A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (PROVACUNO) presenta o informe Análise do sector vacún de carne de España, a maior e máis exhaustiva radiografía realizada até agora, que permite coñecer ao detalle en que punto se atopa o sector, e que servirá de guía para emprender accións encamiñadas a lograr unha mellor vertebración e competitividade.
O informe, presentado este luns en Madrid, utilizou dúas fontes de información e estatística: o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e unha enquisa realizada a 260 granxas tipo repartidas por 15 comunidades (46 delas en Galicia) entre setembro de 2020 e febreiro de 2021.
Nestes momentos hai unhas 122.000 explotacións, das que o 40% están en municipios con risco demográfico
“É o informe máis exhaustivo xamais feito sobre o vacún de carne en España, un estudo rigoroso e fiel tras dous anos de traballo”, destacou Eliseo Isla, presidente de Provacuno. O vacún de carne en España é un piar básico para o medio rural, actuando de tractor para as zonas máis desfavorecidas. “O noso sector actúa de freo contra o despoboamento”, destacou.
O estudo analiza os sistemas de produción do vacún de carne en España, o seu impacto na economía rural e a súa contribución para loitar contra o abandono e o despoboamento. Neste momento hai 122.000 explotacións gandeiras de vacún que manteñen algún tipo de vinculación coa produción de carne. Trátase na súa maior parte de explotacións familiares e o 40% están situadas en municipios con risco demográfico.
España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os incendios forestais
Con este estudo, a interprofesional española do vacún de carne trata de desterrar falsos mitos sobre o sector. “España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os terribles incendios forestais que estamos a vivir estes días. A situación podería ser peor se non estivesen as nosas vacas bombeiro”, afirmou Eliseo Isla.
Explotacións de base familiar
O estudo foi coordinado polo veterinario e consultor Manuel Lainez, quen destacou que se trata dunha actividade “de base familiar”. O tamaño das granxas é un dos datos que se desprende deste informe, onde o grupo máis frecuente sitúase entre 20 e 50 animais.
A maioría das explotacións teñen como titular a unha persoa física (86%), mentres que do 14% que teñen forma xurídica, a metade serían Sociedades Limitadas, o 16% Comunidades de Bens, o 14% Sociedades Agrarias de Transformación; o 9% Cooperativas e o 7% Sociedades Anónimas, polo que as SA só representarían o 1% do total das granxas, con menor incidencia no subgrupo das vacas nodriza e maior peso no de cebo.
A idade media dos gandeiros de vacún de carne en España é de 56 anos. “Temos unha idade media avanzada e o máis preocupante é que temos por baixo dos 40 anos só ao 11,6% dos titulares de explotacións”, indicou Lainez.
O 61% das ganderías non contan con remuda xeracional
O 61% dos gandeiros con máis de 60 anos non teñen substitución para a súa explotación. “Vemos que hai un futuro incerto para o sector se non lle aplicamos algunha medida de protección específica”, afirma Manuel Lainez, que asegura que “os produtores necesitan un recoñecemento que os impulse a promover o relevo xeracional”. “Para que os mozos vexan claro o futuro téñeno que ver tamén os seus pais, porque senón esa remuda non se vai producir”, argumenta.
O 40% dos titulares de explotacións de vacún de carne son mulleres, un dato superior ao doutros sectores agrícolas e gandeiros (o Censo Agrario de 2020 sitúa a porcentaxe de mulleres titulares de explotacións no 28%). Ademais, a presenza da muller é maior canto máis pequena é a explotación, sendo maioría no estrato de menos de 10 vacas pero perdendo peso a medida que se incrementa o tamaño da granxa, representando, por exemplo, só un 25% no de 50 a 100 cabezas.
O 30% das granxas están situadas en municipios con risco grave de despoboamento (menos de 5.000 habitantes e menos de 8 habitantes por km cadrado). O 91% dos gandeiros vive na comarca onde ten a explotación.
Alimentación en base a pastos e forraxes
O 64% das explotacións son de carácter extensivo, criando aos animais ao aire libre, fronte a un 36% que mantén aos animais confinados. Os pastos son o elemento principal para a alimentación no 74% das granxas e, cando se suplementa en pesebre, faise con forraxe, palla e penso. Por tanto, “o noso modelo produtivo é pasto + forraxe + palla + penso”, insiste Lainez.
“Os produtores de vacún son os garantes da biodiversidade”, asegurou o coordinador do informe, que indicou que o 26% das explotacións pastorea en zonas con algún tipo de protección ambiental.
Marxe de mellora na redución de emisións
O 80% das explotacións producen esterco e o 20% utilizan xurros, “sobre todo en ganderías da cornixa cantábrica”, detallou o autor do informe. Estes fertilizantes de orixe orgánica procedentes dos animais aplícanse ás pradeiras de media 1,4 veces ao ano, sobre todo en dous períodos: ao final do inverno e inicio de primavera e ao principio do outono.
A dose media é de 16 toneladas por hectárea, a metade en caso de explotacións de vacas nodriza. “Se pensamos en termos de unidades de nitróxeno, a limitación de 170 kg por hectárea fixada para as zonas vulnerables equivalería a entre 25 e 30 toneladas en función das características do esterco”, detallou Lainez.
