Radiografía do sector da mazá de sidra en Galicia: Claves para que siga xerando riqueza

Malia que o clima, o terreo e a calidade do froito son os óptimos, o sector da mazá sidreira galega non consegue acadar todo o seu potencial. Foi a principal conclusión dunha xornada sobre a mazá como oportunidade de negocio organizada por AGACA e a Rede Eusumo. Os aspectos agronómicos, burocráticos e de mercado foron analizados por diferentes actores do sector. Todos eles coincidiron na necesidade de dar pasos cara a unha maior profesionalización.

Publicidade

maza sidra maeloc chantada 1

Especialistas e profesionais do sector frutícola achegaron información técnica e práctica sobre o cultivo de mazá de sidra en Galicia, abordando aspectos produtivos, oportunidades de mercado, sostibilidade e innovación. Foi no marco dunha das 12 xornadas sobre oportunidades de negocio que promoven a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Rede Eusumo, da Consellería de Emprego.

Higinio Mougán, xerente de AGACA, deu comezo ao acto facendo un chamamento a crear sector, a aproveitar a tradición e o coñecemento científico e a determinar as posibilidades de diferenciación da mazá sidreira galega. Fai falta acompañamento, dixo, para poder afondar na profesionalización.

Mougán falou da enorme oscilación entre a cantidade de produción duns anos a outros, o coñecido como vecería. Ese fenómeno afecta a toda a cadea e os prezos. E sinalou que en Euzkadi, Asturias e Cantabria hai plans para incrementar a produción e conseguir unha maior regularidade.

Nese sentido, Mougán sinalou que, na súa opinión, os contratos que se asinen entre produtores e operadores deberan ser de carácter plurianual e non anual. Porque dese xeito evitaríanse oscilacións excesivas dos ingresos dos produtores en cada exercicio.

Hai marxe para que a produción de mazá de sidra en Galicia teña un maior recoñecemento na PAC (Higinio Mougán, xerente de AGACA)

Respecto da PAC, o xerente de AGACA falou de axudas de dous tipos: primeiro as de desenvolvemento rural, especialmente as dirixidas a cultivos leñosos sustentables (que en Galicia son a mazá, a castaña e a oliva). A extensión mínima para ter axudas é de dúas hectáreas, sempre que se manteñan con cuberta vexetal e sen aplicar fitosanitarios agás en casos moi xustificados. Polo de agora a contía máxima é de 200 euros por hectárea, mentres que noutras CCAA chega a 600.

Por outro lado están as de Axudas Básicas á Renda. Para acceder a elas é preciso mercar dereitos ou acceder a través da reserva nacional. O problema é que normalmente só as persoas xóvenes teñen posibilidade de entrar na reserva nacional. En Galicia a meirande parte dos produtores son de mediana idade. Neste apartado están tamén as axudas redistributivas, as complementarias para agricultores xóvenes ou os ecorreximes.

Mougán tamén instou a analizar o cambio climático e especialmente as secas que afectaron a Galicia nos últimos anos. Ademais, agradeceu os ponentes as súas aportacións e as entidades colaboradoras e insistiu na necesidade de analizar e fortalecer as estruturas comerciais da mazá galega.

Miguel López Sieiro. Subdirector Xeral de Coordinación da PAC, da Cadea e Calidade Alimentaria, analizou diferentes aspectos legais e económicos da cadea alimentaria. O primeiro que fixo foi repasar os aspectos legais, tanto estatais como comunitarios, que rexen a cadea e os condicionantes que fixan. Calificounas de “aspiracionais” polos numerosos aspectos que abrangue.

A calidade da mazá galega foi obxecto de análise na xornada

A calidade da mazá galega foi obxecto de análise na xornada

Un dos aspectos máis importantes – se non o que máis- e o da formalización de contratos. Teñen que ser por escrito, estar asinados por ámbalas dúas partes, deben estar presentes en todas as fases de comercialización e deben ser asinados antes de que se produza a prestación.

Os contratos asinados entre produtores e industria están moi regulados e son a mellor garantía para as dúas partes (Miguel L. Sueiro, Subdirector Xeral de Coordinación da PAC)

Sieiro citou o exemplo dun produtor de mazás que merca árbores nun viveiro. Nese caso, e se o importe sobe de 1.000 euros, hai que asinar un contrato. Porque o agricultor non sería un consumidor final xa que o que está adquirindo é un medio para producir a súa mercadoría.

