“Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen en leite”

Coñecemos a gandería de vacún de leite que Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, atende xunto co seu fillo Álvaro en Lalín. Apostan polo pastoreo e o confort dos animais fronte a producións máis altas

“Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen en leite”

Román Santalla xunto ó seu fillo maior Álvaro na gandería.

Na parroquia de Palio, en Lalín (Pontevedra), atópase a gandería Agrasilva SC, a granxa de Román Santalla, presidente da cooperativa Cobideza, situada a escasos quilómetros. Santalla é coñecido polo seu labor en Unións Agrarias e a súa matriz estatal (UPA), da que é responsable de gandería, un labor que compaxina coa gandería, que atende xunto co seu fillo maior Álvaro.

A granxa, situada na parte alta dunha parcela e cun deseño aberto e ventilado, dá boa conta dunha máxima que prima nesta gandería: as vacas poden saír ós patios sempre que queiran e boa parte do tempo pásano no prado. “Gústanos que as vacas saian pacer nos meses que hai pasto, pero que ademais poidan saír para os patios ou ó prado todo o ano”, explica Román.

“Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes”

O confort dos animais é unha aposta clara para a familia, así como a lonxevidade e a robusteza. “Non buscamos espremer as nosas vacas ó máximo para lograr producións máis altas, nós queremos animais que estean sans e fortes, e por iso botámolas ó prado todo o ano, iso axúdalles a estar ben”, apunta o gandeiro. Traballan en garantir o benestar dos animais co obxectivo de reducir os problemas sanitarios e os tratamentos. “É moi difícil non tratar ningunha vaca, pero traballamos con ese obxectivo”, apunta Román.

Granxa Roman Santalla Lalin

Decidiron construír unha granxa aberta e ventilada só pechada completamente por un lateral.

Xa na construción da granxa, que acometeron hai 12 anos, tiveron en conta o manexo que querían seguir facendo. Así, tanto a sala de muxido e a leitería están situados a modo de peche lateral. “Ese é o lado do inverno, é a parte máis pechada da granxa e serve tamén para facerlles abrigo”, detalla. As instalacións foron pensadas para facer fronte á calor do verán, e polo momento están a conseguir moi ben ese obxectivo. “É realmente moi confortable. Non temos nin ventiladores nin outro tipo de sistema de refrixeración porque non o precisamos. No verán as vacas están moi cómodas aquí. Nos meses de máis calor pasan a noite fora ó fresco, pero polo día elas prefiren estar aquí”, comenta Santalla.

Os bos resultados destas instalacións, cunha estrutura metálica e cubertas sen case cerramentos, fixeron que continuaran con esta liña tamén na ampliación que realizaron hai 2 anos. Nesta parte máis nova é onde teñen boa parte das vacas secas e da recría cando están na granxa, xa que a maior parte do tempo están fóra. Esta tamén é a zona na que permanecen as vacas máis delicadas, polo que optan por empregar cama quente a base de palla. “Dá bastante máis traballo ter estas camas ben, pero tamén lles axuda moito a recuperarse cando teñen algún problema. Paga a pena”, argumenta Álvaro. Esta cama renóvana cada 3 días con dúas pacas de palla moída. Mentres, os animais en produción téñenos en camas con casca de arroz mesturada con carbonato cálcico, que renovan por completo cada 15 días.

 As xovencas e as vacas secas téñenas en cama quente para un maior confort dos animais.

As xovencas e as vacas secas téñenas en cama quente para un maior confort dos animais.

Teñen un rabaño de arredor de 220 cabezas, todas elas de raza frisoa, das que moxen entre 115 e 125 vacas para acadar unha produción media que se sitúa entre 34 e 36 litros por vaca, dependendo da tempada. En primavera chegan a 36 litros e no inverno rondan os 34. Conseguen unhas calidades do leite de 3,7% de graxa e de 3,3% de proteína, cuns recontos de bacterioloxía por debaixo das 250.000 células somáticas. “Contamos co asesoramento do servizo técnico da cooperativa que nos resulta de axuda para ter un mellor control en temas sanitarios”, apunta Román. O leite véndenllo a Cobideza, que vende na súa integridade a Reny Picot.

A granxa conta cunha sala tipo espiña de peixe con 6 puntos en cada un dos dous lados. Do muxido encárganse tanto Román coma Álvaro, xunto con outros dous empregados, un deles a media xornada. Están valorando automatizar o muxido coa colocación alomenos dun robot de muxido, aínda que as instalacións están previstas xa para a colocación de 2 sistemas que irían na parte central da nave. Ademais, na atención ó gando tamén colabora a muller de Álvaro, Inés García, que se encarga principalmente de atender á recría máis nova.

Acaban de adquirir unha amamantadora coa que axilizar a atención dos tenreiros.

Acaban de adquirir unha amamantadora coa que axilizar a atención dos tenreiros.

Levar ó pasto máis de 100 vacas

Na alimentación do gando, o pastoreo é fundamental sobre todo na primavera e no outono. A ración adáptase á época do ano e á cantidade de pasto que teñan dispoñible. “Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”, indica Román. Así, nestes meses no canto de facer ración para 125 vacas en produción abonda con facela para 95, segundo estiman. Nas vacas de produción, en época de pastoreo a ración que lle aportan na granxa é de 35,5 quilos de silo de herba, 17 quilos de silo de millo e 12 quilos de penso, ó que lle engaden herba seca ou silo ensilado moi seco. O penso mércano na cooperativa de segundo grao Xuncoga, asentada en Lalín, e da que Cobideza é socia.

