media de 5,7 partos anuais e con 4,4 crías por camada. Esto é, unhas 25 crías cada ano. “E é que, con 4 meses de idade, a rata toupa xa é avoa.”

Carlos García, de Tragsatec, fixo unha demostración práctica da colocación e manexo das trampas de guillotina

Carlos García, de Tragsatec, fixo unha demostración práctica da colocación e manexo das trampas de guillotina

Somoano remarcou que a paisaxe mosaico favorece o control da rata toupa. “Un territorio no que se mesturen os pastos coas masas arboradas o monte baixo e outros cultivos permite ter localizados os roedores nunhas parcelas concretas e controlar os seus movementos, xa que hai solos nos que non van aniñar.”

Por eso, o técnico citou o uso de barreiras como unha medida eficaz para evitar que as poboacións se espallen. “Pódense empregar balos soterrados medio metro baixo a terra e outro medio metro na superficie. Xeralmente emprégase unha dobre malla cinexética. Dese xeito, evítase que a rata entre en fincas non afectadas e lógrase a súa erradicación onde xa actúa.”

Malia a efectividade das diferentes medidas, o certo é que a montaña luguesa reúne unha serie de condicións que facilitan o espallamento da rata toupa e que dificultan as accións de redución poboacional:

Homoxeneización da paisaxe. As masas arboradas e os pastos para ensilado son case os únicos cultivos. Neses pastos a ausencia de gando axuda a que a rata se asente

Incremento da superficie de prados. Nas zonas de máis concentración gandeira, os produtores están a aumentar os cultivos de forraxe para ensilado

Despoboamento. Non hai suficientes persoas para realizar os trampeos, facer seguimentos, colocar barreiras…

O que levan constatado os investigadores é que a rata toupa ataca en oleadas. É decir, cada certo tempo prodúcese unha explosión poboacional e uns efectos masivos nos pasteiros. Para previr esas oleadas estanse a desenvolver dúas ferramentas dixitais que comezan a dar os seus froitos.

A primeira é o proxecto Vole-Track, un sistema predictivo que vixía as poboacións de rata toupa mediante o satélite Sentinel-2 e combina esa información coa que se recolle nos terreos afectados. O que se fai é identificar con antelación as zonas de máis risco sen ter que realizar campañas continuas de mostreo. “Analizamos e vencellamos o número de individuos en cada parcela co estado sanitario e nutricional da herba presente na mesma.”

En Triacastela e Pedrafita do Cebreiro téñense detectado densidades de ata 1.000 ratas toupa por hectárea

En Triacastela e Pedrafita do Cebreiro téñense detectado densidades de ata 1.000 ratas toupa por hectárea

O membro do SERIDA sinalou que o modelo chega a alcanzar unha precisión do 97% e mediante a indexación da variabilidade climática e o impacto sobre a vexetación, logra estimar a abundancia dos roedores. Abril e agosto son os momentos máis acaidos para seguimento, ao cadrar os cambios na actividade do roedor e o crecemento da herba.

O despoboamento e a estrutura produtiva da gandería da montaña luguesa favorecen o aumento da rata toupa

A segunda ferramenta, que complementa a primeira, é unha aplicación informática desenvolvida por un grupo de investigación francés co que colaboran a Xunta e o SERIDA, “Ponse a disposición dos gandeiros para que poidan facilitar información en tempo real aos técnicos sobre a densidade poboacional da rata toupa e o estado das parcelas.”

Combinando o emprego das dúas ferramentas dixitais, conséguese unha predición a futuro de posibles ataques da rata e ponse en contacto os diferentes propietarios de parcelas para deseñar unha estratexia defensiva o máis coordinada posible.

Análises e factores de comportamento

As pragas de roedores que afectan os pasteiros son moi comúns en todo o mundo. Tamén en Europa. Para medilas, empréganse os índices IP, ferramentas de monitoreo que cuantifican a presenza e incidencia dos animais. Aínda que existen diferentes índices, na montaña luguesa emprégase o de Presencia, que mide a proporción de cultivo que está afectada e en que medida. En territorio galego fálase de IP1 para os terreos con menos danos e IP4 para os máis danados, sendo IP2 e IP3 parcelas de afectación intermedia.

