
Ángeles Pita, nas Fragas do Eume.
O Parque Natural das Fragas do Eume cumprirá tres décadas proximamente, sen que aínda haxa un consenso ao seu favor no territorio que abarca. Unha parte dos propietarios sente o Parque Natural como unha expropiación de dereitos e reivindica compensacións polas limitacións de uso.
Falamos con Ángeles Pita, que preside unha das asociacións de propietarios con terras no Parque Natural.
Pita subliña que están a favor do Parque Natural, pero cuestiona tanto a falta de compensacións para os propietarios como o propio enfoque de protección da Xunta, pois considera que se poderían facer mellor as cousas. “É un erro que nos culpen ós pequenos propietarios da expansión do eucalipto no espazo natural protexido, pois é un proceso que está sometido ó control da Xunta”, opina.
Con carácter xeral, a normativa do Parque permite manter os usos das terras que había antes da declaración do Espazo Natural Protexido (1996). En canto a posibles cambios de uso, hai algúns permitidos, pero sempre con autorización previa.
– Fálanos de cando se creou o parque natural das Fragas do Eume, dos usos que tiña o monte daquela e de como recibistes os propietarios a creación do parque.
– Vivimos nunha terra moi fértil cun clima moi suave e aquí de sempre se practicou o mesmo que na maioría zonas rurais, a economía agrícola e gandeira de subsistencia, para vivir e darlle unha vida mellor aos fillos.
Había moita produción de madeira, moitos frutais, castiñeiros… Incluso se chegou a cultivar centeo e outros cereais nas zonas altas. A madeira vendíase, usábase para leña e tamén para construir as casas e o mobiliario. A xente vivía diso e tamén dos traballos do entorno, como nas centrais hidroeléctricas do Eume.
A primeira noticia que tivemos os veciños de que querían converter isto nun Parque Natural foi nunha información de prensa do ano 1989. A xente tomouno mal, porque entendeuse que se ían limitar os nosos dereitos, prexudicando a produtividade e favorecendo o abandono.
“Cando se creou o Parque Natural, vivímolo como unha expropiaciación sen compensacións”
No ano 1996 foi cando se declarou oficialmente o Parque Natural e foi algo protestado por todos os veciños, que formamos unha asociación para loitar contra este proceso, que se fixera sen contar con nós, e que nos estaba prexudicando, pois vímolo como unha especie de expropiación sen compensación.
No 2004 fomos ademais incluídos na Rede Natura, o que fai que o Estado se implique con fondos europeos, pero limita e complica ainda máis a xestión do territorio.

Vista das Fragas do Eume. / Arquivo.
– Como foi o proceso de organización dos propietarios?. Cóntanos a evolución desde o inicio ata o día de hoxe.
– A nosa asociación naceu chea de boa vontade e de unión entre os veciños, pero a xente foise desanimando pouco a pouco, ao ver que as protestas non daban froitos, que dabas un pasiño para diante e outro para atrás… A estratexia das Administracións é a de desgastarnos, ignorarnos, é unha posición totalmente feudal, onde hai que acatar o que eles din e non se respectan os nosos dereitos.
Non deixamos de protestar desde o primeiro día ata hoxe, facemos unha manifestación mensual e todos os procedementos posibles para defender a nosa causa.
A finais dos 90 creouse a primeira asociación e no 2005 unha segunda, a nosa, xa que había algunhas diferenzas, pero seguimos traballando de xeito conxunto, pois sabemos que a unión é importante, e os nosos obxectivos son os mesmos, que se respecten os dereitos dos propietarios.
Fomos aos valedores do pobo, presentamos recursos, falamos coa no seu día ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, con Manuel Fraga cando era presidente da Xunta, fomos aos tribunais, ao Parlamento… Fixemos e facemos todo o que podemos para que se busque unha solución xusta.
Nós, desde a nosa asociación, estamos a favor da declaración de Parque Natural, pero si queremos que se faga dun xeito máis xusto, compensando aos propietarios, como se fai noutros territorios.
Só queremos defender a nosa propiedade e o desenvolvemento da comarca. Defendemos que haxa Parque Natural, pero que os propietarios sexan compensados pola limitación de uso dun xeito xusto.
– A nivel de propiedade, no parque hai preto de 2.000 hectáreas de terreos públicos (20%) e o resto é propiedade privada. En que medida están limitados os usos na propiedade privada?
