Cristina López é concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza do Concello de Lugo polo Bloque Nacionalista Galego (BNG). O seu departamento é tamén o responsable da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros, dous espazos que están a potenciar como referencia en comercio local e de proximidade. Falamos con ela sobre os seus proxectos para estes dous espazos emblemáticos dos produtos lucenses.
-Que balance fan dende o Concello de Lugo dos resultados de visitas e compras na Praza de Abastos e do Mercado no 2021?
Moi positivo, tanto a Praza de Abastos como o Mercado Municipal están sendo un referente nas compras, o número de persoas usuarias está medrando ano tras ano sendo o punto de inflexión a peatonalización da rúa Quiroga Ballesteros. Estas obras trouxeron consigo a descuberta destes espazos por moitos dos cidadáns e as distintas campañas que vimos facendo tamén están sendo moi ben acollidas. Por exemplo, as luces de Nadal, primeiras luces que se colocan na cidade dando inicio ó Nadal comercial, é outro aliciente para poder visitar dende novembro a xaneiro, e así o notamos con numerosos turistas e veciños e veciñas facendo fotografías delas.
“O balance do 2021 para a Praza de Abastos e o Mercado de Lugo é moi positivo”
-E en concreto, como valoran o impacto da campaña O noso mercado é un agasallo?
O ano pasado tivo moi boa acollida pero este ano moita máis: repartimos moitos agasallos e houbo unha gran demanda durante a campaña. Isto é un reflexo do número de compradores e da cantidade de vendas que se realizaron estos días. É a boa acollida que ten o excelente producto que se comercializa, atendido por profesionais que non só o preparan senón que tamén aconsellan como elaboralo para que as nosas mesas sexan todo un éxito.
-O 2022 comeza cun novidoso programa de actividades infantís para aquelas familias que queiran achegarse cos seus fillos a estes dous recintos. En que consisten?
En que todos os sábados de 11 a 14 horas no Mercado Municipal vanse celebrar obradoiros con nenos e nenas de 4 a 12 anos, obradoiros que estimulan a súa creatividade, responsabilidade co medio ambiente e, como estamos nun mercado, obradores de cociña que ás crianzas tanto lle gustan. Tamén lles permiten aos seus familiares mercar sabendo que os seus nenos e nenas están atendidas, aprendendo e divertíndose.
-Que investimentos teñen previsto realizar dende o Concello tanto na praza como no mercado ao longo deste ano?
No Mercado Municipal temos previsto un proxecto de acondicionamento do espazo con novo mobiliario e na Praza de Abastos o obradoiro de carnes e acondicionamento climático, xunto co mantemento diario que precisan ambos espazos.
-Cales son as principais demandas que lle transmiten os comerciantes?
No Mercado Municipal solicitaron que se mantiveran as actividades coas nenas e nenos que se desenrolaron no Nadal, e así fixemos, e na Praza de Abastos a climatización, proxecto xa previsto.
“Queremos que ao longo deste ano todos os postos da Praza estean adxudicados”
-En canto aos postos, que previsións hai para a súa adxudicación e renovación?
O longo deste ano sacaranse a adxudicación, xa que levan un tempo.
-Cidades como Barcelona con La Boquería ou Santiago coa súa Praza de Abastos, lograron que tamén fosen un importante punto de atracción turística. Comparten este obxectivo para Lugo?
Así é, a convocatoria que se vai levar a cabo ao longo deste ano para que todos os postos estean adxudicados, xunto co proxecto de renovación do Mercado Municipal vai nesa liña, para que sexan sitios referentes para visitar e gozar da cidade. O Mercado e a Praza son un polo máis de atracción turística que complementa á cidade que é en si mesma un atractivo turístico e cumpre coa demanda de todas as persoas que queiran achegarse a Lugo.
-Cales considera que son os retos para que tanto o mercado como a praza sexan atraíntes para os consumidores, nun contexto de concentración das compras nas grandes superficies e con crecente peso da compra online?
As canles online son fundamentais, hai que tratar de chegar a todo o mundo e estamos vendo que o comercio está apostando por este sistema que nos permite comprar a calquera hora e en calquer momento. Ten que estar moi presente na aposta que os comerciantes teñen que facer a curto prazo.
En canto á concentración das grandes superficies a tendencia é cada día máis á ir á especialidade. Cada día valorase máis o tempo e as grandes áreas onde os cambios de pasillos son constantes fan que perdamos moito tempo e que moitas veces nos vaiamos sen a metade da compra, por non dar máis voltas. Isto é máis unha desventaxa e por iso creo que o comercio de proximidade, especializado, con productos de escasa manipulación, atendido por profesionais que coñecen moi ben a materia que venden teñen un futuro prometedor se son capaces de integrar as maneiras tradicionais de venda cercana coas novas tecnoloxías que nos ofrecen un excelente escaparate para poder distribuír os seus productos.
-Algo máis que queira engadir?
Convido a que se acheguen a visitar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal da cidade de Lugo, onde non soamenta van atopar numerosos puntos de venda onde nos ofrecen productos de cercanía e de alta calidade, senón que tamén poderán gozar de dous espazos con moita historia da nosa cidade.