Quinta do Muroz, unha granxa que apostou polos cruzamentos para medrar

Esta explotación portuguesa moxe hoxe 700 vacas e busca chegar nos vindeiros anos aos 1.000 animais en produción. É socia de Lacticoop, unha das tres entidades que compoñen Lactogal, e recibe o apoio da cooperativa para o seu crecemento

César Silva, xunto ás vacas da gandería familiar situada na zona centro de Portugal

César Silva, xunto ás vacas da gandería familiar situada na zona centro de Portugal

No lugar de Bebedouro, pertencente á freguesía de Arazede, no municipio de Montemor-o-vello, atópase a gandería Quinta do Muroz, unha explotación leiteira portuguesa en pleno crecemento que apostou nos últimos anos por cruzar as súas vacas para medrar máis rápido.

“Empezamos con vacas de leite no ano 1997 e hoxe temos 1.300 cabezas totais, das que 700 son vacas adultas, cunhas 600 en produción. Actualmente temos capacidade nas instalacións para 700 vacas en muxidura, pero está prevista unha nova ampliación para chegar a muxir 1.000 vacas”, explica César Silva, socio desta gandería familiar xunto aos seus irmáns Fernando e Luís.  Producen neste momento 7 millóns de litros de leite ao ano, situándose Quinta do Muroz como unha das explotacións que máis leite produce da zona centro de Portugal.

Hai dous anos fixeron un investimento de 3,5 millóns de euros para ampliar o establo e instalar unha sala rotativa

Fai dous anos construíron novos pavillóns para o gando e instalaron unha sala rotativa de 50 puntos dimensionada para chegar a muxir 1.000 vacas. O investimento total foi de 3,5 millóns de euros.

A curto prazo precisan mellorar a zona de recría e ampliar a súa capacidade para poder acoller o número actual de nacementos, que están a aumentar exponencialmente tanto polo incremento no número de cabezas como pola mellora nos índices reprodutivos.

Aposta polos cruzamentos

PORTUGAL Quinta do Muroz xovencas procrossUnha das claves do crecemento desta granxa está no sistema de cruzamentos co que inseminan as súas vacas. Comezaron empregando algunha dose de seme montbeliard ou rojo sueco fai seis anos pero desde fai dous están a seguir o programa Procross en todos os animais da granxa. O 45% do gando é cruzado neste momento pero agardan chegar ao 100% nos vindeiros anos, a medida que se vaia producindo a saída dos animais holstein puros que quedan na explotación.

“Nós tiñamos algúns problemas nas nosas vacas e por outras ganderías que fan cruzamentos que visitamos pensamos que os cruzamentos pode ser unha solución aos nosos problemas. Son vacas que duran máis, teñen menos problemas de patas e de fertilidade e aguantan mellor a condición corporal tralo parto”, detalla.

A idade ao primeiro parto está en 25 meses, pero é algo que estamos baixando porque vimos dos 28 meses e xa gañamos con iso 3 meses de produción

En comparación coas frisonas puras, as vacas cruzadas empreñan antes e, por iso, paren tamén antes. Nesta granxa, na que as vacas en produción se reparten nun 55% holstein e un 45% cruzadas, as vacas frisoas suman máis días en aberto (121 días) fronte ás procross (96 días). En canto ao intervalo entre partos, sitúase en 406 días nas holstein fronte aos 392 das procross. “Gañas 25 días, en cada vaca, o que supón in ciclo de celo completo”, destaca César.

Obxectivo: incrementar a produción por vaca

Instalaron unha sala rotativa de 50 puntos con capacidade para muxir 1.000 vacas tres veces ao día

Instalaron unha sala rotativa de 50 puntos con capacidade para muxir 1.000 vacas tres veces ao día

Logo de consolidar a mellora na fertilidade, o próximo obxectivo é a produción de leite por animal. A media sitúase neste momento en 33 litros por vaca e día, cun 3,7% de graxa e un 3,4% de proteína. Realizan tres muxiduras diarias (ás 5 da mañá, ás 3 da tarde e ás 9 da noite) e lévalles dúas horas e media cada unha.