Respecto do contido dos contratos, como mínimo, debe constar a identificación das partes, o obxecto -indicando categorías e referencias contratadas-, o prezo (incluíndo descontos, bonificacións e similares), as condicións de pagamento e de entrega e os dereitos e obrigas das partes.

Asimesmo, deben constar a información que intercambian as partes, a duración (entrada en vigor, renovacións e modificacións), as causas e efectos de extinción, os medios de resolucións de conflitos (xulgados ou outras vías), as penalizacións e as excepcións por causa de forza maior.

Ademais, os contratos teñen que rexistrarse (dende xuño de 2023) no Rexistro Dixital de Contratos Alimentarios na páxina web www.aica.gob.es . E o rexistro teñen que facelo os operadores que merquen a produtores primarios ou a agrupacións destes.

As normativas contemplan excepcións á hora de asinar contratos. Unhas excepcións que, actualmente, son moi comúns no sector da mazá de sidra en Galicia pola escasa cantidade de produto que soen aportar os donos das mazairas. Son as seguintes:

A sinatura de contratos homologados é un paso fundamental para a profesionalización do sector

– No caso de transaccións por valor inferior a 1.000 euros. Non é obrigatorio formalizar contratos, pero si que hai a obriga de pagar en prazo, que son 30 días dende a entrega nons produtos perecedoiros e 60 días nos non perecedoiros.

– En situacións de pagamento ao contado dos produtos alimenticios

– As empresas de transporte (os camións ou remolques que transportan a mazá se non o fai o produtor)

– A canle HORECA

– Consumidores finais

– As entidades asociativas. Especialmente as cooperativas. Nese caso, aínda que non haxa contratos, é preciso que se recolla nos estatutos ou nos acordos o valor do produto entregado polos socios e o calendario de entregas e que estean aprobados polos órganos de goberno.
Pero o máis importante, neste caso para os produtores de mazá de sidra, son os prezos e a medición dos custos de produción que figuran nos contratos. Teñen que cumprir escrupulosamente estes requisitos:

– Incluír todos os pagamentos, descontos, primas e similares

– Se son fixos e/ou variables

– Que se fixen por factores obxectivos, verificables polas partes, non manipulables e que cconsten expresamente no documento

– Que non sexan manipulables polos sucesivos operadores ou fagan referencia a prezos participados

– Que os prezos sexan superiores aos custos asumidos polo produtor primarios

Respecto deste último punto o técnico explicou que se deben contabilizar todos os custos que o produtor asume para poder entregar o produto acordado. En relación cos produtores de mazá sidreira, deberán computarse as sementes e plantas de viveiro; os fertilizantes, fitosanitarios e pesticidas; combustibles e enerxía; maquinaria e reparacións; custos de rega; amortizacións e intereses de produtos financieiros e traballos contratados, man de obra asalariada ou o traballo do propio produtor e a súa familia.

 

Asinar contratos coa industria é a mellor garantía para os produtores, segundo os ponentes

Asinar contratos coa industria é a mellor garantía para os produtores, segundo os ponentes

O cálculo de custos de produción non está axustado a parámetros estandarizados.

Con todo, Sueiro recoñeceu que tanto o cálculo dos custos de produción como a súa plasmación nos contratos se viu moi condicionada polas sucesivas sentencias xudiciais que cualificaban de excesivamente xeneralista a normativa á hora de calcular os custos e mesmo que podería prexudicar os operadores en situacións puntuais.

Para o caso da mazá, podería darse no futuro unha situación semellante a da uva adscrita a DOP ou IXP. É o tema da validación de colleita, é dicir, un pagamento posterior á entrega do produto que viría a recompensar a calidade engadida que presente o froito. En todo caso, esa posibilidade debe constar previamente no contrato. A día de hoxe, nin sequera a mazá adscrita ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica conta coa figura da validación.

Ademais -algo habitual na mazá sidreira- está o concepto de almacenamento. Por exemplo, un produtor entrega mazás que precisan dun almacenamento para rematar a súa maduración. Nese caso, o contrato asínase unha vez que remata o almacenamento e tense en conta o custo que supuxo para o comprador.

Sueiro lembrou que os produtores, no caso de detectar algunha irregularidade ou incumprimento nos contratos, poden realizar denuncias tanto ante a administración estatal como autonómica e que xa hai formularios específicos a tal efecto que, ademais, garanten o total anonimato do denunciante se este así o desexa.

