Radiografía do leite en Galicia: Un sector punteiro en Europa que factura máis de 3100 millóns de euros

LELY GANDERIA LODOS LUZ VENTILACION VACAS ESTABLO 1A Fundación Juana de Vega vén de presentar o seu informe sobre o sector leiteiro galego. O documento recolle parámetros que xa son unha constante para os gandeiros de Galicia. Os prezos en orixe máis baixos do estado, o pouco volume de industrialización ou o peche de granxas ano tras ano están entre as constantes máis negativas. Manter as cifras de produción e o número de vacas, ser a novena rexión produtora dentro de Europa ou abranguer o 41,5% de todo o leite español estarían entre as positivas. Pero o estudo tamén recolle outros apartados pouco coñecidos pero non menos importantes

As grandes cifras reflicten que en 2024 houbo 6.170 explotacións que fixeron entregas de leite ata alcanzar 3.126.000 toneladas. Facturaron entre todas 1.352,60 millóns de euros e cun Valor Engadido Bruto de 688,26 millóns. Os gandeiros galegos constitúen a novena rexión produtora de Europa, por díante de Schleswing-Holstein aínda que tan só por 5.000 toneladas. Malia o goteo de peches de explotacións, Galicia aumentou a súa produción nun 20% entre os anos 2013 e 2023, con 596.000 toneladas adicionais. Unha cifra boa pero lonxe do crecemento da polaca Mazowiechi, que foi do 46,67%. Eso si, estímase que o estancamento de rexións tradicionalmente moi produtoras como Basse Normandie ou Pays de la Loire permitirá a Galicia escalar posicións.

Galicia é a novena rexión produtora de Europa e podería escalar posicións nos vindeiros anos

O peso do sector leiteiro galego destaca máis se se ten en conta que España só aporta o 5% do total de leite da UE (7,29 millóns de toneladas), por debaixo de estados máis cativos como Irlanda (6%), Países Baixos (10%) ou Polonia (10%). Un total do leite da UE que ascende a 144,35 millóns de toneladas.

Mentres que a produción española tocou teito no ano 2021, con 7,436 millóns de toneladas, non volveu acadar esa cifra e a baixada foi case constante. Por contra, Galicia mantivo un crecemento sostido, só cunha pequena redución no ano 2022 debida á tardanza en recuperarse dos efectos da suba de custos de produción que causaran a pandemia e a guerra de Ucraína. A día de hoxe, Galicia produce máis leite que a suma das catro CCAA que a seguen no ranking, Castela-León, Cataluña, Andalucía e Asturias. Ademais, a cabana galega é responsable do 71% do crecemento en España. De cada 10 litros que se aumentan, 7 proceden de Galicia.

E tamén na calidade do leite van as granxas galegas á cabeza. E é que no ano 2024 a media de graxa en España foi do 3,78% e a de proteína do 3,37%, mentres que en Galicia foi do 3,84% de graxa e 3,39% de proteína.

En canto a leite ecolóxico, a nosa comunidade aporta o 53,15% do total español, con 21.524 toneladas. Con todo, tanto en Galicia como no resto de España a gandería ecolóxica leiteira continúa sendo marxinal, co 0,70% e o 0,55% respectivamente. O estudo da Fundación Juana de Vega sinala que no ano 2023 houbo unha caída do 8,53% da produción de leite ecolóxico en Galicia, debida ao estreitamento entre as marxes co leite convencional, que facían pouco atractivo seguir en ecolóxico. Pero en 2024, recuperouse nun 0,88 grazas sobre todo a que a diferencia de marxe volveu aos 0,12 € por litro. En países como Austria, Suecia e Dinamarca, o leite ecolóxico supón o 10% do total, de xeito que hai moitas posibilidades de crecemento en Galicia.

Prezos en orixe

Os prezos en orixe continúan a supoñer unha discriminación para os gandeiros galegos. Se o ano 2022 foi de subas xeralizadas e altas cotizacións sostidas, entre marzo de 2023 e setembro de 2024 regresaron as baixadas, aínda que non excesivamente bruscas. O estudo que realizou a Fundación Juana de Vega establece as seguintes conclusións:

Os gandeiros galegos seguen sendo os que menos cobran en orixe de toda España

.- O prezo medio ponderado do 2024 en España situouse nos 49,10 c/L, un 10,21% por debaixo do alcanzado no 2023 (-5,58 c/L). No caso de Galicia o prezo medio ponderado foi de 46,76 c/L (-11%), equivalente a 5,78 c/L menos por litro.