– Contamos cun total de 9.125 hectáreas e máis do 80% do terreo é privado. O parque divídese en catro zonas: a zona de reserva (a máis limitada en uso, case 500 hectáreas), a zona de uso limitado (a segunda de maior protección, pouco máis de 3.000 hectáreas), a de uso compatible (algo menos limitada, con máis de 5.000 Ha), e a zona de uso xeral, que serían as zonas urbanas e periurbanas.
Hai varios problemas que se plantexan aquí. O primeiro é que se tes algún terreo nas dúas zonas de maior protección, non podes facer prácticamente nada. Se os tes na terceira zona, a de uso compatible, non está claro na lei que podes e que non podes facer, o que fai que te expoñas a multas ou que acontezan incoherencias, como que hai anos, un veciño plantase eucaliptos e non pasase nada e outro ao lado fixera o mesmo e recibira unha multa…
“Na miña familia pedimos un permiso para reforestar en zona de uso compatible e saíunos denegado. Hai que aclarar que se pode facer e que non, e que non haxa incoherencias”
Teñen que deixar claro na lei que se pode e que non se pode facer. A miña familia pediu un permiso para reforestar na zona de uso compatible e saiunos denegado, por exemplo. Entón, se queren limitar a nosa productividade terán que compensarnos mercando ou alugando os nosos terreos, como se fai noutros territorios e como indica a propia lei.
Por outro lado, no que é o bosque caducifolio, os veciños de toda a vida din que unha fraga coma esta non se conserva se non se traballa. Explícome. Esta fraga conservouse así porque os veciños de vez en cando cortaban algunha árbore, se unha árbore caía, aproveitaban a madeira, limpaban… Agora que a fraga non se pode nin tocar, e que a teñen medio abandonada, din que a fraga vai morrer, que deixala así sen facer nada é matala.
– Se un visita as Fragas do Eume, hai contrastes moi marcados. A ribeira do Eume e algunhas ladeiras están con frondosas caducifolias, e a parte media alta dos montes con eucalipto. Fálanos de como se reparte agora o terreo do parque natural das fragas do Eume, a nivel de especies forestais.
– Nas zonas máis perto do río, está cheo de frondosas, nas zonas máis altas, hai eucaliptos. Tamén é importante sinalar que hai algún eucaliptal antigo, grande e fermoso, xusto antes de entrar na zona do parque…
E a día de hoxe, parece que aos pequenos propietarios, que somos a maioría, non nos queren deixar plantar eucalipto, e, ao mesmo tempo, anos atrás -antes da actual moratoria do eucalipto- estiveron aparecendo na zona grandes plantacións de eucalipto e que tiveron que ser feitas con permiso da Xunta… Entón, non se entende cal é o criterio.
– Sobre o eucalipto que hai dentro do parque, como está a normativa?
– Na zona da reserva non hai, pero na zona de uso limitado sí, e aí a estratexia do Parque en teoría pasa por buscar a súa erradicación.
Na zona de uso compatible, si que en teoría se tiñas eucaliptos podes manter a especie que tiñas, ainda que aconséllase ir cambiando o eucalipto por soutos de castiñeiros, pero claro, para os propietarios ese cambio é pouco rendible.

Eucalipto e frondosas caducifolias no Parque Natural das Fragas do Eume. / Arquivo.
– ¿Pensas que o territorio das Fragas está ben ordeado como está ou habería que cambiar algo, en consenso cos propietarios?
– Debería estar mellor. En primeiro lugar, a fraga frondosa debería estar máis coidada. Se cae un carballo vello no medio dun camiño retírano, pero se cae no medio da fraga non, porque din que é un refuxio para os animais… Pero insisto, a xente que viviu toda a vida na fraga considera que hai que ir renovando a fraga, que é como se fixo toda a vida e se mantivo así, porque non renovala é deixar que morra.
“A Fraga hai que ila renovando, que é como se fixo toda a vida e foi o que a conservou. Se non se renova, é deixar que morra”
Non están limpando o suficiente nos terreos públicos, e claro, estou de acordo en que hai que eliminar os eucaliptos da zona da fraga, pero non a costa dos propietarios. Non estamos en contra da fraga, pero sí en contra de regalala. Agora queren seguir mercando fincas, pero ofrecen por elas menos da metade do que ofrecían no ano 1995.