“Nos meses de pastoreo, o 25% da ración está no pasto, co que se consigue tamén un aforro de custos na granxa”

O servizo de carro mesturador da cooperativa Cobideza achégase tódolos días para prepararlle a mestura das vacas en produción e cada 2 días tamén para as vacas secas e as xovencas, que pasan parte do tempo no prado. “Tanto a recría como as vacas secas están nos prados que temos máis afastados da granxa ou naqueles nos que é difícil acceder coa maquinaria. Boa parte deles son prados que noutro tempo foron moi valorados por ter auga, o que agora tamén nos axuda no manexo, xa que non temos que levarlle a cuba da agua ata alí”, apunta o gandeiro.

O servizo de carro de Cobideza vailles tódolos días para a ración das vacas en produción e cada dous días para as vacas secas.

O servizo de carro de Cobideza vailles tódolos días para a ración das vacas en produción e cada dous días para as vacas secas.

Neste gando teñen tres lotes diferenciados: nun as vacas secas, noutro as becerras preñadas (uns 12 animais nesta tempada) e noutro as vacas en celo (25 vacas). “Algunhas delas veñen tódolos días á granxa para comer o penso, mentres que hainas que quedan no prado varios días”, matiza. Tamén teñen especial atención coas xovencas máis novas e os problemas derivados da mosca. “Témolas moi vixiadas porque hai anos tivemos problemas serios por culpa destas picaduras. Non é só os inconvenientes que lle provocan no ubre senón que ves como a vaca queda moi afectada”, comenta Román.

As vacas de produción tamén van ó pasto tódolos días. “Queremos que as nosas vacas pazan e saían tódolos días, aínda que baixen ó leite. Con todo nos meses da primavera producen o mesmo que se estiveran en intensivo”, asegura Román. As vacas de leite téñenas divididas de igual xeito en 3 lotes. “Non é cuestión de levar máis de 100 vacas xuntas. Repartímolas e así manexase mellor o rabaño”, indican os gandeiros. Estes lotes de gando adoitan ir ós prados que están máis próximos da granxa, unhas 25 hectáreas. “Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”, valora Román. El adoita encargarse do manexo do pasto xunto coa fertilización. Pola súa banda, Álvaro ademais de atender o gando, xestiona o abonado do xurro. O resto dos traballos de maquinaria fanos coa cooperativa.

“Dedicámoslle o tempo ás vacas, velas fora é unha paixón, pero implica tempo e traballo”

Este ano por primeira vez están xestionando o pasto de xeito máis controlado, acoutando a parcela dispoñible para o gando con pastor, sen deixar que pazan no mesmo sitio varios días. “Leva máis tempo para nós, pero estamos conseguindo un mellor rebrote. O pastoreo é toda unha arte, se se fai ben”, indica. Para pastoreo empregan unha mestura híbrida con raigrás inglés. “Viuse unha gran evolución na herba. Antes, a herba espigaba xa en abril, cando agora aguanta ata xuño, o que che proporciona un pasto de boa calidade máis tempo”, indican.

Vacas ganderia Roman Santalla

Campos de xirasois

A gandería Agra Silva xestiona unhas 90 hectáreas de terra, boa parte delas alugadas. A maioría atópanse en zonas próximas, aínda que tamén teñen unhas 32 hectáreas no concello limítrofe de Agolada. “Vai habendo terra polo momento, pero temos unha batalla importante co eucalipto e co abandono das terras, que é moi visible”, comenta Román. Na parroquia non se levou a cabo un proceso de concentración parcelaria, pero os propios veciños foron argallando cambios que facilitaron a continuidade da actividade gandeira.

Mercan uns 500.000 quilos de millo ó ano. No silo mesturan un 75% de millo e un 25% de xirasol para conseguir unha ración máis equilibrada e un aporte extra de proteína

A maior parte da terra dedícana á produción de herba e só cultivan unhas 4 hectáreas de millo, posto que os terreos adáptanse mellor para esta forraxe. Ademais, boa parte das fincas atópanse incluídas ou próximas á Rede Natura e a espazos de cotos e vedados de caza, co que teñen unha importante presenza de xabaril. “Xa probamos de todo, dende botar o millo máis cedo ou máis tarde, pero rematamos tendo ataques e non nos resulta rendible sementalo”, argumenta. Así, mercan unhas 500 toneladas de millo ó ano a un produtor do concello veciño de Santiso ou na cooperativa Cobideza, que tamén conta con este forraxe embolsado para os socios.

 O cultivo de xirasol permítelles pastorear máis tempo e conseguen un mellor aproveitamento das terras.

O cultivo de xirasol permítelles pastorear máis tempo e conseguen un mellor aproveitamento das terras.

A gandería Agra Silva foi unha das primeiras na zona do Deza en apostar hai xa 10 anos polo cultivo dos xirasois como forraxe para complementar a alimentación do gando. “Teñen un alto contido proteico que resulta moi interesante na ración”, valora Álvaro.

“É unha forraxe que nos ofrece moi bos resultados ó poder pastorear máis tempo ou obter dous cortes de herba”, detalla Román. Así, adoitan sementalo a mediados de xuño ou mesmo a comezos de xullo, xa que son ciclos curtos de 90 ou 100 días. “Nós preferimos darlle máis días porque vimos que se traballa mellor no silo”, detallan os gandeiros.

Ademais, nos anos que levan cultivándoo non tiveron que recorrer a herbicidas e proporciónalles unha saída para o xurro neses meses. Os xirasois colléitanos canda ó millo e mestúrano no silo, nunha proporción de 75% millo e 25% xirasol. Aínda que durante anos tamén outras ganderías da zona quixeron probar os rendementos deste cultivo, hoxe Agra Silva é unha das poucas que seguen cultivándoo e teñen previsto continuar con esta forraxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información