.- Os prezos medios ponderados de 2024, tanto para España como para Galicia, son lixeiramente superiores aos alcanzados no 2022, que se situaron para o caso de España nos 46,43 c/L e para Galicia nos 45,28 c/L

.- O diferencial de prezos pagados aos produtores en Galicia con respecto a España seguiu unha tendencia crecente desde xaneiro de 2021 ata novembro de 2023, data na que alcanzou os 3 c/L. A partir desa data os diferenciais estreitáronse, pero con todo, o prezo medio ponderado de Galicia sitúase 2,34 c/L por debaixo do prezo medio ponderado do conxunto de España (-4,77%).

.- O prezo medio ponderado en Europa (UE-27) comezou a incrementarse novamente en xuño de 2024 ata alcanzar en decembro do 2024 os 54,53 c/kg (+18,24%).

.- Os prezos en España e en Galicia, despois de situárense por riba dos europeos desde xaneiro de 2023 ata marzo de 2024 no caso de Galicia e ata xullo de 2024 no caso de España, volven situarse por baixo dos europeos (-12,05% en España; -6,57 c/Kg e -15,96% en Galicia; -8,70c/Kg).

.- Os prezos en España e Galicia, comezaron a subir de novo en agosto de 2024, en consonancia co forte incremento dos prezos europeos, pero fano a un menor ritmo.

.- Durante os anos 2018-2020 tanto os custos de produción (36 c/L) como os prezos recibidos polos produtores (33 c/L) mantiveron unha estabilidade relativa. No entanto, esta etapa caracterizouse por marxes negativas, xa que os prezos recibidos estiveron sistematicamente por debaixo dos custos. A sostibilidade das explotacións durante este período dependía en gran medida doutros ingresos complementarios, como a venda de animais, variacións de inventario e as axudas da PAC.

.- No 2022 produciuse unha forte suba tanto dos custos de produción (0,44 €/L) como dos prezos recibidos (0,46 €/L), que por primeira vez no período analizado superaron os custos. Esta mellora, unida ao aumento dos ingresos totais (0,53 €/L), permitiu unha notable recuperación das marxes das explotacións.

.- En 2023, o prezo recibido polos produtores continuou aumentando ata 0,53 €/L, mentres que, segundo a estimación, os custos de produción experimentaron unha lixeira moderación, situándose en 0,43 €/L. Este escenario, cunha maior diferenza entre prezos e custos, permitiu consolidar un ano extraordinario para o sector leiteiro, con marxes historicamente altas e un forte impacto positivo na rendibilidade das explotacións.

.- En 2024 produciuse unha caída no prezo recibido polos produtores ata 0,47 €/L, mentres que os custos de produción continuaron descendendo ata os 0,39 €/L, pero como consecuencia da maior caída dos prezos prodúcese un estreitamento das marxes. Con todo, o ano 2024 continúa sendo un bo ano para o sector produtor

Consumo

O leite que se produce en Galicia vai maioritariamente para brick ou outras fórmulas de consumo en líquido. Dende o ano 2000 ata o 2025, o Ministerio de Agricultura ten rexistradas caídas do leite enteiro na compra das familias de ata un 61,7%, pasando dos 49,33 litros por persoa e ano ao comezo de século aos 18,85 actuais. No caso dos leites desnatados e semi-desnatados, a tónica foi de leves fluctuacións anuais sen grandes grandes picos nin grandes baixadas. No ano 2000 consumíanse 26,53 litros por persoa e ano de semi-desnatado e, un cuarto de século despois, a cifra é de 28,83. Para o desnatado, a evolución foi de 20,02 a 15. A aparición de novos produtos no mercado, como as bebidas vexetais, os gustos cambiantes da xente nova e a inevitable volubilidade das tendencias de consumo son algo co que hai que convivir. O leite fresco ou de curta duración supón só o 4% de todo o que se consume en España.

O leite semi-desnatado é o máis demandado nos lineais de Galicia

Respecto do consumo de derivados lácteos no último exercicio do que hai datos (2023), deixou as seguintes cifras de quilos por persoa e ano e a súa porcentaxe:

PRODUTO CONSUMO QUILOS/PERSOA ANUAL % SOBRE O TOTAL DE DERIVADOS
Leites fermentados e iogures 12,48 39%
Queixo 7,56 24%
Xeados e tortas 3,44 11%
Batidos 3,04 10%
Sobremesas lácteas 2,29 7%
Nata 0,98 3%
Manteiga 0,35 1%
Outros 1,84 5%

Explotacións e a súa estrutura

En Galicia, como no resto de España e de Europa, a tendencia segue a ser a do peche de explotacións e non apertura doutras novas. No ano 2024 foron 372 as granxas que cesaron na actividade en Galicia. E é que desde o ano 2015, cando desapareceron as cotas, as explotacións con entregas de leite en España reducíronse nun 45,52% e hai 7.730 explotacións menos. É decir, neste tempo pecharon máis granxas en España das que hai actualmente en Galicia, que son 5.247; e outro aspecto negativo é que delas, 4.359 estaban en territorio galego.

