Pasaron case 30 anos desde que Fertimón e o seu lembrado anuncio ‘Ramón, o Fertimón!’ irrompesen con éxito no mercado. Case tres décadas despois, o fertilizante estrela de Soaga segue gozando dun importante éxito entre os agricultores, grazas á fiabilidade e os resultados demostrados durante este tempo. Pero a sociedade avanza e as necesidades tamén. Por este motivo, a empresa galega creou agora Fertimón PRO, un innovador fertilizante que actúa na fase de crecemento do cultivo para unha mellor absorción de nitróxeno, fósforo e potasio.
O produto chega ao mercado despois dun traballo de investigación realizado durante tres anos en colaboración co Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría do Campus Lugo-Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo deste período, realizáronse diferentes ensaios prácticos co obxectivo de demostrar a eficacia do produto en diferentes doses sobre distintos tipos de chan e mesturas.
En concreto, os ensaios en laboratorio, e posteriormente sobre o terreo, permitiron extraer conclusións para comprobar a efectividade de novos produtos fertilizantes, que conteñen tecnoloxía pro, fronte aos convencionais. Entre os datos máis rechamantes, identificáronse incrementos de até o 34% de produción en materia seca no solo de Lugo. Tamén o estudo realizado en sementeira de pataca agria en parcelas de Xinzo de Limia (Ourense) demostra maior desenvolvemento vexetativo e tubérculos de maior peso.
Emilio Lemos, técnico especialista de Grupo Soaga, explica que o obxectivo era “obter patróns de fertilización con novas fórmulas destinadas a mellorar a nutrición dos cultivos e os seus rendementos sen danar o medio ambiente”. Preténdese así “dar resposta a un cambio de paradigma propiciado polas esixencias lexislativas relacionadas cunha maior protección ao medio ambiente, a detección da perda de materia orgánica do solo, as axudas da PAC ou a visión do agricultor, que demanda produtos de maior valor engadido”, indica Lemos.
CATRO VANTAXES
Catro son as principais vantaxes de Fertimón PRO. Por unha banda, a vangarda de investigación, cun desenvolvemento no que se empregaron as últimas tecnoloxías de fabricación. Por outro, a súa adaptación ás novas regulamentacións, xa que cumpre coas novas normas ambientais para a nutrición sustentable dos solos agrarios.
Ademais é beneficioso tanto para agricultores como para gandeiros, e para a sociedade no seu conxunto, posto que se obtén máis produtividade con sustentabilidade ambiental. Pero é a súa cuarta característica a que o converte nun produto distinto: a tecnoloxía Slow. Grazas a ela, este innovador fertilizante permite unha subministración racional dos nutrientes ao longo da fase de crecemento dos cultivos para obter o máximo rendemento.
A tecnoloxía ‘Slow’ permite o suministro dos nutrientes ao longo de todo o ciclo do cultivo, de cara a lograr o máximo rendemento
“O pouco aproveitamento do nitróxeno aportado aos cultivos é un dos principais problemas ao que nos enfrontamos tradicionalmente á hora de planificar as campañas”, lembra Emilio Lemos, quen apunta ademais que “diferentes estudos demostraron que na aplicación dun fertilizante nitroxenado pódese chegar a perder até un 50% do nitróxeno”.
Tecnoloxía Pro
A maioría dos fertilizantes achegan todo o nitróxeno cando a planta aínda non está preparada para iso. En lugar diso, a tecnoloxía de Fertimón PRO actúa na fase máis importante, cando o cultivo permite unha gran absorción de nitróxeno, fósforo e potasio, o que redunda nun máximo rendemento.
Fertimón PRO chega ao mercado con catro formulacións NPK distintas para cubrir as distintas necesidades dos agricultores: 46-0-0, 24-6-12, 33-0-0 e 20-8-8. Está dispoñible en envase tanto de saco como de big bag.