Quescrem, referente en innovación láctea

A empresa, especializada no queixo crema, exporta o 40% da súa produción a 30 países. Produce 2.000 toneladas anuais e no 2017 abrirá unha segunda planta no polígono de Castro Riberas de Lea (Lugo)

Quescrem, referente en innovación láctea

Laboratorio de I+D de Innolact, na planta de Castro Riberas de Lea. / Imaxes: Innolact.

A fabricación de queixo crema, unha gama de produto que esixe de precisos coñecementos tecnolóxicos, estivo historicamente liderada por grandes multinacionais como Kraft ou Bongrain. Arredor do 2006, o equipo que daquela dirixía a Aula de Produtos Lácteos (Universidade de Santiago) desenvolveu un proceso produtivo propio para a elaboración de queixo crema, pero atopouse con que ningunha industria estaba interesada na súa compra. Ante ese escenario, os investigadores optaron por impulsar Innolact, unha empresa que naceu como spin-off da Universidade e que hoxe en día produce máis de 2.000 toneladas de queixo crema, principalmente baixo a marca Quescrem.

A hostelería e restauración supón un 50% do seu volume de negocio, a industria alimentaria un 35% e o ‘retail’ o 15%

Innolact basa o seu éxito na segmentación de mercados e nunha orientación clara á exportación, que representa o 40% das súas vendas. A empresa está presente en máis de 30 países de Europa, norte de África, Oriente medio, Asia Pacífico e Sudamérica. O groso do seu negocio oriéntase ó canal Horeca (hostelería e restauración), que aglutina un 50% dos volumes comercializados, e á industria alimentaria (35%), na que o seu queixo crema serve de materia prima para a elaboración de produtos elaborados. As vendas en supermercado ó consumidor final supoñen só o 15% do total do negocio.

bodegon innolact

Gama de produtos
A planta de Innolact, ubicada en Castro Riberas de Lea (Lugo), produce na actualidade arredor de 45 referencias distintas, parte delas orientadas á hostelería e á industria alimentaria e elaboradas cun control da funcionalidade tecnolóxica do produto, isto é, Innolact indica en cada lote a súa resistencia a procesos como a conxelación ou o paso polo forno.

En formatos dirixidos ó consumidor final, a parte do queixo crema estándar, Innolact ofrece produtos con características nutricionais específicas (sen lactosa, light, sen sal, produtos bio) e tamén combinacións ‘gourmet’ (queixo crema con algas, queixo crema con allo e finas herbas, crema de queixo con San Simón da Costa, etc.). O Chocobó, un queixo crema con chocolate é outra das súas creacións máis exitosas a nivel do consumidor final.

I+D
O desenvolvemento de novos produtos, tanto en queixo crema como noutros tipos de queixo, é un dos sinais de identidade de Innolact. A empresa conta cun departamento de I+D (Investigación + Desenvolvemento) de 9 persoas que dispón dunha planta piloto propia e dun laboratorio de aplicacións culinarias. Cada ano Innolact reinviste en I+D entre un 6 un 10% dos beneficios, segundo calcula Sergio Martínez, o responsable de I+D de Innolact, que o pasado venres ofreceu unha charla sobre a empresa nunhas xornadas adicadas ó sector lácteo galego que organizou o Idega (Universidade de Santiago).

Innolact ten 43 traballadores e este ano prevé facturar uns 10 millóns de euros

A industria conta na actualidade con 43 traballadores, dos que 9 divídense en tres turnos para operar a planta de fabricación as 24 horas 6 días á semana. A empresa produciu no 2015 unhas 2.000 toneladas de produto e para o 2016 está previsto que chegue o seu tope, arredor das 2.400 toneladas, a metade dirixida á exportación. A facturación prevista para este ano ascende a 10 millóns de euros.

Novas instalacións
Ante a saturación da planta actual, Innolact xa iniciou a construcción dunha segunda planta, tamén no polígono de Castro Riberas de Lea. A nova instalación está previsto que comece a funcionar no 2017 e espérase que para o 2020 a capacidade de produción total estea en 5.000 toneladas.

A industria utiliza como materia prima leite mazada e desde o 2013 tamén se abastece de leite cru de granxas próximas

Como materia prima, Innolact comezou utilizando leite mazado, un coproducto industrial obtido durante a fabricación de manteiga que aporta un plus de sabor e que ofrece tamén vantaxes nutricionais, se ben desde o 2013, dado o crecemento da empresa e a alta demanda de leite mazado no mercado, nútrese tamén de leite cru de explotacións lácteas do entorno da factoría, das que recibe arredor do 50% da materia prima que precisa.

De cara ó futuro, Innolact proxecta unha colaboración máis estreita coas súas granxas proveedoras para orientalas con antelación sobre os volumes de produción e os niveis de graxa que requerirá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información