Dende 2015 pecharon en España 7.730 explotacións, 4.359 delas en Galicia

Como aspectos relativamente positivos pódese citar que os peches foron maiores porcentualmente noutras CCAA como Castela e León (-55,75%), Asturias (-46,17%) ou Cantabria (-45,97%). E ademais, Galicia segue contendo o meirande número de explotacións, representando o 56,72% do total de España (no 2015 representaba o 56,57%).

A particulariedade galega é que as grandes explotacións intensivas (as de máis de 1.000 toneladas anuais) teñen cada vez máis peso na facturación e produción. Se no ano 2019 abranguían o 6,92% do número de granxas e o 34,77% da produción, hoxe xa están no 50,76 da produción e no 13,79 das granxas. As explotacións medianas -de entre 500 e 1.000 toneladas anuais- aumentaron a súa presenza, pasando do 12,81% ao 18,01% do censo pero perderon levemente produción ao quedar no 24,74% fronte ao 25,99% de hai cinco anos.

As explotacións pequenas (de 250 a 500 toneladas) e moi pequenas (Menos de 250 toneladas), aínda supoñen o 68% do número de granxas pero a súa produción caeu ata o 24% do total.

O número total de vacas de leite redúcese no conxunto de España entre 2019 e 2024 un 8,06% (67.119 animais menos), sendo Galicia a comunidade de entre as principais rexións produtoras, na que menos se reduce en termos porcentuais (3,15%, fronte ao 7,64% de Castela e León, o 9,64% de Cataluña, o 8,29% de Andalucía, o 17,47% de Asturias e o 22,05% de Cantabria). Con estas cifras de cabezas de gando, o traballo da Fundación Juana de Vega conclúe que:

.-A pesar da redución do número total de vacas en todas as Comunidades Autónomas, o número de vacas por explotación aumenta, o que indica un aumento do tamaño e intensificación das explotacións leiteiras en España. A explotación media española pasou de contar con 64 vacas en 2019 a alcanzar as 80 vacas de media en 2024.

.- En Galicia, a explotación media conta en 2024 con 59 vacas despois de incrementarse no período un 30,19%, o segundo maior incremento despois de Castela e León (+41,44%). Con todo, o tamaño medio das explotacións galegas está lonxe do da media española (80 vacas/explotación) e moi lonxe doutras CCAA como Castela e León (132 vacas), Cataluña (217 vacas), ou Andalucía (146 vacas/explotación).

.- En consonancia co aumento do número de vacas por explotación, a produción media das explotacións aumentou en España un 40,06% desde o 2019, alcanzando as 770 toneladas en 2024. Este incremento da produción explícase por dous motivos: o aumento do número de vacas por explotación e o aumento da produción media por vaca, froito do proceso de intensificación, da profesionalización do sector, da mellora dos prezos do leite e das marxes das explotacións.

.- En Galicia, a produción media por explotación situouse no 2024 nas 564 t (382 t no 2019) despois de aumentar un 47,71%, sendo a segunda comunidade das principais rexións produtoras que máis incrementa a produción por explotación despois de Castela e León (50,93%).

.- A produción media por vaca en Galicia situouse no 2024 nos 9.435 Kg/ano, ao redor da media nacional (9.521Kg/ano), pero inferior á de Comunidades con modelos de produción máis intensivos, como Castela e León ou Cataluña.

Custos e cotizacións

O comedeiro xira cara adiante 30 centímetros, o que permite ás vacas chegar á comida en todo o comedeiro

O comedeiro xira cara adiante 30 centímetros, o que permite ás vacas chegar á comida en todo o comedeiro

Outra conclusión do estudo é que os prezos dos derivados do leite sufriron un altísimo incremento nos lineais entre setembro de 2021 e febreiro de 2023, pasando despois a un período de certa estabilidade. Esa tendencia final atopámola claramente no intervalo de decembro de 2023 a novembro de 2024, cando o leite líquido baixou de prezo un 0,43%, o iogur o 1,23% e outros derivados (kefir, nata, manteiga…) un 0,56%. En cambio, o queixo e a callada subiron ata un 2,64%.

