Por que certos animais que herdan unha xenética determinada non desenvolven todo o seu potencial ou non teñen as características morfolóxicas ou produtivas esperadas? A explicación pode estar na epixenética, é dicir, en como unha serie de factores inflúen en que un xene acabe activándose ou non.
Juan Francisco Sánchez Madueño, veterinario e presidente de Usías Holstein, o concurso gandeiro que se celebra na localidade de Dos Torres (Córdoba), explicou nas Xornadas Técnicas de Vacún Leiteiro organizadas por Seragro cales son algúns destes mecanismos que actúan como interruptores nas cadeas de ADN.
En grego, epi significa “por riba”, polo que a epixenética estuda os procesos químicos que, en último termo, activan ou silencian a expresión de xenes para a síntese de proteínas específicas, permitindo que exerzan ou non a súa expresión. Deste xeito, a fórmula clásica da xenética suma un novo elemento: Fenotipo = xenotipo do individuo + influencia ambiental do presente + epixenética (situacións do pasado que inflúen na expresión xenética).
A epixenética é unha ciencia recente que no campo da produción animal
Estes fenómenos de activación de xenes son os que utilizan as células para a súa diferenciación, de xeito que a partir do mesmo material xenético se obteñen múltiples fenotipos celulares. Ás veces, certas reaccións químicas ou mecanismos epixenéticos provocan modificacións na cadea de ADN que fan que as encimas non poidan realizar a súa función e, polo tanto, non se expresen eses xenes.
Os cambios epixenéticos son mecanismos flexibles e áxiles para conseguir unha adaptación ao medio máis rápida ca propia xenética
Algúns dos factores ambientais que provocan cambios epixenéticos son a alimentación, certos compoñentes da auga de bebida, tóxicos como os pesticidas, hormonas de estrés, radiacións ultravioleta, etc.
Programación epixenética
Existen certos períodos (prenatais e posnatais) durante o desenvolvemento da tenreira nos que se producirá unha programación epixenética como recurso de adaptación a cambios no medio ambiente.
Os cambios epixenéticos transmítense á seguinte xeración no que se denomina herdanza epixenética
Os problemas ou o descenso do rendemento na produción animal xorden cando se produce un desaxuste na descendencia entre a programación intrauterina e a súa vida adulta posnatal. Por iso, se as condicións intrauterinas son insuficientes ou inadecuadas (estrés, malnutrición), aínda que as condicións melloren na súa fase produtiva, non será capaz de desenvolver todo o seu potencial xenético.
Os efectos epixenéticos na cría de animais de produción desenvólvense en diferentes fases biolóxicas:
- Período periconceptual: o intervalo de tempo comprendido entre os 60 días anteriores e os 60 días posteriores á fecundación, etapa que inclúe a maduración do ovocito dentro do folículo e a xestación temperá.
- Xestación tardía: principalmente o último terzo de xestación.
- Período posnatal: cando se producirá unha programación metabólica positiva.
Influencia do número de partos sobre a descendencia
Os efectos da idade materna sobre o rendemento produtivo e reprodutivo da descendencia tamén se transmiten mediante epixenética, de xeito que as xovencas máis produtivas proceden de vacas máis novas ou con menor número de partos.
“O seme sexado ofrece a posibilidade de seleccionar as vacas que queremos que sexan as nosas nais das futuras tenreiras porque nos permite non ter que criar de todos os nosos animais. Pero ademais dos criterios de selección xenética, xa sexa por progénie ou por índices xenómicos, temos que ter en conta tamén os factores epixenéticos para non silenciar eses caracteres de mérito xenético”, defende Juan Francisco.
A idade da nai en vacas holstein de alta produción xoga un papel importante na capacidade produtiva das fillas: a mellor descendencia é a do primeiro parto
Unha destas condicións sería a de criar tenreiras nacidas de primeiros partos, preferentemente a partir de xovencas xestantes. No caso de decidir recriar dunha vaca parida, recoméndase atrasar a primeira inseminación para evitar que a concepción coincida co pico de lactación e un balance enerxético negativo.
Outra recomendación clave, tendo en conta como actúa a epixenética, sería evitar inseminar en momentos de estrés por calor. Finalmente, deberíase poñer o énfase en maximizar o crecemento da tenreira na fase de lactación: encalostrado, leite de transición e ganancia media diaria até o destete.
Condicións intrauterinas
O período periconceptual, que se inicia dous meses antes da fecundación e se prolonga até dous meses despois, é unha etapa crítica na que se desenvolve a placenta, o que vai determinar as etapas posteriores.
Existen numerosos estudos en animais de produción que demostran o efecto das condicións ambientais intrauterinas sobre a produtividade da descendencia
É un momento moi sensible a condicións de estrés, carencias nutricionais ou presenza de tóxicos, onde a tenreira é capaz de programar cambios xenéticos para adaptarse ás condicións previstas.
A vaca utiliza os recursos nutricionais de que dispón (enerxía) en función dunha serie de prioridades, que son, por esta orde: mantemento das funcións vitais, produción láctea, sistema inmunitario, reprodución, reservas (almacenamento no tecido adiposo).
En momentos de balance enerxético negativo, prodúcese unha influencia do estrés metabólico da nai sobre a descendencia mediante a epixenética
“O estrés metabólico (balance enerxético negativo) e o estrés por calor producen unha subnutrición no ambiente uterino, porque se o sangue da vaca está destinado a producir leite ou a regular a temperatura corporal en momentos de altas temperaturas, non vai poder estar destinado ás funcións reprodutivas e á xestación da tenreira”, asegura o veterinario andaluz.
