Queserías Sarrianas empeza a recoller o leite a parte dos seus gandeiros a prezo de intervención

A queixería de Sarria comunicou a uns 17 dos 70 gandeiros cos que traballa que desde o 1 de marzo recóllelles o leite a prezo de intervención. Ao resto recolleralles tamén unha parte a prezo de leite en po.

Queserías Sarrianas empeza a recoller o leite a parte dos seus gandeiros a prezo de intervención

Web de Queserías Sarrianas

O goteo de industrias lácteas que anuncian que lles deixan de recoller o leite aos gandeiros ou que o fan a prezos de intervención continúa, mentres as administracións anuncian medidas estruturais para o sector a medio prazo que non resolven os problemas inmediatos de recollida de leite aos que se enfrontan un número crecente de ganderías.

Se hai poucas semanas foi Leite Celta coa cooperativa Codegui e Lácteos Riotorto, esta semana foi Queserías Sarrianas a que lle anunciou a uns 15 gandeiros da comarca de Sarria que lles pasa a recoller o leite a prezo de intervención, 0,18 euros por litro, mentres lles busca un primeiro comprador. A outra parte, deixoulles directamente de recoller o leite. Segundo puido saber Campo Galego, aos que llo recolle para leite en po habería que descontar os gastos de transporte, co que o prezo para o gandeiro quedaría nuns 0,15 euros.

Para os outros gandeiros, algo máis de 40 e que levaban máis tempo coa empresa, Queserías Sarrianas comunicoulles que lles seguirá recollendo o leite, pero sen concretar prezos e destinando unha porcentaxe, aínda sen concretar, para leite en po e a un prezo de 0,18 euros o litro menos os gastos de transporte.

Gandeiro afectado: “Non sabemos o prezo que imos cobrar”

Un destes gandeiros, que prefire manter o anonimato, asegura que “o único que nos comunicaron é que de momento nos van seguir recollendo a leite pero non sabemos a que prezo posto que non asinamos ningún concreto desde fai máis de ano e medio, e unha parte do leite vai ir para intervención, pero sen saber tampouco a porcentaxe das entregas nin o prezo que imos cobrar”.

Asegura que “a única explicación da empresa é que os seus almacéns están saturados de queixo e nestes momentos sáelles máis rendible traer queixo de Bélxica ou de Alemaña que elaboralo aquí”.

A empresa apunta á saturación do mercado pola entrada de queixos doutros países da UE por baixo de custos de produción

A empresa confirma tamén esta versión. Aínda que prefiren que a situación non saia á luz pública, recoñecen que “a nosa situación non é diferente á do 90% das queixerías de Galicia: hai un excedente de queixo no mercado e vémonos obrigados a recoller menos leite para poder manter a empresa”. Aseguran que a situación se complica “pola entrada de queixos de Alemaña e de Bélxica a menos de 2,4 euros o quilo”, unha práctica, a de utilizar o mercado español como un sumidoiro dos seus excedentes lácteos, que vén sendo denunciada infructuosamente polas organizacións agrarias.

O avogado de Queserías Sarrianas , Carlos Tejedor, repite de forma pública a versión da empresa: “Ante a saturación do mercado e a imposibilidade de transformar todo o leite, o excedente que non podamos transformar enviarémolo a intervención, coa dedución do gasto de transporte”. “Temos as cámaras cheas de queixos, non nos quedaba outra solución”, insiste.

A Xunta asegura que está a traballar coa distribución para que poñan en valor os produtos galegos

A situación de Queserías Sarrianas foi citada este xoves na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego. A directora xeral de Gandería, Belén do Campo informou de que “tivemos unha reunión con Queserías Sarrianas, que ten un problema de excedentes de queixos nas cámaras”.

Neste sentido, anunciou que a Consellería do Medio Rural está a traballar coa distribución “para que poña en valor os nosos produtos lácteos e sacalos ao mercado”.

En canto ás explotacións que están a vender o leite a prezo de intervención, Belén do Campo volveu cifrou no 4,4% a porcentaxe de granxas en Galicia que están a cobrar o leite a menos de 0,20 euros o litro.

Pablo García, o deputado do PsdeG-PSOE que interpelou a Belén do Campo, criticou que “a Consellería prometeu solucións para o sector que sen embargo non se ven”, e citou os casos de Codegui ou de Lácteos Riotorto.

Sindicato Labrego e Fruga piden máis control sobre a produción que vai para leite en po

Por parte do sector produtor, o responsable de gandería do Sindicato Labrego Galego, Xosé Ramón Cendán, reclama ás administracións “un maior control sobre a trazabilidade do leite que vai para intervención, xa que nos tememos que parte do leite que vai para po acábase envasando”, contribuíndo á caída do prezo en orixe.

O seu homólogo da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza advirte de que “o caso de Queserías Sarrianas é un máis nunha crise do sector lácteo en Galiza que considero é a peor dos últimos 30 anos, superando á das multas da supertasa en 1997”.

Elías Somoza: “Estase deslocalizando a produción láctea de Galicia coa pasividade da Administración”

Advirte ademais de que “estamos a asistir a unha deslocalización da produción láctea de Galicia, coa pasividade da administración”. “Non se entende senon que Andalucía estea aumentando a súa produción máis dun 10% e alí páganlle o leite aos gandeiros a 0,34 euros, mentres que en Galiza, que subiu a súa produción a metade que a media española, está a pagarse o leite en moitos casos a 0,18 euros, obrigando aos gandeiros a pechar as explotacións”, conclúe.

Una idea sobre “Queserías Sarrianas empeza a recoller o leite a parte dos seus gandeiros a prezo de intervención

  1. Sócrates

    O 4,4% son, máis ou menos, unhas 400 explotacións, unhas 400 familias arruinadas ou en vías de. O resto, tudo bem.
    Tranquilos, a Consellería do Medio Rural está a traballar coa distribución “para que poña en valor os nosos produtos lácteos e sacalos ao mercado”. E ademáis ten o compromiso (por escrito?) de que as industrias recollerán todo o leite.
    O dito, todos tranquilos.
    O nivel de despropósito acada cotas paranormais.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información