Radiografía das granxas de leite: quedan máis de 400 con menos de 20 vacas

Menos dun terzo das perto de 6.000 ganderías lácteas de Galicia están clasificadas como intensivas e só un 11,5% das ganderías moxen máis de 140 animais

vacas trabadas dumbriaA reconversión do sector leiteiro galego vivida nas últimas décadas levou a un proceso de incremento de tamaño das explotacións, acelerado despois do ano 2015 tralo final das cotas lácteas. Sen embargo, a comunidade que máis leite produce en España e unha das 10 rexións europeas que máis vacas moxe segue mantendo un importante número de ganderías de pequeno tamaño. 

Segundo os datos do Rexistro Galego de Explotacións Bovinas, das 5.902 ganderías inscritas (5.533 en produción de leite e 369 en produción mixta de leite e carne) habería neste momento 445 con menos de 20 UGM que fan un manexo estabulado do gando (intensivas ou semiextensivas), ás que habería que sumar unha parte importante das 880 explotacións declaradas en réxime extensivo, que adoitan ter un menor número de cabezas de gando con respecto ás granxas intensivas. 

Só tres de cada 10 explotacións leiteiras galegas están consideradas intensivas

Tendo en conta o sistema produtivo, o 15% das ganderías que producen leite en Galicia teñen no pastoreo a base da alimentación do gando, mentres outro 55% están consideradas semiextensivas (moitas delas manteñen estabulados os animais de produción pero os lotes de recría ou as vacas secas están fóra) e só un 30% non deixan saír nunca a súa cabana das instalacións.   

RADIOGRAFÍA DAS GRANXAS LEITEIRAS GALEGAS

explotacions leiteiras Galicia 2024 por tamaño e sistema produtivo

Só 6 explotacións con máis de 850 UGM

O Real Decreto 1053/2022 polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas bovinas limita o tamaño actual das novas explotacións leiteiras a 850 UGM e obriga ás comunidades autónomas a levar un rexistro actualizado do número e tamaño das granxas existentes. 

Esta norma de clasificación por capacidade produtiva non se aplica ás explotacións extensivas, senón só ás consideradas semiextensivas e ás non extensivas, establecéndose catro grupos diferenciados: 

  • Grupo I: explotacións con capacidade de ata 20 UGM inclusive.
  • Grupo II: explotacións con capacidade superior a 20 e ata 180 UGM inclusive.
  • Grupo III: explotacións con capacidade superior a 180 e ata 850 UGM inclusive.
  • Grupo IV: explotacións cunha capacidade superior a 850 UGM que á data de entrada en vigor do real decreto (30 de decembro de 2022) xa se atopasen en funcionamento.

Para establecer o número de Unidades de Gando Maior (UGM) totais da granxa tense en conta os animais adultos, pero tamén a recría, que computa con distintas fraccións en función da súa idade segundo a seguinte táboa, de maneira que, por exemplo, 180 UGM equivalería a unha granxa con 140 vacas en produción (en muxidura e secas) máis unhas 80 xatas e xovencas de distintas idades. 

calculo UGMO grupo no que está encadrada unha granxa segundo o seu tamaño (Grupo I, II, III ou IV) ten incidencia á hora de establecer unha serie de obrigas en materia de benestar animal ou dixitalización e para a entrada en vigor de requisitos como a eliminación dos emparrillados, a habilitación de patios exteriores ou a adopción do SIGE e o Caderno Dixital.

A seguinte táboa, obtida dos datos oficiais que obran en poder da Consellería do Medio Rural, representa o número de explotacións bovinas de produción e reprodución para a produción de leite e o número de explotacións mixtas, segundo o seu sistema produtivo e grupo.

explotacions leiteiras en Galicia por tamaño e sistema produtivo

Como se pode observar, o grupo de explotacións leiteiras máis numeroso en Galicia é o Grupo II, no que se encadran as granxas que teñen entre 21 e 180 UGM e que representan o 66% do total (dúas de cada tres granxas), mentres que os grupos de menos de 20 UGM e máis de 180 UGM equivalen a un 8 e un 11% do total de explotacións respectivamente. No Grupo IV, no que se encadran as ganderías que a data de entrada en vigor do Real Decreto (finais de 2022) computaban máis de 850 UGM, son tan só 6 as granxas inscritas. 

Granxas trabadas: adaptarse ou morrer

As explotacións trabadas (aquelas con animais atados que non saen nunca ao exterior) representan aínda neste momento un número relevante entre as pequenas granxas leiteiras galegas, pero están abocadas a desaparecer nos vindeiros anos.

Cada vez que toca renovar contratos de compra de leite teñen menos alternativas de entrega e reaparecen as queixas das organizacións agrarias acerca de empresas que deixan de recollerlles. 

Estas granxas de pequeno tamaño que non fixeron investimentos en modernización dos establos, representan en moitos casos un complemento económico para estas familias, que teñen outra fonte de ingresos principal e están rexentadas normalmente por titulares próximos á xubilación que non contan con relevo xeracional para a explotación.  

O máis relevante de calquera explotación, como o é así en calquera empresa, non é o seu tamaño, senón a súa rendibilidade (María José Gómez)

A información da que dispón a Consellería do Medio Rural non permite coñecer o número exacto de granxas leiteiras destas características que quedan aínda en Galicia, pois o Rexistro oficial non está relacionado directamente co tipo de estabulación dos animais nas instalacións, senón co sistema produtivo e o tamaño das granxas.

