“Queríamos que FEIRACO se crease de abaixo a arriba, non como se fixo”

Entrevista a Amador Rodríguez Troncoso, impulsor do proxecto de FEIRACO e ex-director da Axencia de Extensión Agraria de Negreira, a primeira de España. Este sábado pola noite recibe unha homenaxe na capital barcalesa polo seu traballo e compromiso coa modernización da agricultura.

“Queríamos que FEIRACO se crease de abaixo a arriba, non como se fixo”

Amador Rodríguez Troncoso

Aos seus 93 anos, Amador Rodríguez Troncoso, amosa unha memoria prodixiosa da súa longa etapa á fronte da Axencia de Extensión Agraria de Negreria, a primeira de España, creada no ano 1956. A súa labor contribuíu de xeito decisivo tanto á creación de FEIRACO – detallada no seu libro Os albores de Feiraco- como á modernización da agricultura e da gandería galegas, enfrontándose moitas veces a fortes intereses creados, o que lle valeu dende intentos de agresión física ata un expediente sancionador.

Hoxe recibe unha merecida homenaxe polo seu compromiso cos agricultores e gandeiros. Será ás 20:30 horas no Hotel Millán, en Negreira.

¿Como recibe a homenaxe que lle van brindar este sábado?
Pois con moita alegría, porque cando un chega aos 93 anos e lle recoñecen o seu traballo é moi valioso. Sen embargo, a labor que se fixo no Servizo de Extensión Agraria foi colectiva, tanto dos axentes extensionistas como dos propios agricultores e gandeiros. Esta homenaxe non é a min senón a moita xente que, grazas aos seus esforzos e ilusión, modernizouse a gandería e agricultura na comarca.

Coa bagaxe da túa ampla experiencia profesional e vital, ¿como valoras a situación actual da gandería en Galicia, especialmente do vacún de leite?
A gandería en Galicia, especialmente a de vacún, foi sempre un recurso importante polas características climáticas e edafolóxicas da nosa terra. Por iso, o sector de vacún de leite e de carne galego van ter futuro, pero para ser competitivos quizás se debería aumentar a dimensión das explotacións.

Participaches na primeira concentración parcelaria que se fixo en España. Agora xa se está a falar da necesidade de novas concentracións parcelarias para aumentar o tamaño das parcelas
Foi un intento de loitar contra o minifundio, pero non se conseguiu porque as explotacións galegas seguen sendo minifundistas. Habería que pensar en ampliacións maiores.

O Banco de Terras parecíame unha idea interesante porque temos en Galicia un sentido de propiedade da terra moi sentimental e afectivo. O prezo da terra en Galicia é superior á súa rendibilidade. Neste sentido, penso que unha solución podería ser o asociacionismo, o cooperativismo de terras e gando.

Penso que non hai fórmulas matemáticas para solucionar o problema do uso da terra en Galicia pero coido que unha vía podería ser o cooperativismo.

¿Cales son as principais dificultades á que se enfrontaban no Servizo de Extensión Agraria?
Tratamos de romper as barreiras que había entre a administración e o agricultor. Neste sentido, suprimimos as ventanillas e as citas previas, recibíamos ao agricultor no propio campo e practicamente en calquera momento e a nivel idiomático empregabamos o galego. Antes de que chegara eu había un cartel que puña “Llame antes de entrar” e nos puxemos “Pase sin llamar”.

“A clave do éxito de Extensión Agraria foi o contacto directo e a supresión de barreiras co agricultor”

Ante todo, tiñamos unha concepción do servizo público e o agricultor moitas veces o que quería é que o escoitásemos, plantexarnos os seus problemas, aínda que non llos solucionásemos. E iso foi a clave do éxito do Servizo de Extensión Agraria.

¿Bótase en falta ese contacto directo entre a Administración e os gandeiros a través dos Servizos de Extensión Agraria?
O Servizo de Extensión Agraria nunca foi concibido como algo útil para o país. Aos primeiros aos que non lles gustaba era ao sindicato vertical, e logo aos sindicatos agrarios, que querían que fixeramos o que eles querían e non o que demandaban os agricultores.

CARTEL_AMador_diaz_troncoso_01_standar

Axencia de Extensión Agraria de Negreira nos anos 50.

Enfrontabámonos a moitos intereses creados que ían contra o agricultor. Por exemplo, nesta comarca da Barcala o Goberno Central tíñaa reservada para criar só raza Rubia Galega. E propios veterinarios e enxeñeiros agrónomos repartíanse o negocio da representación da Raza Rubia Galega e doutras de carne como Alpina…..etc.

En Extensión Agraria queríamos introducir as vacas de raza Frisona na comarca porque pensabamos que tiña un gran potencial para a produción láctea e había unha industria leiteira na zona que tiña falta de materia prima. De feito, axudamos aos gandeiros a importar as primeiras xovencas de Holanda e fomos boicoteados e, no meu caso, mesmo agredido fisicamente polo delegado de Rubia Galega.

“Tivemos moitos problemas na Extensión Agraria por defender aos agricultores e gandeiros”

Tamén empezamos a exportar directamente os becerros ao matadoiro de FRIGSA en Lugo, evitando aos becerreiros, que se repartían o mercado da comarca e fixaban unilateralmente os prezos. Isto tamén nos supuxo enfrontamentos e mesmo algunha agresión física. Tamén dende Extensión Agraria introducimos a Cooperativa Provincial da Coruña na recollida de leite na comarca para que houbese máis competencia e mellores prezos para os gandeiros.

En definitiva, tivemos moitos problemas na Extensión Agraria de Negreira por defender aos agricultores e gandeiros da comarca.

Este compromiso co meu traballo e cos agricultores provocou que me expedientaran e me enviaran para a oficina de Betanzos.

Tamén foi un dos impulsores da cooperativa FEIRACO…¿Como valora o seu percorrido?
FEIRACO era unha necesidade para os agricultores da comarca para ser competitivos e facer fronte á alza das materias primas, das sementes e dos fertilizantes. Para iso, axudamos a crear 18 cooperativas parroquiais. Unha vez feito isto, propuxemos que se asociaran no que foi o xérmolo de Feiraco, que xa comercializaba becerros e leite, contaba cun comité reitor e cunha conta corrente.

Sen embargo, había un interese dos alcaldes da comarca por manipular o proxecto de FEIRACO. Para evitalo propuxen a Jesús García Calvo porque pensaba que era a persoa máis adecuada para a dirección da futura FEIRACO, pero en vez diso acabou sendo presidente de Cáritas Interparroquial Rural, pero non da cooperativa. Sen embargo, grazas a iso automaticamente conseguiu un crédito de 15 millóns de pesetas da Caixa de Aforros de Santiago que foi co que xa puxo en marcha FEIRACO en 1969.

O noso proxecto para FEIRACO era partir de abaixo a arriba, das cooperativas e dos gandeiros

Sen embargo o seu modelo de cooperativa non era o que nos pensabamos: fixo un deseño de arriba a abaixo, con certo autoritarismo e prescindindo das cooperativas de base. Contodo, hai que recoñecer que fixo unha labor importante e indiscutible en Feiraco e os resultados aí están. A nosa idea quizás era máis idealista, de un cooperativista un voto e partir do propio gandeiro, pero quizás foi máis realista a vía de García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información