As 9 persoas que se encargan de muxir son inmigrantes de orixe paquistaní, que se organizan para facer as distintas quendas. “Sempre hai tres persoas á hora de muxir e traballan dúas semanas e despois libran unha semana enteira”, relata César.

A sala rotativa está pensada para muxir 300 vacas por hora e dispoñen de 9 persoas só para muxir

Un total de 19 persoas traballan na explotación, tanto para atender os animais na granxa como para realizar as distintas tarefas agrarias nas fincas. “Para muxir non se atopa xente, para o resto si; nós temos traballando a tres rapaces portugueses de vinte e poucos anos que o que lles gusta é andar coa maquinaria”, di.

Utilizan a sala vella para muxir as recén paridas e as vacas tratadas para que non se mesture o leite co que vai ao tanque. “Na sala rotativa só muximos as vacas que dan o leite para entregar”, remarca.

Detección de celos e estratexia de selección

PORTUGAL Quinta do Muroz boxes recria procrossQuinta do Muroz implementou fai un ano un sistema de monitoraxe tanto nas vacas como nas xovencas mediante a instalación de colares. “É unha ferramenta moi boa”, afirma César. O índice de detección de celos é agora do 96% e a taxa de preñez do 33%, logrando que o 59% das vacas da explotación estean na actualidade preñadas.

Nas frisonas puras o primeiro servizo estaba fai un ano nos 63 días e agora lograron baixalo a 55 días, e nas cruzadas pasou de 51 días a 43, mentres que o intervalo entre inseminación e inseminación pasou de 50 a 30 días. “Logramos recuar un ciclo enteiro e iso é moito leite”, destaca César.

Outro dos cambios ten que ver coa estratexia de selección. “Nós criamos todas as xatas que nacen na granxa. Poñemos moi pouca carne porque precisamos recría para seguir medrando. Só a partir dos 200 días en lactación inseminamos con carne. É algo recente, que comezamos a facer hai 8 meses, tamén como un xeito de seleccionar un pouco máis o rabaño, porque non vale a pena ter descendencia de malos animais, pero até entón nesta granxa nunca utilizabamos carne”, explica César.

Quinta do Muroz é unha das granxas piloto que está a empregar seme de carne beefmaster   

Esta explotación é unha das granxas piloto que está a empregar seme de carne beefmaster nos animais a descartar, mentres que nos de leite empregan de xeito rotacional holstein, montbeliard e rojo sueco.

“Cambiar a xenética dunha granxa leva tempo”

Paulo Grave, nas instalacións da explotación en Montemor-o-vello

Paulo Grave, nas instalacións da explotación en Montemor-o-vello

Paulo Grave é distribuidor de Procross no centro e norte de Portugal e a persoa que asesora a Quinta do Muroz na súa estratexia de cruzamentos. “Durante moitos anos en moitas granxas de Portugal, esta unha delas, non se usou boa xenética. Mellorar iso leva tempo e sen unha boa base da que partir é máis difícil avanzar”, recoñece.

A xenética que está instalada nesta granxa é tamén moi heteroxénea porque as procedencias dos animais son moi diferentes

“A condición corporal dos animais é boa, pero non hai capacidade produtiva de base pola xenética que tiñan na granxa. Estamos mellorando pouco a pouco, pero ese camiño non se fai dun día para outro. A xenética que está instalada é tamén moi heteroxénea porque as procedencias dos animais son moi diferentes”, di.

Utilizan Bovinet, un programa de xestión integral de toda a granxa

Neste momento teñen unha media de entre 55 e 60 novos partos ao mes, 35-40 vacas adultas e 20 xovencas, pero a partir de outubro van pasar a máis de 65 vacas adultas e 20 xovencas paridas ao mes (en outubro, por exemplo está previsto o parto de 69 vacas e 20 xatas). “Iso vai facer que os días en leite baixen e aumente a produción”, salienta Paulo.