O Subdirector rematou a súa intervención recomendando os produtores e asociacións de produtores de mazá que se dirixan ao Fondo Galego de Garantía Agraria no caso de que desexan que se amplíen as liñas de axudas adscritas á PAC para este sector ou mesmo que se abran outras novas. Sueiro sinalou que sería útil presentar un documento no que se indiquen a situación actual e as liñas nas que se quere actuar. Pero tamén recalcou que calquera novidade xa iría con cargo ao vindeiro período da PAC e non ao actual.

Enrique Dapena, do Servicio de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (SERIDA), falou da selección de variedades de mazá pola súa adaptación ao clima e ao chan. Lembrou as primeiras prospeccións feitas en Asturias para a identificación de castes e da creación do primeiro banco de xermoplasma pomolóxico.

Ditos traballos baseáronse en catro accións fundamentais:

– Avaliación agronómica e tecnolóxica: enfermidades e pragas, capacidade produtiva, época de floración-maduración e composición

– Mellora xenética de variedades: resistencia a doenzas e pragas, regularidade na produción, variedades amargas de maduración tardía

– Caracterización morfolóxica: froitos, flores, follas, brotes e árbores.

– Caracterización molecular: marcadores moleculares microsatelitais, identificación varietal, diversidade xenética

Un dos primeiros pasos na avaliación das castes de mazá previa á súa plantación consiste en identificar aquelas que maior capacidade de resistencia amosan hacia os fungos patóxenos. Os máis habituais en todo o norte de España son o oidio, o moteado, o chancro e a monilia.

O traballo xenético céntrase en buscar fórmulas – a través das variedades- que presenten resistencias fronte as pragas (Enrique Dapena, SERIDA)

O segundo paso é avaliar a capacidade de cada caste para producir sidra. Eso determínase analizando o contido de azúcares, o rendemento en mosto, o grao de acidez e a presenza de fenoles e taninos. En terceiro lugar, hai que buscar que as árbores produzan en cantidade suficiente e que a produción sexa o máis regular posible todos os anos.

Dapena explicou que o problema de vecería tamén é moi acusado en Asturias, sendo os anos impares os de alta produción e os pares os de baixa. Así, tense dado o caso de chegar a 45.000 toneladas nun ano impar e caer ata 15.000 no ano seguinte. O traballo do SERIDA consistiu en realizar cruzamentos tendentes a reducir esa vecería e a crear exemplares máis resistentes aos fungos, ás bacterias e a insectos como o pulgón cincento.

O traballo de recuperación xenética deu en Asturias resultados mellores dos agardados. (Enrique Dapena, técnico do SERIDA)

Tendo en conta que a recollida se fai en tres tandas -segunda quincena de outubro, primeira de novembro e segunda de novembro- tamén foi preciso traballar con hibridación e recuperación das castes que presentaban o amargor necesario para elaborar sidra e que se podían recoller neses tres períodos.

O aumento na produción foi o grande logro do programa de mellora xenética. Porque antes de aplicar as melloras tan só 5 castes superaban as 10 toneladas por hectárea no 5º e 6º ano de cultivo. Logo do traballo xenético, ata 24 castes superaban esas 10 toneladas e dúas delas superaban as 20 toneladas neses mesmos 5º e 6º anos.

Proba da importancia que a mazá ten en Asturias témola en que o SERIDA realiza estudos de campo nas provincias de León e Lleida para previr doenzas e pragas que poidan chegar a territorio asturiano. É o caso do “lume bacteriano”.

As industrias son cada vez máis selectivas á hora de recoller mazá sidreira

As industrias son cada vez máis selectivas á hora de recoller mazá sidreira

Sobre eses núcleos de bacterias, Dapena sinalou que hai risco de que afecte a curto prazo as mazairas de Ourense e Pontevedra por causa da suba de temperaturas. Para combatelo, xa se elaboraron cruzamentos das castes Meana e Florina que arroxaron resultados alentadores.

Respecto da influencia do cambio climático no cultivo da mazá, Dapena presentou un estudo baseado en porcións de frío, un valor indicativo do frío acumulado en cada ubicación xeográfica nun tempo determinado.

Así, sinalou que a media histórica en Asturias era de 96 porcións anuais. Pero no ano 2020 xa baixou a 87,3 e podería ser que en 2040 estea en 79,6. Unha ausencia de frío que pon en risco a viabilidade do cultivo. Con todo, o traballo xenético deu como resultado -aínda que non era ese o obxectivo- castes que poden completar a floración malia que se reduzan as horas de frío anuais.

