Queserías Prado comunica o abandono de 9 granxas en Sarria nunha semana

Os afectados aínda non atoparon alternativas para entregar a produción. Unións Agrarias demanda xestións da Xunta para garantir a recollida de todo o leite a prezos de mercado

Queserías Prado comunica o abandono de 9 granxas en Sarria nunha semana

Os problemas de recollida sucédense estos días, coincidindo coa renovación de contratos.

Nove granxas de Sarria quedan sen unha industria que lles leve o leite a partir do 7 de abril. Queserías Prado comunicoulles onte que lles cancelaba a recollida, o que deixa ás explotacións nunha situación comprometida. Os afectados xa contactaron ó longo do día de onte con boa parte das principais factorías da comunidade, pero só atoparon portas pechadas.

As granxas forman parte da cooperativa Cogapen, que lle viña vendendo o leite a Larsa e a Queserías Prado. Os nove produtores que lle entregaban o leite a Prado suman arredor de 200.000 litros ó mes, un volume de leite que resulta difícil de colocar en plena primavera, época de excedentes estacionais.

A industria queixeira trasladoulle ós gandeiros que estaba a pasar por unha situación tamén complicada, polo que tiña que cancelarlles a recollida. Os afectados, pola súa banda, lamentan o escaso marxe de manobra que lles queda e están a tratar de que Prado comprometa a continuidade da recollida de alomenos unha parte das gandeirías.

Unións Agrarias
Desde Unións Agrarias fanse eco do problema e demandan xestións da Xunta para que que haxa garantías de recollida de todo o leite a prezos de mercado. “As industrias están a xogar cos gandeiros como queren, sen que haxa ningún control” -lamenta Miguel Tomé, de Unións Agrarias de Sarria.- “É a situación de sempre. Hoxe ninguén quere o leite, mañá aparecerá algún salvador que se ofrecerá a levala a 18 céntimos e en 15 días estarán peleando por eles para levarlla a 26”.

Leche Río
Doutro lado, o sector está á expectativa do que sucede coas granxas que Leche Río deixa de recoller desde hoxe. Parte das explotacións xa atoparon comprador, como as 17 da cooperativa Coba de Vales (Mesía), que se recolocaron en Reny Picot e en Logística Alimentaria, se ben a baixos prezos. Outras nas comarcas de Ordes e Santiago apuraban onte as últimas horas na busca de comprador e tamén hai casos en problemas na provincia de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información