O 9% das granxas instalou enerxías renovables nos últimos anos
A pesar de tratarse dun exemplo de economía circular “as prácticas de manexo das explotacións deixan marxe de mellora para reducir as emisións e garantir unha adaptación ás esixencias das políticas ambientais”, recoñece Provacuno nas conclusións do estudo.
“Temos un só modelo produtivo de vacún de carne, non un de cebadeiros e outro de granxas de vacas nodrizas”
Manuel Lainez insistiu en considerar ao sector produtor de carne no seu conxunto, englobando tanto a ganderías como a cebadoiros. “Temos un só modelo produtivo, non temos un modelo de vacas nodriza e outro de instalacións de cebo, son o mesmo modelo, cunha fase de produción de tenreiros e outra de engorde. Sen os cebadoiros non existe a posibilidade de ter explotacións de vacas nodriza, porque os tenreiros que nacen nas ganderías de vacas nodriza non se poden cebar moitas veces nesas mesmas explotacións por falta de recursos naturais e condicións adecuadas”, afirmou, en alusión a granxas que venden os becerros pasteiros ou de recría a cebadoiros.
En canto ás actuais circunstancias de encarecemento de custos de produción, Javier López, director de Provacuno, asegurou que “a guerra de Ucraína foi un elemento máis, pero non o único. Era unha situación que xa viña de antes, fundamentalmente porque China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30”, explicou.
China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30
En canto ás consecuencias sobre a produción, recoñeceu unha “tendencia decrecente”. “Está a haber unha redución de animais para cebo, como xa ocorreu en 2007-2008, cunha redución dun 15%. Viñamos dun ciclo ascendente co ano 2019 con récord de produción e unha situación boiante do sector. Veu a covid e o sector aguantou, pero atopámonos cun incremento de prezos das materias primas que está a facer moito dano”, asegurou.
Seguimento de stocks para evitar a especulación
Esperanza Orellana, directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, encargada de clausurar o acto, recoñeceu que “estamos nun momento difícil e de moita incerteza, sen precedentes en canto á concatenación de factores”.
“Asistimos a unha escalada de prezos das materias primas para alimentación animal que é algo que nos preocupa e por iso puxemos en marcha un sistema de seguimento dos stocks en mans de operadores privados para evitar a especulación. Non podemos tomar decisións se non coñecemos con exactitude a realidade do sector, por iso decidimos monitorizar cales son a existencias en mans de almacenistas, cooperativas e importadores”, detallou.
O comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame
Orellana alertou sobre a “tentación proteccionista” por parte dalgúns países afirmando que “o comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame”, advertiu.
En canto ás consecuencias que sobre o consumo podería ter a forte inflación, recoñeceu que aínda que as exportacións no sector do vacún de carne no ano 2021 comportáronse moi ben, cun incremento do 5% en volume e un 19% en valor, e a pesar de que o vacún é a segunda carne máis consumida fóra da casa, “os datos de consumo doméstico non son alentadores”, dixo.
Alimentar na UE a 450 millóns de persoas
No acto tamén interveu por videoconferencia desde Bruxelas María Gafo Gómez-Zamalloa, xefa adxunta da Unidade de Sustentabilidade Social da Comisión Europea, quen destacou que o 83% do territorio da UE é rural e nel vive o 30% da poboación.
“É necesario ter unha visión a longo prazo para as zonas rurais”, insistiu tras destacar a importancia de asegurar o abastecemento alimentario na UE, onde 40 millóns de produtores alimentan a 450 millóns de consumidores.
Fomentar a substitución xeracional
“Temos un grave problema de remuda xeracional na agricultura. Só 1 de cada 10 agricultores teñen menos de 40 anos e a presenza da muller non representa máis do 30%. Na futura PAC dáse prioridade a estes dous aspectos”, insistiu.
Os Estados membros teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozas
Os países teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozos, aínda que as estratexias seguidas polos países son diferentes: “en Irlanda foméntase o relevo dentro da propia contorna familiar, mentres noutros países búscase a substitución fóra, en sectores que non teñen ningún tipo de tradición agrícola ou gandeira”, detallou.
Servizos ecosistémicos asociados á produción de carne
Margarita Rico, profesora da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Valladolid, puxo o foco nos servizos ecosistémicos que proporciona a gandería.
“Os do medio rural non nos sabemos vender ben. Se desde fóra nos desacreditan, temos que defendernos. Temos que empezar a cuantificar en euros o valor dos servizos ecosistémicos. Será a maneira de acalar moitas bocas. É un sector que dá máis do que quita”, afirmou.
Dar argumentos ao consumidor
O informe presentado este luns trata de dar argumentos ao consumidor. “Está a haber un ataque desmesurado a todo o sector, non só de vacún, senón de produción de proteína animal, por sectores e intereses que queren cambiar os hábitos de consumo e facer negocio, e a partir de aquí constrúen un discurso cheo de falsidades e barbaridades e desde o sector até agora non soubemos responder”, recoñece tamén Javier López.
A nivel mundial, producir 1 quilo de carne de vacún xera 65 quilos de CO2; en España 22 quilos
“Temos un incendio en Zamora, iso si que solta carbono. E iso prodúcese porque o gando desapareceu e onde desaparece o gando temos un desastre ambiental. Hai intereses que tratan de gañar unha cota de mercado porque o mercado mundial de proteína é moi goloso. A partir de aí xorde a procura de argumentos”, afirmou.