Homoxenizar o rabaño

“A partir de agora preferimos medrar a partir de recriar das nosas vacas. Para completar a capacidade da última ampliación que fixemos no establo mercamos todas as vacas de dúas granxas que pechaban, pero ao cabo dun ano non quedaban aquí máis que a metade. A nosa taxa de eliminación pasou de golpe do 25 ao 40%. Comprar vacas para medrar é un problema. Se fosen xovencas que parisen aquí sería distinto, pero coas vacas a adaptación é moi difícil”, asegura.  

Ter traído animais de moitas procedencias e de granxas diferentes ten resultado ser un problema para lograr estabilizar a explotación

Contan neste momento con 577 animais de recría totais, de todas as idades, e a proxección en dous anos é medrar en 167 cabezas, o que supón un 24% máis de animais totais. “Agora mesmo temos unha taxa de eliminación do 33% e queremos baixala de novo ao 25%, onde a tiñamos antes. Só con iso lograremos medrar de xeito importante”, recoñece César.

Melloras na recría

PORTUGAL Quinta do Muroz recria mullerPara dar cabida a ese crecemento previsto vai ser necesario ampliar as instalacións, tanto para as vacas en produción, como para a recría, dobrando a capacidade das amamantadoras (teñen dúas neste momento) e dos lotes post-destete.

En outubro van ter o dobre de partos ao mes, polo que de 80 animais cada dous meses van pasar a ter máis de 160, o que fai necesario ampliar a zona de alberga ás xatas pequenas. As vacas recén paridas móxenas na sala vella e ese leite de transición úsano despois de pasteurizalo nas amamantadoras.

Moxen aparte as vacas recén paridas e ese leite de transición pasteurízano e emprégano nas amamantadoras

“Unha das melloras pendentes que nos falta por implementar é mellorar a inxesta de costro mediante a súa conxelación para administrar despois cando nace unha becerra. Nese proceso o problema non é a conxelación en si, senón lograr unha desconxelación axeitada para non matar as inmunoglobulinas que contén e para iso faise necesaria unha certa loxística pero, sobre todo, unha boa formación dos traballadores”, aseguran.

Cama fría de compost e cubículos con serrín

As vacas secas están en cama fría de compost e as vacas en produción en cubículos con serrín

As vacas secas están en cama fría de compost e as vacas en produción en cubículos con serrín

A partir dos 12 meses comezan a vixiar as xatas para inseminalas por primeira vez aos 13-14 meses. Aproveitan as sobras que quedan no pesebre da ración das vacas en produción para alimentar ás xovencas que xa están preñadas pero recoñecen que “é unha ración moi nutritiva para elas e iso é un problema porque algunhas engordan de máis”.

 Vaise converter nun problema conseguir serrín para as camas

Na cama das vacas de leite empregan serrín só (sen mesturar con carbonato cálcico) como material de recheo, con colchoneta por debaixo no caso da última ampliación e sen ela na zona máis vella do establo, pero as dificultades para conseguir serrín están a facer que moitas explotacións se pasen á area para os cubículos.

No lote das recén paridas e nas vacas secas e preparto utilizan cama fría de compost para facilitar a recuperación dos animais. “Tivemos problemas de cascos no piso novo, que era máis abrasivo”, indican.

“Comprar vacas para medrar é sempre un problema”

João Sousa asesora á granxa na parte de nutrición

João Sousa encárgase da formulación da ración e do asesoramento técnico á granxa na parte de nutrición

João Sousa, nutrólogo da cooperativa Lacticoop, asesora á explotación coa alimentación do gando e destaca o grao de conversión de materia seca en litros de leite de Quinta do Muroz. “Esta granxa emprega unha ración pobre, con pouco millo. Logramos 33 litros de media cunha inxesta de 22 quilos de materia seca. É o nivel que se pode acadar agora mesmo coas forraxes que temos, porque tanto o silo de millo como o silo de herba teñen un 45% de materia seca. Non é o óptimo e estamos traballando para mellorar iso”, avanza, en consonancia con outros aspectos que xa se teñen mellorado.

