Un informe da asociación Terra e Leite sobre “O sector industrial en Galicia e España: Evolución recente e perspectivas de futuro” confirma que a multinacional francesa Lactalis afianza o seu liderazgo na recollida de leite tanto en Galicia como en España.
O documento, que foi presentado este venres na xornada sobre “Propostas para o sector lácteo galego do futuro” celebrada na Fundación Juana de Vega, confirma tamén a perda de peso da industria láctea galega na recollida de leite, fundamentalmente polo forte retroceso de Leche Río.
Reparto da recollida de leite en Galicia
En concreto, o informe confirma o liderazgo da multinacional francesa Lactalis que pasou de recoller 400 millóns de litros no ano 2012 a 525.000 toneladas no ano 2016; o que supón o 20,23% do leite producido en Galicia.
Séguelle en importancia a cooperativa asturiana Capsa, que nos últimos anos incrementou notablemente a súa recollida en Galicia -incluída a de Larsa- ata acadar 365.000 toneladas, o 14,07%. Outra cooperativa, pero de capital portugués, Celta-Lactogal, séguelle de preto con 326.000 toneladas, o 12,56% do leite producido o pasado ano en Galicia.
Fonte: Terra e Leite
Outro grupo asturiano, Reny Picot, é dos que máis medra, duplicando a súa recollida de leite en Galicia dende as 134.000 toneladas de 2012 ás 250.000 toneladas do pasado ano. O seu papel durante a crise foi clave, absorbendo a prezos de intervención boa parte dos excedentes.
Leite Río, que no ano 2012 chegou a liderar o mercado lácteo de Galicia, cunha recollida de 425.000 toneladas, -cunha estratexia comercial orientada fundamentalmente ao envasado de leite líquido de marca branca- cae case á metade en recollida, ata as 225.000 toneladas no ano 2016.
Feiraco-Clesa, a segunda industria de capital galego, aumenta lixeiramente a súa recollida de leite en Galicia en 2016, segundo o informe de Terra e Leite, ata situarse nas 145.000 toneladas. Unha cantidade algo menor, recolle Queserías Entrepinares, 125.000 toneladas, aínda que cun incremento espectacular respecto ás 45.000 toneladas de leite recollidas en Galicia en 2012. A ampliación da súa factoría de Vilalba fan prever que a súa recollida siga medrando nos próximos anos.
Pascual é outra das industrias que reduce a súa recollida de leite en Galicia (96.000 toneladas o pasado ano), ao igual que Danone e incrementa lixeiramente a súa recollida Iparlat. O resto de compradores (incluídas queixerías, marcas dos gandeiros como Deleite, e primeiros compradores) baixa lixeiramente ata as 359.000 toneladas.
A industria de capital galego só recolle o 27% do leite producido en Galicia
Fonte: Terra e Leite
En canto á orixe das industrias lácteas, o peso das de capital galego cae ata o 27%, mentres que o 73% restante é de capital foráneo.
Se se analizan os datos de onde é transformado o leite, en base a se a industria que recolle ten plantas de transformación en Galicia ou non, o 68,79% do leite producido en 2016 transformouse na
Comunidade, mentres que o 31,21% viaxou en cisternas a outras comunidades sen deixar ningún valor engadido en Galicia.
Sen embargo, outros expertos participantes na xornada de Terra e Leite, como o profesor da Universidade de Santiago, Jorge Santiso, elevaron a porcentaxe de leite non transformado en Galicia ata o 44%, ao ter en conta que industrias con plantas na comunidade envían tamén cisternas a outras partes do Estado.
Evolución da recollida de leite en España

Fuente: Terra e Leite
En canto ao conxunto de España, as industrias que lideran claramente o mercado son Lactalis, con 1 millón de toneladas de leite recollidas o pasado ano, seguida de preto por Capsa, con 850.000 toneladas.
En terceiro e cuarto posto, sitúanse as cooperativas Iparlat e Celta-Lactogal, seguidas da empresa privada asturiana Reny Picot, a que máis medra en recollida no período 2012-2016, xunto a Queserías Entrepinares.
Conclusións do grupo Terra e Leite:
-En Galicia existe un líder claro que é Lactalis.
-A que parece estarse convertendo na verdadeira industria que aposta pola produción galega é Capsa que recolle en Galicia mais do 40 % do seu leite e aumentando. Parece que unha alianza de Capsa con Lactogal podía ser unha gran alternativa ao dominio esaxerado que previsiblemente vai ter Lactalis.
-Empresas como Reny Picot e Leite Rio, aínda teñen unha importante parte do Leite galego. Río parece estar en caída libre, non é doado verlle o seu futuro. Reny Picot ten as mellores torres de secado da península e está moi ben situada para concorrer aos mercados internacionais cunha estratexia multiproducto.
-Debemos contemplar con moito interese a consolidación da empresa Entrepinares e o anunciado de Goodleit para Teixeiro
-Parece complicada a viabilidade dos novos proxectos anunciados en Galicia de base cooperativa. Estamos nun mercado inmensamente maduro e entrar nel faise difícil.
-Non se ven ameazas de quebras de empresas que deixen de pagar o leite como pasou noutros momentos.
-Os primeiros compradores sen estrutura están máis asentados (relación máis estable) en cada industria.
Como conclusión final, dende Terra e Leite aseguran que “estamos ante un gran éxito da produción e varios fracasos industriais, pero ante todo un balance xeral positivo, que nos permite extraer conclusións que nos deben servir para mellorar o futuro”.