Desde o departamento que dirixe María José Gómez botan unha lanza en favor destas pequenas explotacións: “o máis relevante de calquera explotación, como o é así en calquera empresa, non é o seu tamaño, senón a súa rendibilidade. Desde a Xunta de Galicia defendemos, por tanto, esta rendibilidade que representan moitas pequenas explotacións, que tamén fan un traballo de coidado do territorio moi importante. Por iso, todos os anos convocamos axudas para este tipo de granxas”, din. 

As pequenas granxas teñen cada vez menos alternativas de entrega e estanse a ver seriamente castigadas no prezo do leite

Pero malia que desde o Goberno galego insisten en que  “a Consellería do Medio Rural estará sempre ao lado dos produtores, traballando para facer cumprir a cadea de valor”, a realidade é que estas pequenas granxas estanse a ver severamente castigadas no prezo do leite por parte das industrias que llelo recollen.

A certificación de benestar animal, a puntilla definitiva

Larsa, Leche Celta, Reny Picot e Lactalis son as industrias que máis leite recollen en pequenas granxas en Galicia, pero nas últimas renovacións de contratos están tratando de soltar lastre, como xa fixera antes Leite Río, prescindindo daquelas que non cumpren coa certificación de benestar animal por manteren sempre atados os animais nos establos sen permitirlles saír ao exterior.

“A lei prohibe este tipo de granxas”, alegan as industrias. Sen embargo, este foi un dos aspectos do Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas que foi posposto a 2027 e que o Ministerio se comprometeu coas organizacións agrarias a reconsiderar tralas tractoradas deste ano

O certificado de benestar Welfair, adoptado por cada vez máis empresas, é máis esixente que o Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas

Pero aínda que os prazos do Real Decreto permitirían manter o sistema de explotación trabada até 2028 (en granxas cun máximo de 180 UGM) ou até 2030 (en granxas de 20 UGM), na práctica, a esixencia de ter que cumprir cos requisitos da certificación de benestar animal está a expulsar a moitas destas ganderías do mercado.

Para lograr o certificado Welfair, o estándar seguido na actualidade pola maioría de empresas, é necesario obter un mínimo de 45 puntos, segundo un checklist de 51 apartados nos que se valoran aspectos como as instalacións, o aloxamento da recría, o manexo do rabaño, a alimentación, o descanso ou o comportamento dos animais.

Facer pastoreo ou habilitar patios, únicas solucións

Aínda que Campo Galego se puxo en contacto directo con Larsa, Leche Celta e Lactalis para preguntarlles expresamente sobre o futuro das pequenas granxas ás que recollen o leite, tan só a empresa pertencente á cooperativa asturiana CAPSA se dignou a aclarar o porvir deste tipo de explotacións. 

Larsa recolle leite en Galicia nunhas 800 ganderías e arredor do 60% delas están baixo a certificación de pastoreo que promove a empresa. “Fomos a primera industria láctea en España con certificación de pastoreo, desde outubro de 2017. As nosas ganderías que fan pastoreo cumpren co Real Decreto e coa certificación de benestar e non teñen problema”, destacan na cooperativa asturiana.

Para iso, as vacas deben saír a pacer 120 días ao ano un mínimo de 6 horas diarias, cunha carga gandeira máxima de 2,5 UGM/ha e unha altura mínima de herba no pasto de 5 cm, tal como se recolle no Manual de Pastoreo da empresa.

Larsa non aclara, sen embargo, que ocorrerá coas súas granxas trabadas nos próximos contratos, pero advierte que deberán “facer cambios” para superar as auditorías de benestar que a empresa está empezando a implantar. 

Larsa comezou este ano a facer auditorías de benestar animal, ao igual que xa fan Leche Celta, Lactalis e o resto das principais industrias

“Ademais do certificado de pastoreo, estamos empezando a certificar benestar animal, un proceso que se iniciou este ano, polo que nos vindeiros meses deberán pasar unha auditoría específica de benestar a totalidade das ganderías. En función dos resultados desas inspeccións terán que facer los cambios, melloras ou correccións necesarias”, explican desde CAPSA, propietaria de Larsa.

Entre os cambios que o Real Decreto contempla estarían os patios, segundo se especifica no artigo 7.1.c): “O deseño das instalacións e as operacións de manexo permitirán aos animais moverse e pasar parte do seu tempo nun ambiente exterior, sempre baixo garantías do seu confort térmico e contando con protección fronte ás inclemencias do tempo. Para iso, as explotacións deberán incluir no seu deseño patios ou un espacio exterior ao que podan acceder os animais”.

En materia de benestar, tamén se prohíbe o emparrillado cando este cubre a totalidade da estancia na que se atopa o animal, unha condición que entra en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2025 en granxas intensivas xa existentes de máis de 180 UGM e no resto de forma progresiva até 2030, segundo recolle o artigo 7.1.a): “Os animais non deberán manterse nun espazo totalmente recuberto de emparrillado, polo que cando menos a zona de descanso deberá estar libre do mesmo e o máis alonxado posible deste”.

A alternativa que lles queda ás pequenas granxas trabadas é entregar a queixerías, a industrias locais ou a primeiros compradores, que en moitos casos se aproveitan da situación con penalizacións no prezo

A maioría das grandes empresas e industrias lácteas non compra xa neste momento leite que non cumpra co certificado de benestar, polo que a alternativa que lles queda moitas veces ás pequenas granxas trabadas é entregar a queixerías, a industrias locais ou a primeiros compradores, que en moitos casos se aproveitan da situación con penalizacións que chegan até os 5 céntimos ou máis no prezo pagado polo leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información