“A gran transformación desta granxa produciuse hai dous anos, coa ampliación das instalacións, a posta en funcionamento da sala rotativa e o cambio na estratexia de inseminación cara as vacas cruzadas”, asegura.

Lactogal apoia o desenvolvemento das granxas socias financiando a compra do penso a longo prazo ou das sementes para as campañas agrícolas

O obxectivo a curto prazo a nivel nutricional, avanza João, é elevar a calidade da ración até o nivel dos 24 ou 24,5 quilos de materia seca por cabeza, logrando un incremento nos litros de leite por animal. A nivel produtivo, di “as vacas procross e as holstein están en niveis moi semellantes”, pero a presenza actualmente de moita heteroxeneidade de animais no rabaño dificulta a formulación da ración. “Non é doado alimentar gando tan diferente”, recoñece.

No verán axustan un pouco a ración e introducen auga e aditivos como o propionato para facela máis apetecible, xa que debido ao estrés por calor notan unha baixada de produción de máis de dous litros, malia que nesta granxa contan con sistemas de ventilación e arrefriamento do gando con auga. “Nesta zona chegamos no verán aos 40 grados”, detalla.

João pretende picar un pouco máis a ración, pero para iso terían que humedecer un pouco máis a mestura e iso é contraproducente no verán. “Eu prefiro o carro unifeed vertical ao horizontal, porque a mestura é mellor e máis homoxénea, pero para picar o horizontal pica máis miúdo”, explica.

Botan 90 hectáreas a millo, todas con regadío

PORTUGAL Quinta do Muroz millo regadioTraballan un total de 150 hectáreas de terreo, das que 90 levan cultivo de millo en verán rotando con herba no inverno. Aínda así non lles chega para alimentar o gando. “Boa parte da alimentación é comprada, facíanos falta 200 hectáreas só de millo para sermos autosuficientes a nivel forraxeiro”, recoñece César.

Comezan a labrar o millo a principios de maio e rematan de sementar as últimas terras a finais de xuño. Acostuman botar ciclos medios para ensilar aos 120 días despois da sementeira.

As 90 hectáreas nas que botan millo son de regadío e nelas logran medias de produción de 55.000 quilos por hectárea, cun 36-37% de amidón e un 34% de materia seca. “O ano pasado foi malo, o silo que estamos consumindo neste momento ten un 44% de materia seca. Con iso non se pode producir moito leite”, recoñece.

O custo da alimentación é de 7,2€ por vaca e día e sitúase neste momento en 24 céntimos por litro de leite producido

O custo da alimentación está neste momento en 24 céntimos por litro de leite producido nesta granxa. A ración está composta por 15 kg de silo de millo, 7,5 kg de silo de herba, 1 kg de palla, 6,5 kg de bagazo de cervexa, 4,7 kg de fariña de millo, 3,5 kg de torta de soia, 4,7 kg de concentrado e 3 litros de auga.

“O bagazo de cervexa nutricionalmente é un produto moi bo. Fai anos era moito máis húmido pero agora é máis seco e consérvase mellor. O problema prodúcese en granxas máis pequenas onde hai menor consumo e pode fermentar no silo”, indica João.

Dentro de Lactogal

Quinta do Muroz entrega o leite a través da cooperativa local do Bebedouro, que forma parte de Lacticoop, unha unión de cooperativas que ás súa vez está integrada en Lactogal xunto con Agros e Proleite. Están a cobrar o leite a 46,5 céntimos logo dunha baixada importante no último ano. “Aquí chegou a 58 céntimos”, lembra César.

Lacticoop é unha das tres cooperativas que integran Lactogal

Para evitar o monopolio, Lactogal non podería por lei acaparar máis do 75% do mercado, pero de facto controla practicamente o 90% do leite que se produce en Portugal e é por iso quen fixa os prezos de referencia no país. Os contratos para a compra do leite son dun ano de duración e renóvanse a comezo de ano, o día 1 de xaneiro, mais o prezo non é fixo, senón que flutúa ao longo deses 12 meses de entregas.  

  • Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información