Rafael Palacios: “No val do Bibei pódense facer grandes viños”

Entrevista a Rafael Palacios, viticultor do Val do Bibei (DO Valdeorras) e autor de Sorte O Soro 2014, encumbrado pola lista Parker como “un dos mellores brancos na historia moderna do viño español”

Publicidade
Rafael Palacios: “No val do Bibei pódense facer grandes viños”

Rafael Palacios nos seus viñedos do Val do Bibei

O viño Sorte O Soro 2014, elaborado por Rafael Palacios na DO Valdeorras, foi encumbrado recentemente pola lista Parker, a cal lle outorgou 97 puntos, a máxima puntuación dos viños de Galicia. Luís Gutierrez, catador para España de RobertParker.com, defíneo como “un dos mellores brancos na historia moderna do viño español”.

“Sorte O Soro 2014 debe ser considerado un dos mellores viños brancos xamais producidos en España, fóra dos viños vellos de Xerez e dalgúns brancos tradicionais de Rioxa” destaca o catador de Parker, quen remarca que “simplemente non podo pensar nun branco mellor”.

Que supón para ti que o teu viño Sorte O Soro 2014 recibise na lista Parker 97 puntos e fose cualificado como “un dos mellores brancos na historia moderna do viño español”?
O que máis me emocionou é a crítica. Viñen a Galicia coa ilusión pola variedade Godello, que descubrín no ano 1996, ata que no ano 2004 decidín instalarme en Valdeorras.

A miña parcela de orgullo persoal estaba xa cuberta, pero o que si me emociona e dáme folgos é o recoñecemento, ser destacado como “un dos mellores brancos na historia moderna do viño español”. Dáme forza para seguir traballando coa mesma ilusión que tiña cando cheguei hai 12 anos….

Luís Gutiérrez describe o teu viño como “etéreo pero ao mesmo tempo potente, un puño de ferro nunha luva de veludo, coa mineralidade eléctrica do granito. (…)Ten unha elegancia de clase mundial”. ¿Cales foron as claves para lograr este Sorte O Soro 2014?
É un viño que procede da primeira parcela, “sorte”, que comprei e a partir de aí foi cando empecei a mercar outros viñedos. Esta parcela, Sorte O Soro, desde o momento que a pisei tiven o sentimento que podía facer grandes cousas alí. Non é que sexa o viñedo máis orientado ao norte que teña, pero si o máis aberto ao norte en canto a orientación da plantación. É unha parcela plantada en socalcos con orientación sur-oeste, a 720 metros de altitude, e está aberta ao norte do val do Bibei, o que produce unha brisa permanente durante todo o ano, combinando a súa orientación máis mediterránea durante a maduración coa frescura da altitude.

O viñedo ten ao redor dos 40 anos, pero os socalcos hai máis de 200 anos que se cultivan. As areas do chan granítico están moi descompostas, areas moi finas, como de praia, o que lle achega ao viño unha mineralidade moi salina.

Os teus viñedos están no Bolo, no Val do Bibei, unha das comarcas vinícolas máis descoñecidas e abandonadas de Galicia. ¿Por que elixiches esta zona?
Non fai falta máis que ver os socalcos para darse conta de que é unha das zonas de viñedo máis antigas de Galicia. Antes da chegada da Filoxera, cara á segunda metade do século XIX, a viticultura do Val do Bibei dominaba sobre o resto de Valdeorras. A difícil orografía e a dificultade para traballar os bancais, xunto coa chegada da filoxera, provocou o abandono dos viñedos nesta zona, as “sortes” que se herdaban de pais a fillos.

Cando cheguei tiven a sorte de comprar viñedos replantados nos anos 70 co plan REVIVAL. Así, os viñedos que adquirín tiñan unha idade media superior aos 25 anos, tamén fun replantando e comprando novas parcelas…ata o día de hoxe. Na actualidade conto con 26 parcelas de viñedo en propiedade e arrendadas, cunha superficie total de 21 hectáreas plantadas coa variedade Godello. As idades dos viñedos oscilan entre os 11 e os 46 anos, cunha pequena excepción de 96 anos.

O que máis me atraeu foi a historia e os dous parámetros de altitude e de chan granítico, e sobre todo o sentimento de que se poden facer grandes cousas aquí.

“Busco que a expresión do terroir sexa o que defina o viño”

Na Denominación de Orixe Valdeorras hai moi boas zonas fóra do Val do Bibei, pero quizais se teñan masificado demasiado as plantacións, con solos nos vales máis fértiles e con grandes producións.

No meu caso, buscaba viños nos que o carácter frutal da variedade non sexa o que defina o viño, senón que haxa unha expresión xeoclimática moito máis importante. E iso conséguese cultivando en zonas máis difíciles e con menores producións.

O Val do Bibei é unha zona moi difícil de traballar na que hai que apostar por producir calidade. Require un gran traballo de viticultura e, xunto a outros viticultores que apostamos pola zona, confío en que recupere parte do esplendor que tivo outrora.

Onde se pode comprar Sorte O Soro 2014?
Estará á venda para partir do mes de xuño, fundamentalmente en restaurantes que coidan a carta de viños e en tendas especializadas. Será moi breve a súa presenza no mercado porque a produción está limitada a unhas 2.800 botellas, polo que será difícil atopalo durante moito tempo.

Nestes últimos meses a Denominación de Orixe Valdeorras estivo envolta na polémica polos distintos puntos de vista sobre a estratexia de futuro do Consello Regulador. ¿Que opinas como adegueiro?
Desde o ano 2004 no que eu cheguei e asistín á miña primeira reunión, hai un conflito permanente no seo do Consello Regulador e considero que os problemas persoais non deben ser os problemas da DO.

Por outra banda, é certo que unha gran parte da produción represéntana aínda variedades minoritarias ou foráneas, como a Garnacha tintoreira e o Palomino. Son variedades que se pagan mal e os viños véndense peor e iso implica un punto de vista diferente entre cooperativas, sindicatos agrícolas e adegas en canto aos rendementos, etc.,  pero temos que poñernos de acordo entre todos e mirar polo ben a DO e polo futuro, principalmente.

Considero que a Denominación Valdeorras está a quedarse atrás respecto doutras denominacións galegas e estanos pasando que se nos coñece máis pola variedade Godello, que pola D.O. Valdeorras. Se isto pasa é que algo mal estamos a facer na DO respecto da promoción.

Sorte o Soro 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información