Atrasar o momento da inseminación
“Existe a crenza popular de que unha vaca que produce moito leite non cría boas fillas”, relata Juan Francisco, que achega unha explicación científica a esta realidade: “O pico de lactación (que coincide co período periconceptual) ten un efecto negativo sobre a descendencia cando a nai se atopa en balance enerxético negativo, algo que ocorre habitualmente en vacas de alta produción, polo que as demandas nutricionais que se establecen para o funcionamento das glándulas mamarias entran en competencia directa coa placenta, que queda relegada na orde de prioridades”, detalla.
Os animais máis produtivos son os que proveñen dunha inseminación en torno aos 150 días en leite
Existen estudos que conclúen que as tenreiras descendentes de vacas de alta produción que son concibidas despois dos 150 días en leite producen máis que as concibidas antes, coincidindo co pico de lactación da nai. Por iso, Juan Francisco recomenda aos gandeiros que atrasen a inseminación das vacas paridas das que pretendan criar, para garantir que o futuro da súa descendencia non se vexa comprometido ao coincidir o momento da concepción cunha situación de estrés metabólico da vaca. “Se buscamos boas xovencas, é recomendable atrasar a inseminación da vaca para que a concepción da cría non coincida co pico de lactación”, indica.
Estrés por calor
Do mesmo xeito, recomenda tamén non inseminar nos meses de verán ou outros momentos con condicións de alta temperatura e humidade que poidan estar provocando estrés por calor nos animais, unha situación que fai que a vaca derive recursos enerxéticos á regulación térmica e ao mantemento das funcións vitais, en detrimento dos achegos nutricionais á cría a través da placenta.
O estrés por calor nas nosas vacas reduce o futuro produtivo das nosas tenreiras
“Múltiples estudos demostraron que o estrés por calor experimentado durante o período periconceptual se asocia cunha produción reducida de leite da descendencia resultante, debido á influencia e ás adaptacións que sofre o ovocito ou o embrión durante o desenvolvemento temperá”, explica Juan Francisco.
Os embrións ou gametos sometidos a procesos de reprodución asistida sofren, durante o seu proceso de manipulación, estrés que reduce a súa taxa de éxito
Por iso, recomenda “evitar a concepción en épocas de estrés por calor nas nais da futura reposición” e mellorar o confort térmico e o benestar xeral nas instalacións, tanto das vacas en lactación como nos lotes de vacas secas e preparto. “Deste xeito conseguiremos mellorar a produción na seguinte lactación e a produtividade da descendencia”, asegura.
Coidado das vacas secas
No último terzo de xestación é cando se producen os maiores efectos epixenéticos debido ao crecemento exponencial do feto e ás elevadas demandas nutricionais que isto conleva. “Por iso debemos tentar que non exista un balance enerxético negativo que provocaría un estrés metabólico”, indica.
Un estudo realizado en Irlanda demostrou que existe unha correlación negativa entre a produción láctea nos dous últimos trimestres da xestación e a produción láctea, saúde e fertilidade da descendencia, debido ás altas necesidades nesta fase de crecemento exponencial.
Débese coidar a alimentación do período seco e evitar calquera situación ou patoloxía que provoque unha diminución na inxesta de materia seca
“Por iso, unha posible estratexia de manexo sería propor un atraso da inseminación para aumentar o intervalo parto-fecundación das vacas que imos destinar como nais das futuras reprodutoras, para facer coincidir o segundo terzo de xestación cunha etapa na que a curva de lactación é máis baixa e, polo tanto, non tan demandante en enerxía”, propón Juan Francisco.
Do mesmo xeito, defende que “se debe coidar a alimentación do lote de vacas secas e evitar calquera situación, manexo ou patoloxía que provoque unha diminución na inxesta de materia seca (hacinamento, comida en mal estado, coxeiras)”, exemplifica.
O estrés por calor nas vacas secas deriva nunha menor produción e absorción de calostro e ata 5 litros menos de produción na seguinte lactación
Tamén se debe evitar o estrés por calor das vacas secas, que provoca unha programación fetal negativa por unha menor circulación sanguínea á placenta, así como menor produción e calidade de calostro e menor capacidade de absorción por parte da cría ao nacer, o que deriva en menor inmunidade, lonxevidade e produción futura.
Medidas tralo nacemento
O último período de programación epixenética corresponde coas dez primeiras semanas de vida da tenreira. Nesta fase hai dous momentos fundamentais nos que un manexo adecuado da recría influirá no seu metabolismo futuro: a fase de encalostrado e leite de transición (fundamentais para a inmunidade e o crecemento) e as restantes semanas de lactación ata o destete, cuxo obxectivo será maximizar a ganancia de peso diaria.
Ao fornecer 4 litros de costro á tenreira en vez de 2, aumenta entre un 10 e un 15% a súa produción de leite na primeira lactación
“As 12 horas posteriores ao nacemento representan unha ventá de oportunidade que se abre e se pecha, que temos que aproveitar para lograr unha programación metabólica positiva. Debemos revisar os protocolos de encalostrado (cantidade, calidade e condicións de administración como temperatura, hixiene e intervalos entre tomas) para mellorar a capacidade de absorción da tenreira e mellorar a súa ganancia media diaria de peso”, indica o veterinario cordobés.
Unha segunda toma de costro 6 horas despois da primeira optimiza a curva de crecemento e a ganancia media diaria durante o período de lactación
A velocidade de crecemento das tenreiras durante o período predestete está, á súa vez, relacionada coa produción de leite durante a primeira lactación. “As xovencas con maior ganancia de peso diaria teñen ata un 40% máis de células epiteliais mamarias, conseguindo unha produción de leite maior na primeira lactación de 225 kg por cada 100 gramos de ganancia media diaria”, concreta Juan Francisco.