Nas zonas con explotación forestal, os camiños de saca teñen 2-3 metros de ancho e os madeiristas non poden pasar coas máquinas e non compran a madeira porque non lles compensa.
Despois, o tema da fauna está completamente descontrolado. Cada vez hai máis xabarís, lobos, cervos e corzos, e iso por unha parte está ben, pero por outra xera moita inseguridade porque non podes ter animais porque sabes que o lobo vainos comer. Hai que controlar iso dalgún xeito.
“O tema da fauna está descontrolado e iso crea inseguridade”
Usos do territorio no Parque Natural das Fragas do Eume
O Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque analiza cal é a situación de usos do territorio:
– Un 31% do territorio das Fragas do Eume está conformado por bosques caducifolios.
– As áreas a mato e/ou rochosas ocupan un 27% da superficie.
– O eucalipto ocupa un 13,5% e conforma as plantacións máis importantes. Na segunda metade do século XX, antes da protección do espazo natural, os eucaliptos gañaron espazo nalgunhas zonas tradicionais de frondosas próximas ás ribeiras. No século XXI, un estudo do CSIC apunta tamén a que o eucalipto aumentou a súa presenza no Parque nun 48%.
– Os piñeiros ocupan un 9,2% da superficie.
– O mosaico agrícola – gandeiro representa un 10,8%
– Augas continentais, humedais e outras superficies suman arredor dun 7% restante.
– As compras de terra por parte da Xunta no parque das Fragas do Eume, para ampliar a superficie pública, é unha vía que vedes de utilidade?
– Paréceme unha vía interesante, pero con varias premisas. Primeiro, que o dono queira vender, en caso contrario a Xunta tería que pagar un aluguer por esas fincas, e con prezos xustos. Paréceme imprescindible esta solución, especialmente na zona de reserva, pois quen ten unha finca aí non ten outra saída.
“En zona de reserva, o único lóxico para o propietario é a venda da finca á Administración”
Nas zonas de uso limitado o mesmo. Así é como está recollido no plan director dos parques naturais de Galicia e no Plan Reitor de Uso e Xestión das Fragas do Eume. No papel está todo correcto, pero non están cumplindo a lei que eles mesmos crearon. Sentimos que a Administración está exercendo unha visión feudal e soberanista sobre o noso.
– Cando se fala das limitacións nos espazos naturais protexidos, en ocasións compárase cun plan xeral de ordenación urbana, que limita os usos dos solares e parcelas urbanizables. É dicir, un propietario non pode facer o que quere na súa finca…
– A cuestión non é esa. Nós o que percibimos é que aquí produciuse un agravio comparativo, pois a mediados dos anos 90 a Administración mercou ou expropiou determinadas parcelas a uns prezos, mentres ó resto de veciños impúxosenos unhas limitacións de uso sen ningunha compensación.
– Hai anos Medio Ambiente sacara unha liña de axudas para que superficies de eucalipto en parques naturais se puidesen replantar con frondosas caducifolias, como por exemplo o bidueiro. Como vedes ese tipo de apoios?
– Houbera unha axuda moi pequena que descoñezo se continúa, pero o éxito foi moi pequeno. A idea podería ser boa se o propietario ve que lle compensa, pero a xente non se decantou por ela porque a axuda era irrisoria.
– Nos medios de comunicación aparecen periódicas noticias sobre a expansión do eucalipto nas Fragas do Eume. Desde unha visión ecoloxista, existe o sentir de que os propietarios estades contra o parque porque queredes plantar todo o monte a eucaliptos. Estás de acordo con esa visión?
– É unha visión negativa que implica que non nos escoitan. Levamos anos dicindo que se a sociedade e as institucións consideran que as Fragas do Eume son un ben a conservar, que non temos nada en contra, pero que non sexa a nosa costa.
“Se alguén pensa que queremos plantar todo o monte a eucalipto, iso implica que non se nos escoita”
A maioría queremos vender a terra, pero non queremos malvender, pois sabemos do valor disto. Os eucaliptos avanzaron por quen permitiu esas plantacións, que foi a Xunta. Poñer o foco en culpar ós pequenos propietarios é un erro. Temos que defendernos fronte á Administración, ecoloxistas… Ti pos todo, a terra, as árbores, o turismo, o medio ambiente…
E xa case non hai xente vivindo nas aldeas… Ao desaparecer as explotacións gandeiras desaparece moito máis, e todo se enche de maleza e a pouca xente que queda quere plantar algo que lle dea produtividade, é o normal.
