Quiroga celebra este fin de semana a Feira do Viño cunha ampla oferta de música, gastronomía e cultura

Publicidade
Quiroga celebra este fin de semana a Feira do Viño cunha ampla oferta de música, gastronomía e cultura

O concello lucense de Quiroga celebra este fin de semana unha nova edición da Feira do Viño cunha ampla oferta musical, gastronómica e de cultura. Ademais, tanto o sábado como o domingo abrirá as súas portas o Museo Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga. Non en balde estamos tamén nunha das zonas con maior atractivo xeolóxico de Galicia, cun proxecto, o Xeoparque Montañas do Courel, que aspira a recibir o recoñecemento da UNESCO.

Programa 2018: 

Sábado 31:

Ás 11.45 horas terá lugar a inauguración do recinto feiral a cargo de Don Miguel Ángel Pérez Dubois, Director Xeral de Agader.

Ás 12.00 horas comezará o Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. A continuación, as bandas desfilarán pola rúa Real e acto seguido realizarán unha actuación na praza de España.

Pola tarde, ás 17.00 horas, a Banda de Gaitas de San Martiño actuará no recinto feiral e ás 18.30 horas levará a cabo no Museo Etnográfico a recepción de autoridades, acto que dará paso, ás 19.00 horas, a a actuación no Auditorio Municipal de:

-Coral Polifónica de Quiroga
-Banda de Gaitas San Martiño
-Grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga

Finalizadas as actuacións, realizarase a entrega de premios do XV Certame Cartas de Amor Vila de Quiroga, convocado pola área de Xuventude.

Ás 20.30 horas, Carlota Corredera, presentadora, directora e colaboradora dos programas Cámbiame e Sálvame de Telecinco, será a encargada de dar lectura ao pregón. Ás 21.00 horas dará inicio a festa popular, onde o grupo “Atenas” porá a nota musical, e ás 21.15 horas levará a cabo a entrega de premios do VIII Concurso de Camisetas Feira do Viño.

Domingo 1 de Abril:

A partir das 12.00 horas o grupo de gaitas “Os do Recanto” animará a alborada e o recinto feiral.

Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Museo Etnográfico e ás 12.45 horas realizarase, no citado lugar, a entrega de trofeos aos colleiteiros de Quiroga.

Ás 18.00 horas a charanga “Lume” deleitará coa súa música a todos os presentes no recinto feiral.

Historia:
Os viños do Val de Quiroga están englobados dentro da Denominación de Orixe “Ribeira Sacra”. Son viños novos con personalidade propia, nas súas variedades de branco, grazas á uva típica da zona, o godello, e o tinto, elaborado con uva da variedade mencía. Os godellos están a vivir unha época de descubrimento nos mercados e os mencías son xa un dos tintos de máis renome de Galicia e mesmo de España.

A Feira do Viño de Quiroga é un dos eventos vinícolas máis importantes da Ribeira Sacra. A primeira edición celebrouse o 11 de Novembro de 1980 e foi Uxío Novoneyra o pregoeiro. Os seus principais impulsores foron Hilario González, Manuel Cardenal e José Morales.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información