O tosquiado das ovellas foi durante anos especialidade de traballadores polacos que facían en Galicia a campaña. Nos últimos tempos, os Rapadores da Montaña, un equipo de profesionais integrado na súa maioría por galegos, tomaron o relevo. Este ano a crise do coronavirus e o peche das fronteiras fixo que se encargaran da rapa da maioría das ovellas das ganderías de Galicia.
Levaban xa varias campañas asumindo o rape dos animais das ganderías socias da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). “En Ovica empezamos a traballar con eles hai un par de anos e os socios quedaron contentos co seu traballo e seguimos apostando por eles”, explica Diego Fernández, presidente de Ovica. Este ano, as limitacións para a chegada de profesionais estranxeiros propiciou que finalmente asumiran o rape de boa parte das ganderías de ovino galegas. “Moitas veces chegas a un pobo para rapar as ovellas dunha gandería e unha vez que estás alí van xurdindo encargos doutros veciños que teñen rebaños pequenos”, indica Kevin Daniel Wuttke Durán, un dos rapadores que leva 4 anos neste traballo.
A crise do coronavirus provocou que os traballos se atrasasen case un mes
A campaña veuse tamén condicionada polo coronavirus, xa que nos primeiros días do estado de alarma paralizouse a actividade, co que se atrasaron case un mes os traballos, ó que se engade o incremento da demanda. “Deberamos de ter empezado a finais de marzo ou comezos de abril e este ano tivemos que agardar ata contar cunha autorización específica da Xunta para poder desprazarnos ás ganderías”, detalla Kevin.
Un oficio en declive
A maior parte dos integrantes de Rapadores da Montaña son galegos ou proceden de zonas limítrofes do Bierzo (León). Asentados en Negueira de Muñiz (Lugo) desprázanse por toda Galicia en cuadrillas en base ás necesidades das ganderías. Xunto cos 5 rapadores tamén traballan outras tres persoas que colaboran na montaxe das máquinas así como en coller as ovellas no rebaño e preparalas para o rape. “Agora somos dos poucos que continuamos a facer este traballo”, comenta.
Para atender a demanda distribúense por zonas e para reducir ó máximo os desprazamentos do persoal. “Esta tempada estou traballando sobre todo en granxas de Ourense, pero estiven xa na Coruña e en Monforte”, explica Kevin. El comezou hai 4 anos de man de Adriano Borrás, o máis veterano dos rapadores, que leva máis de 20 anos no oficio. “Eu non rapara nin traballara con ovellas antes. Na primeira campaña na que Adriano me levou para lle axudar empecei a ver como o facía el e tamén rapei os primeiros animais. Daquela xa me din conta de que me gustaba e que quería seguir nesto”, recorda este mozo de pai alemán e nai viguesa e que viviu boa parte da súa vida en Matavenero, unha pequena aldea do Bierzo, aínda que viaxando moito a Galicia. “Ó vivir nunha aldea aínda que non tiña ovellas xa estaba en contacto diario cos animais, que ademais me gustan moito e por iso decidín seguir apostando por este traballo”, indica.
Nos comezos, Kevin rapaba uns 30 animais ó día. Hoxe pode chegar a rapar unhas 200 ovellas en cada xornada
Neste tempo foi mellorando en destreza cos animais e en tempo preciso para o rape. Así, dos 30 animais que rapaba os seus comezos agora algúns días pode chegar a rapar unhas 200 ovellas no día. “Depende moito da ovella, mentres que unhas che pode levar pouco máis dun minuto rapala, outra podes ter que enredar 3 ou 4 minutos con ela”, detalla.
Porén, recoñece que o que máis condiciona o número de ovellas que rapan ó día é o tamaño das ganderías e a distancia entre elas. “Hai días nos que tes que ir dunha granxa a outra e recorrer moitos quilómetros para rapar poucas ovellas”, comenta. A maior parte das 20.000 ganderías que integran o sector ovino en Galicia son de pequeno tamaño e familiares. “Aínda que tamén hai gandeiros que deciden rapar eles as ovellas, a maior parte prefire encargar ese traballo, aínda que sexan poucos animais”, indica.