A propiedade no Parque Natural das Fragas do Eume
– O 90% das parcelas catastrais do parque (19.400) ten menos de 5.000 metros cadrados, pero suman só un 25% da superficie do parque.
– Un 11% da superficie corresponde a parcelas que oscilan entre media hectárea e 1 hectárea.
– Existen 969 parcelas con máis de 1 hectárea, que suman un 23,9% da superficie do parque.
– Hai tamén 84 parcelas con máis de 10 hectáreas e que suman case o 40% da superficie do espazo natural protexido, tanto de propietarios privados como parcelas públicas e de dous montes veciñais.
– Pasamos ó tema lumes. En que medida vos afectou o gran incendio que tiveron as Fragas do Eume, xa hai máis dunha década?. Como se recuperou o monte desde aquela?
– Afectounos moito. Os que tiñan piñeirais perdéronos todos, converteuse todo en cinza. Os eucaliptos arderon, a madeira tivo moito menos valor, houbo que esperar a vendela, e cando se foi cortar a madeira, o madeirista contratou a un prezo e cando viu como rompía, tivemos que baixarlle o prezo. Foi unha gran perda ambiental e económica. Nin eu nin ninguén que eu coñeza recibiu ningunha axuda e arderon moitas hectáreas.
Pero xa pasou un tempo e estamos nunha zona privilexiada, se non cho contan non vas saber que houbo un incendio porque se recuperou o monte moi ben e rápido, aquí todo se recupera moi rápido. Temos un clima moi suave e iso beneficia que medre ben todo.
“O eucalipto gañou terreo por expansión espontánea tralo lume e tamén, entendo, porque a Xunta autorizou novas plantacións”
Desde o incendio do ano 2012, o eucalipto foi gañando terreo, entendo que por expansión espontánea pero tamén porque a Xunta autorizou a creación de novas plantacións de eucalipto bastante grandes na zona. Ese incendio fixo moito dano económico e ecolóxico. Ao mesmo tempo, os pequenos propietarios que decidiron plantar eucalipto recibiron multas.
– Que medidas verías necesarias para reducir o risco de lumes na zona?
– Primeiro, que a fraga estivera coidada. Din que os castiñeiros non arden pero non é certo. Arderon moitos castiñeiros, a madeira arde, todo arde. Tería que haber máis zonas disuasorias, depósitos de auga, cortalumes (que iría contra o parque natural).
Ten que estar todo máis vixiado… O lume foi porque non o cortaron a tempo, non había medios, onde comezou creo que non era parque, pero o lume avanzou e baixou…
– Desde a perspectiva dos propietarios, como valorades a afluencia turística que xeneran as Fragas do Eume e os sendeiros marcados no parque natural?
– O turismo favorece á xente que se dedica á hostelería, pero aos que vivimos aquí non nos favorece en nada. Respetamos á xente que vén de visita, pero a maioría non vivimos diso. Aledámonos tamén de que á xente da hostelería lle vaia ben co turismo, se ben tamén nos gustaría que amosasen solidariedade coas nosas demandas.
“O patrimonio cultural do Parque merecería mellor atención, en especial o mosteiro de Monfero e a antiga central hidroeléctrica da Ventureira”
Para os turistas, a sinalización é bastante deficiente. Iso implica que os veciños se queixan da invasión turística, que ás veces os turistas se confunden pola mala sinalización e chegan ata as casas dos veciños, ata a parte alta que xa non pertence ás fragas, e ás veces ata meten a cabeza pola fiestra para ver como vives… Coma se foramos unha tribu perdida. Os sendeiros son mellorables, a información e sinalización tamén.
Algunha xente pénsase que o que está aquí é deles, que os soutos son de uso común, e collen o que lles peta porque pensan que é de todos.
A xente non pode vir aquí e entrar nos soutos a coller castañas pensando que o que está aquí é deles
Outra cousa que merecería maior atención é a situación do patrimonio cultural no ámbito do Parque Natural, caso do mosteiro de Monfero ou da antiga central hidroeléctrica da Ventureira, que se podería rehabilitar e musealizar, como exemplo de patrimonio industrial.