Para chegar a envasar o leite e elaborar os seus derivados, hai un proceso de produción que ten uns custos. Tamén aquí a guerra de Ucraína e a pandemia afectaron notablemente nos últimos cinco anos. Pero no período 2023-2024 acadouse tamén unha certa estabilización. Dese xeito, os concentrados baixaron nese tempo un 23,62%, a colza, a cebada e o millo un 16,59% e o resto de compoñentes da ración descenderon un 19,41%. E baixou o gasóleo nun 6,57%. O que subiu foi a electricidade, nun 16,91%, e os salarios un 5%. Así, conclúese que en 2024 o custo de produción do litro baixou un 9,30%, pasando de 0,43 a 0,39 euros o litro. Dende a Fundación Juana de Vega fan a seguinte valoración cos datos oficiais dispoñibles do Instituto Nacional de Estadística, o Ministerio de Agricultura e o Ministerio de Traballo:

.- Durante os anos 2018-2020 tanto os custos de produción (36 c/L) como os prezos recibidos polos produtores (33 c/L) mantiveron unha estabilidade relativa. No entanto, esta etapa caracterizouse por marxes negativas, xa que os prezos recibidos estiveron sistematicamente por debaixo dos custos. A sostibilidade das explotacións durante este período dependía en gran medida doutros ingresos complementarios, como a venda de animais, variacións de inventario e as axudas da PAC.

.- No 2022 produciuse unha forte suba tanto dos custos de produción (0,44 €/L) como dos prezos recibidos (0,46 €/L), que por primeira vez no período analizado superaron os custos. Esta mellora, unida ao aumento dos ingresos totais (0,53 €/L), permitiu unha notable recuperación das marxes das explotacións.

.- En 2023, o prezo recibido polos produtores continuou aumentando ata 0,53 €/L, mentres que, segundo a estimación, os custos de produción experimentaron unha lixeira moderación, situándose en 0,43 €/L. Este escenario, cunha maior diferenza entre prezos e custos, permitiu consolidar un ano extraordinario para o sector leiteiro, con marxes historicamente altas e un forte impacto positivo na rendibilidade das explotacións.

.- En 2024 produciuse unha caída no prezo recibido polos produtores ata 0,47 €/L, mentres que os custos de produción continuaron descendendo ata os 0,39 €/L, pero como consecuencia da maior caída dos prezos prodúcese un estreitamento das marxes. Con todo, o ano 2024 continúa sendo un bo ano para o sector produtor.

Sector industrial

O estudo inclúe tamén unha análise da evolución económico-financieira das once principais empresas leiteiras que operan en Galicia, amosando que acadan unha facturación conxunta no ano 2023 de 3.134 millóns de euros, cun EBITDA conxunto de 97,5 millóns de euros, un beneficio neto conxunto de 49 millóns de euros e dando emprego a 2.190 persoas. A rendibilidade económica media das industrias analizadas foi no ano 2023 de 5,16%.

As principais industrias que operan en Galicia facturaron no último exercicio 3.134 millóns de euros

A comercialización de produtos de escaso valor engadido -leite líquido esencialmente- segue a ser a tónica. As industrias en España e en Galicia basean o seu modelo de negocio no efecto volume a base de marxes baixas. Unha situación que se comproba ao contrastar a descomposición da rendibilidade económica en marxe e rotación: as industrias operan cunha marxe baixa (2,10%), que é compensada en parte por unha elevada rotación do activo (2,45). A rendibilidade económica (resultado de explotación/activo total) das industrias analizadas sufriu un deterioro no ano 2020 situándose no 1,73%, a pesar do aumento da rotación no contexto da Covid-19. A rendibilidade económica mellorou no 2021 (3,18%) e sobre todo nos anos 2022 e 2023, ata situarse nese 5,16%.

Por cada 100 euros vendidos, o beneficio operativo é de 1,80 euros de media para a industria analizada, indicativo da pouca capacidade desta de engadir valor aos seus produtos. Galicia, pese a ser a principal produtora a nivel estatal, non ten un peso proporcional na transformación do leite e só se transforma na nosa comunidade o 63,6%, polo que o 36,4% é trasladado sen ningún tipo de valor engadido para a súa transformación industrial noutras CCAA afírmase no estudo. Con todo, no ano 2023, tendo medrado a produción respecto ao 2018 en 263.000 toneladas ( un 9,6%), transformáronse industrialmente en Galicia 495.000 toneladas máis (+35%). A relación transformación/produción incrementouse un 23% no período, o que indica unha notable mellora das capacidades de transformación industrial en Galicia.

Para a realización do estudo, consultouse bibliografía do Fondo Galego de Garantía Agraria, Instituto Galego de Estatística, Instituto Nacional de Estadística, Ministerio de Agricultura, Ministerio de Traballo, EUROSTATS, Sistema de Análisis de Balances Ibéricos, Alimarket e Asociación Galega Terra e Leite.

Descarga aquí o informe da Fundación Juana de Vega

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información