Máis maña ca forza
A rapa das ovellas é unhas tarefas fundamentais nas ganderías de ovino tanto para a desparasitación dos animais como polo confort que lle proporciona de cara os meses de verán. “As ovellas son moi sensibles ó calor, enseguida quedan sofocadas se teñen a la, van deixando de comer e quedan delgadas e apoucadas”, concreta o rapador.
O traballo da rapa na gandería organízase en función do tamaño do rabaño. Así, unha vez que chegan á gandería, se se trata dun gran número de animais dispoñen un pequeno peche no que ir separando por lotes as ovellas, co gaio de facilitar o manexo para a persoa encargada de collelas e que os traslada ata a zona onde se rapan. Logo, en función de como sea a ovella, o tempo de tosquiado oscila, e pode prolongarse ata preto dos 4 minutos ou rematar en pouco menos dun minuto.
“Tes que te adaptar a cada ovella, procurar a postura para que estea cómoda, de xeito que o animal estea tranquilo e non se agobie”, detalla o rapador. Deste modo, evitan que a ovella remate movéndose moito mentres a están a rapar e redúcese a probabilidade de que se lle fagan cortes. Para o rape empregan maquinaria profesional traída de países cunha fonda tradición ovina coma Suiza ou Nova Zelanda.
O prezo tamén varía en función dos animais que se rapen. Teñen estipulado un custe mínimo de 25 euros polo desprazamento da maquinaria que precisan e logo axústase o prezo por ovella co propietario e reducirase naqueles rabaños de maior tamaño.
Pese a encargarse de rapar as ovellas, os rapadores non se encargan de xestionar a la, que no caso de ser poucos animais adoita desbotarse. Mentres, nos grandes rabaños outras empresas recóllena, aínda que tampouco está a ser moi valorada, segundo apuntan os rapadores.
Recorrer o mundo rapando ovellas
A campaña da rapa non se limita só a Galicia para estes rapadores, senón que unha vez que rematan o traballo nas granxas galegas trasládanse a outros países para continuar formándose e adquirindo destreza. Países e rexións coma Suíza, Sicilia, Nova Zelanda, Australia ou Escocia son algúns dos destinos nos que continúan traballando.
Tanto Kevin, que estivo xa 2 anos traballando como rapador en Nova Zelanda, coma outros compañeiros de Rapadores da Montaña volaran moi positivamente estas experiencias. “Permíteche aprender dos mellores. O tosquiado das ovellas é toda unha arte, vas incorporando movementos cos que se facilita o traballo tanto para o rapador coma para proporcionar maior confort ó animal”, detalla.
“O tosquiado das ovellas é toda unha arte, vas incorporando movementos cos que se facilita o traballo tanto para o rapador coma ó animal”: Kevin Wuttke Durán, rapador
En países coma Nova Zelanda, a campaña de rape prolóngase durante case 9 meses, aínda que no caso de Kevin, adoita estar entre 2 ou 3 meses. O rapador apunta que hai unha gran diferenza no tosquiado con respecto ás razas máis abondan en Galicia. “As ovella de Nova Zelanda teñen moita máis cantidade de la, pero de moi boa calidade o que che permite apurar máis no rape”, detalla. Para traballar no país os rapadores obteñen un visado de traballo e apuntan que as condicións laborais son tamén un aliciente ó incluir bos pagos, aloxamento e manutención.
En Escocia, a rapa concéntrase nos meses de maio a agosto e os profesionais tamén atopan grandes diferenzas. “Polo xeral, as ovellas son máis nerviosas e, aínda que hai moitos cruces de raza, a súa la adoita ser máis longa e semellante ó pelo”, concreta Kevin.
As experiencias internacionais permítenlles tamén participar en competicións de pelado moi populares noutros países xunto a outros profesionais e coñecer mellor a profesión.