Xabier Lambin (esquerda) e Aitor Somoano explicaron os avances na investigación sobre a rata toupa

Xabier Lambin (esquerda) e Aitor Somoano explicaron os avances na investigación sobre a rata toupa

Así o explicou Xabier Lambin, profesor da Universidade de Aberdeen (Escocia). “Existen momentos en que a poboación se descontrola e os ataques se intensifican. Eses momentos soen ser cíclicos e pódense dar cada cinco anos ou noutros intervalos. Cando esa situación se produce, o incremento de exemplares pode ser de ata un 20% mensual. A cuestión é determinar cando e por que se vai dar o incremento. Para poder anticiparnos e actuar.”

A presenza masiva de rata toupa non implica que se vaian producir ataques desproporcionados. Analizamos por que se producen os ciclos de ataque (Xabier Lambin, Universidade de Aberdeen)

Ante todo, Lambin lembrou que non se debe pensar na erradicación da rata toupa. Tanto porque é case imposible como porque suporía un desequilibrio nos ecosistemas xa que é fonte de alimentación de numerosos mamíferos e aves. “O 27% dos roedores silvestres está xa en perigo de extinción por causa dos monocultivos. Ou non se adaptan a esa dieta ou teñen que competir con especies superiores.”, lembrou o profesor.

Se ben hai a certeza de que os ataques masivos se producen de xeito cíclico, non hai unha explicación clara a por que se producen eses ciclos. Ou, polo menos, non se pode achacar a unha soa causa. De feito, téñense dado momentos de poboacións masivas sen que os danos nos cultivos sexan excepcionalmente graves.

E, aínda que se poida atopar unha explicación científica a por que se producen ciclicamente os ataques masivos e se poida ter a certeza de en que momento se van producir, tampouco está claro como habería que actuar. “As medidas dependerán de cada contexto, tipo de terreo, clima nese intre, características dos cultivos…”, dixo Lambin.

As poboacións de rata toupa avanzan de media entre 14 e 19 quilómetros anuais. Pero non de xeito constante senón por oleadas. E esas oleadas poden ir a velocidades moi diferentes. “Por eso, é imprescindible que haxa unha comunicación constante entre as administracións públicas implicadas na loita contra o roedor. E tamén entre os gandeiros das zonas afectadas e das que poden chegar a estalo.”

Os ataques e avances da rata toupa van por oleadas. Esas oleadas poden ter diferente intensidade e, sobre todo, velocidade

Entre os factores que poden influír nas explosións poboacionais da rata toupa e os conseguintes ataques, o profesor citou os seguintes:

– Abundancia de alimento a acubillo: dada a voracidade do roedor, busca pradeiras de sega e terreos con abundante vexetación. Se os atopan, as camadas serán constantes e abondosas

– Condicións climáticas: Un clima favorable beneficia os ciclos reprodutivos e a disponibilidade de alimento, facilitando explosións poboacionais. Por exempo, unha chuvia sostida de marzo a xullo é sinal de que no vindeiro ano haberá ataques. Por contra, un ano de fortes nevaradas atenuará a reprodución da rata toupa

– Falta de predadores naturais: Loxicamente, cantas menos especies devoradoras, maior será o crecemento. Pero, aínda sendo abondosos os predadores, son animais que se sacian rapidamente, de xeito que a taxa de reposición da rata toupa mantén unha poboación elevada

– Paisaxe e intervención humana: As sebes, balados e zonas forestais maduras supoñen un freo para a súa expansión. Así como a gandería extensiva. A ausencia deses elementos e prácticas favorece as explosións poboacionais

Gandeiros e técnicos aprenderon a combinar as técnicas de loita contra o roedor

Gandeiros e técnicos aprenderon a combinar as técnicas de loita contra o roedor

A xornada “Control da rata toupa na montaña de Lugo” estivo organizada pola Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e contou coa colaboración do Concello de Triacastela, que cedeu as instalacións do Colexio Público Eduardo Cela Vila.

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, que é tamén directora territorial da Consellería en Lugo, agradeceu a disposición dos ponentes a participar no acto e a asistencia de técnicos e gandeiros. “Estamos ante un problema moi serio para os gandeiros da montaña luguesa e todas as accións formativas e informativas son útiles para tentar atallalo.”, dixo a rexedora.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información