Finalmente, José Antonio López e Jesús Rodríguez explicaron as súas experiencias cultivando mazá de sidra en A Estrada e Alfoz respectivamente. López explicou como hai corenta anos arrincou as mazairas para ter máis terreo para a produción de forraxes para as súas vacas de leite e como agora está a acometer o proceso á inversa.

Actualmente manexa 16 hectáreas en propiedade e outras 10 en alugueiro. Tamén está facendo ensaios nunha parcela que ten no monte, onde plantou 2,5 hectáreas a 650 metros de altitude e con patróns M-25. Malia estar lindeiras con eucaliptos, o estado sanitario e de crecemento das árbores é óptimo. Anualmente pon no mercado entre 400 e 500 toneladas de mazá.

López ve un problema moi grande nos prezos da mazá. Así, sinalou que as marxes de beneficio eran moito maiores hai dez anos, cando comezou a vender, que agora. E lembrou que no último exercicio tanto en Francia como en Euzkadi o prezo en orixe subiu un 5%. Algo que a el non lle aceptan os compradores.

Sinalou tamén que nos últimos tres anos os gastos en fertilizantes e fitosanitarios subiron un 43% e os custos laborais tamén se incrementaron nun 7%. Por eso, amosou a súa decepción co desenvolvemento da Lei da Cadea Alimentaria e como as sentenzas xudiciais tomban os obxectivos da mesma. “Para pagar un café nun bar teño que vender cinco quilos de mazá”, dixo.

O produtor de A Estrada asegura que na súa comarca se perden todos os anos arredor de 300.000 quilos de mazá que quedan no chan porque as industrias non a queren. O motivo é que cada ano veñen antes -sobre todo castes como a Solarina ou a Clara- e non son válidas para que as sidrerías as merquen. López cifra nun 30% a cantidade de colleita que queda sen vender.

Pola súa parte, Rodríguez fixo un chamamento a que se fagan estudos de castes, terreos e clima para que as mazairas galegas acaden todo o seu potencial produtivo. E é que, sinalou, co mesmo terreo, a mesma variedade e o mesmo marco de plantación, en zonas como o Bierzo ou Asturias obteñen mellores resultados que aquí.

Agora proxectan unha plantación de dúas hectáreas e están a facer todo tipo de análises para que saia o mellor posible. “A terra é profunda e de moita calidade, cunha riqueza dun 10% e rica en turba. E na nosa zona non hai nin xeadas tardías nin treboadas de pedrizo. Esas condicións deberan ser suficientes para garantir o éxito. Xa veremos”, dixo.

O produtor de Alfoz cre necesaria unha maior comunicación entre os produtores de mazá e a industria da sidra para que se seleccionen as variedades máis útiles para ámbalas dúas partes. E indicou que as sidrerías prefiren e pagan mellor as castes tardías. Ou poden penalizar que se lles sirvan mazás de mesa que atascan as prensas nas que se fai a sidra.

A actividade enmarcouse no programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, que é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta coa financiación do Ministerio de Traballo e Economía Social.

A agronomía das mazairas é clave para obter producións de calidade e cantidade

A agronomía das mazairas é clave para obter producións de calidade e cantidade

Cun manexo e unha selección de castes e parcelas axeitados pódese facer rendible o cultivo da mazá sidreira

A sustentabilidade e as prácticas ecolóxicas no cultivo de mazá foron o obxecto da intervención de Marcos Vázquez Marey, do Museo Vivo e Integrado do Campo e Locomoción Agraria (MUVICLA), que explicou o labor que desenvolven en Casa de Vázquez -en Trasliste, Láncara-, o grupo de casas de labranza adscritas ao proxecto, en relación coa mazá.

Vázquez explicou o modelo de produción de mazá que aplican na súa explotación e insistiu en que sen grandes esforzos físicos e sen exceso de horas de traballo se poden obter uns excelentes resultados en canto a produción. Eso si, tendo en conta a vecería, que leva a anos de pouca colleita.

Como exemplo citou unha das súas leiras, na que obteñen en só 550 m² e con 15 mazairas rendementos por riba dos 2.000 quilos nos anos bos. Tendo en conta que cada persoa recolle uns 600 quilos de mazá nun día e que nesa leira tamén fan pastoreo e sumando os traballos de poda, resulta que só hai que dedicar catro días de traballo ao ano para obter un rendemento óptimo na parcela. Un exemplo de que a profesionalización leva a bos resultados.

