Radiografía da industria láctea galega

O Plan Estratéxico do Sector Lácteo 2020 – 2025 pon de manifesto a debilidade das empresas na comunidade. A metade do leite producido en Galicia sae da comunidade sen transformar. O 60% do leite procesado na comunidade adícase ó seu envasado en líquido

Radiografía da industria láctea galega

Boa parte do leite recollido en Galicia procésase noutras comunidades.

Galicia ten un peso na industria láctea que non é parello ó seu peso no sector produtor. Dos 10 principais grupos lácteos de España, hai só 4 con presenza en Galicia (Lactalis, Capsa, TGT e Lactogal) e un deles nin sequera ten a sede social en Galicia (Capsa, Larsa). Outros grandes grupos de España carecen de factorías en Galicia, caso de Danone, Grupo Pascual, Grupo García Baquero, Reny Picot (ILAS), Schreiber, Iparlat ou Kaiku. Para atopar a primeira industria de capital galego, hai que ir ó posto 16 do ranking (Leche Río).

Ese escenario de debilidade da industria láctea galega reflíctese no feito de que máis do 48% do leite producido en Galicia marcha para fóra sen transformar, segundo os datos do Plan Estratéxico do Sector Lácteo 2020 – 2025, presentado recentemente pola Xunta.

O leite procesado en Galicia, a maiores, adícase nun 58% ao seu envasado como leite líquido, o que en xeral aporta menor valor engadido que a súa transformación noutros produtos lácteos. Como exemplo da situación, o Plan cita as dúas factorías de Lactalis na comunidade, que se adican en exclusiva ó envasado de leite UHT, cando no conxunto de España, o grupo adica un 50% do seu leite a envasado e bebidas, e outro 50% a produtos lácteos de maior valor engadido (queixos, iogures, manteiga, etc.).

Peso en leite equivalente das distintas gamas de lácteos elaborados en Galicia.

Peso en leite equivalente das distintas gamas de lácteos elaborados en Galicia.

Queixos e produtos de maior valor engadido
En cifras globais, no conxunto de España, só o 32% do leite se envasa, en tanto outra porcentaxe idéntica do 32% vai para queixos. A porcentaxe galega destinada a queixos, en cambio, é de só un 15% do leite.

Se se analiza o leite destinado na comunidade ás denominacións de orixe de queixos, a porcentaxe é de só un 1,8%. A evolución é ademais negativa, pois na última década pasouse de producir 5.900 toneladas de queixos con denominación de orixe (2010) a 5.400 (2018).

Obxectivos
Ante este panorama, o Plan Estratéxico do Sector Lácteo márcase o obxectivo de avanzar na transformación industrial do leite en Galicia e de aumentar o peso das denominacións de orixe de queixos, para o que será preciso evolucionar en tamaños, presentacións e innovacións no seu envasado.

Outro dos focos sobre os que incide o Plan sitúase no impulso do I+D+i nas industrias, contribuíndo a súa profesionalización.

Oito operadores recollen o 75% do leite producido en Galicia

Volume de recollida das industrias lácteas en Galicia. / Fonte: Plan Estratéxico do Sector Lácteo.

Volume de recollida das industrias lácteas en Galicia. / Fonte: Plan Estratéxico do Sector Lácteo.

O ránking de recollida de operadores industrias en Galicia amosa que unha decena de firmas concentran boa parte do leite transformado na comunidade. En función dos ingresos anuais declarados, a clasificación sería a seguinte, segundo os datos do Plan Estratéxico, correspondentes ó ano 2018.

1. Lactalis, 547 millóns de euros anuais.
2. Lactogal, 344 millóns de euros.
3. Capsa, 256 millóns.
4. Clun, 253 millóns (129 de facturación agrogandeira).
5. Río, 133 millóns.
6. Aira, 126 millóns (110 da parte agrogandeira).
7. Entrepinares, 114 millóns.
8. Nestlé, 75 millóns.
9. Celega, 75 millóns (24 da parte agrogandeira).
10. Covap (Naturleite), 50 millóns (estimación).
11. Tegestacin, 35,7 millóns.
12. TGT Galicia, 22,4 millóns (12 millóns correspondentes ó comercio maiorista).
13. Yeeper, 16,2 millóns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información