Considero que a profesionalización e a incorporación de maquinaria e tecnoloxía que leva aparellada son o camiño que debe seguir a mazá de sidra. (Marcos Vázquez, MUVICLA)

Vázquez aposta polas castes autóctonas e o seu manexo tradicional

Vázquez aposta polas castes autóctonas e o seu manexo tradicional

Mediante o programa Excel, levan 25 anos recollendo os datos de produción e de ingresos por venda de mazá na explotación. Esa acumulación de datos permítelles facer unha proxección altamente fíable da colleita que van ter cada ano.

Vázquez tamén se amosou partidario dos contratos rexistrados. No seu caso, levan anos entregando a mazá ao principal operador galego e insistiu en que de todos os contratos que se asinan polos produtos que venden na explotación (carne, trigo, palla…), o máis detallado e rigoroso é o que lles ofrece o operador de mazá sidreira.

Para ter unha boa plantación de mazás, é preciso que a terra sexa boa e que estea ben abonada. Baixo esa premisa, Vázquez sinalou que esa terra boa e ben abonada tamén require de coidados fronte as malas herbas. No seu caso, téñenas controladas todo o ano e suprímenas de xeito manual. Porque é máis barato e eficaz facelo así que usar herbicidas cando xa están descontroladas. Tamén sinalou que aplican ese modelo por convencemento e non só por estar nun modelo ecolóxico.

Dende o ano 2006 en Casa de Vázquez decidiron destinar a mazairas todas as parcelas inferiores a 3.000 m², deixando as de maior tamaño para que paste o gando. Daquela fixeron plantacións cun metro cúbico de fosa para cada árbore.

Unha diferencia desta explotación ao respecto doutras de mazaira é que deixan medrar a herba ata que incluso chega a competir coaz mazairas polos nutrientes do solo. Eso débese a que aproveitan esa herba ben para ensila, ben para que pazan as vacas cando se poñen á sombra. Eso si, pacen sempre fóra da época de floración.

En Casa de Vázquez contan cun sacudidor que deseñaron e construíron eles mesmos para axitar as árbores e favorecer a caída da mazá. A froita recóllese en big bags que logo son descargados nun remolque mediante un tractor capaz de levar dous big bags en cada traslado.

O traslado ata a sede do operador fano en tractor (malia ser preto de 70 quilómetros) cun remolque con capacidade para preto de oito toneladas. Este sistema permítelles reducir as mermas posto que as mazás son transportadas no mesmo día ou no seguinte a ser recollidas. Como as entregas se fan ás sete da mañá, tanto a maquinaria como o persoal poden dedicar o resto do día a seguir coa recollida.

Para reducir as mermas, transportamos as mazás ata a sede do operador o mesmo día que se recollen ou, como moito, ao día seguinte.

En moitas das parcelas, as mazairas están pegadas a antigos valados. Así, obríganse a manter limpos eses valados. En caso contrario, as silvas e outras malas herbas medrarían entre as pedras por non ser precisa unha limpeza continua.

Na explotación apostan por non sobrecargar de árbores o terreo, polo que apostan xeralmente por un marco de plantación de 6×6 ou incluso de 6×7. As castes de mazá que máis cultivan son a Regona e a Da rega, Agora tamén están intentando reproducir castes antigas que había na zona como a Mel e manteiga, a Reineta a Pel de Touro.

Polo modelo ecolóxico e por tradición da casa, os tratamentos fitosanitarios son algo excepcional en Casa de Vázquez. Se, por exemplo, detectan un brote de chancro o primeiro que se fai é cortar e retirar da plantación as partes danadas no canto de recorrer a praguicidas.

Se ben a retirada de herbas se fai de xeito manual, agora están inmersos nun proxecto de investigación coa USC no que realizan queimas. Vázquez indica que no queimado hai que ser moi preciso porque, se non se fai correctamente, pode dar lugar a unha aparición masiva de labazas.

Por ter tamén explotación de vacún de carne, o abonado faise co esterco das vacas. Xeralmente cun esparexedor e, sobre todo, nos anos en que se fai poda e a maquinaria accede con máis facilidade. Ao mesmo tempo que se abona, realizan o encalado para ter controlado o PH. Segundo dixo Vázquez, é suficiente con botar uns baldes de cal por riba do esterco.

Nas leiras onde non se pode fertilizar empregando maquinaria utilizan esterco de granxas avícolas que almacenan en big bags e que van repartindo ao longo do ano cunha pá e unha carretilla. Un traballo que realizan nas horas mortas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información