O gandeiro Manuel Sandamil ven de ser elixido presidente da Federación Frisona Galega (Fefriga), así como da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor Lugo). Formaba xa parte da directiva de Africor desde fai máis de 10 anos e trala decisión de José Carlos Vega de non continuar Manuel foi o máis votado na elección de postos para a Xunta Directiva da entidade, que comparte con outros gandeiros de distintos puntos da provincia nun órgano colexiado renovado.
Manuel pretende seguir unha liña continuista en relación ao traballo realizado polo seu predecesor no cargo, tanto en Africor Lugo como en Fefriga. O principal obxectivo segue a ser materializar a fusión dos tres Africores galegos (Lugo, A Coruña e Pontevedra) nunha única entidade de carácter autonómico, unha tarefa que xa foi encetada no anterior mandato e que agarda que se poida materializar neste. “Imos traballar para que se poida producir o antes posible, aínda que sen présa, porque o interese de todos é a fusión pero son moitas cousas que haberá que ir vendo sobre a marcha e imos atoparnos problemas polo camiño aos que haberá que dar unha solución e solventar a través do acordo e a negociación”, admite.
Pretendemos evitar duplicidades e abaratar custos de funcionamento e que ese abaratamento chegue tamén ás explotacións
O obxectivo de englobar nunha única entidade todos os servizos que a día de hoxe prestan os distintos Africores ás súas granxas socias, como o Control Leiteiro, o asesoramento en materia de acoplamentos ou a venda de seme, persegue “mellorar en competitividade e abaratar custos”, explica Manuel. “O que se pretende é unificar todo nunha única sede e tratar de levar de xeito centralizado a organización de todos os servizos, partindo da base da necesidade de unificar criterios previamente nos Africores, que teñen estatutos e funcionamento diferenciado. Pero ao mesmo tempo tamén pensamos que é bo manter o resto de sedes dos Africores por unha cuestión de proximidade para a campaña de recollida de seme, por exemplo”, adianta.
Adaptar o Control Leiteiro
Aínda que o sector leiteiro mantivo a actividade con normalidade desde o inicio da pandemia sanitaria provocada pola covid-19 como sector esencial que é, unha das consecuencias do confinamento decretado a finais do mes de marzo foi a suspensión momentánea do Control Leiteiro en toda Galicia, un servizo que os tres Africores prestan nun total de 2.700 explotacións de toda a comunidade. “A día de hoxe practicamente o 100% das granxas retomaron o Control Leiteiro, que parara momentaneamente pero se ese parón se prolongase durante máis de dous meses podería supoñer problemas para o rexistro”, explica Manuel.
Malia a introdución dos robots en moitas explotacións, tratamos de adaptar o Control Leiteiro para que siga aportando datos interesantes ás granxas
Ten claro que este servizo, que fai anos era imprescindible para a obtención de datos por parte das explotacións, hoxe atópase coa competencia de robots e salas de muxido informatizadas en moitas ganderías e iso é un factor a ter en conta. “É certo que os robots en moitos casos dobran a cantidade de datos do Control Leiteiro, pero estamos tratando de adaptar o servizo para seguir aportando información de interese ás explotacións, sen esquecer que aínda que cada vez hai máis socios con robots ou salas informatizadas, tamén hai moitos outros que teñen salas de muxido convencionais aos que hai que seguir aportando datos”, defende.
Penso que hai que seguir ampliando eses outros servizos que se prestan ás explotacións con cousas que o sector demanda
Con todo, máis alá da utilidade dos datos produtivos, morfolóxicos e reprodutivos que aporta o Control Leiteiro ás ganderías acollidas a el, o novo presidente de Africor Lugo destaca asemade o valor de servizos como o de apareamentos, testaxe de medidores ou reparto de seme. “Son outras facetas importantes e penso incluso que hai que ampliar máis eses outros servizos que se prestan e estamos dispostos a introducir novos servizos que as granxas nos demanden e que lles sexan de utilidade, ademáis de seguir sacando máis información de cada tubo de mostra que se toma”, di.
Extender o xenotipado
Un deses servizos polos que Manuel aposta é polo de xenotipado, porque di, “hai que ir cos tempos”. Por iso, pretende buscar vías que permitan facelo máis asequible para que se poida xeralizar o seu uso nas explotacións. “Hoxe o gandeiro ten que asumir o 100% do custo do xenotipado. A Administración tense que mollar, porque é o futuro do sector leiteiro e gandeiro galego”, considera.
A Administración tense que mollar porque hoxe é o gandeiro o que asume o 100% do custo da proba xenómica e estamos falando do presente e do futuro do sector
O novo presidente de Fefriga pon o exemplo doutras comunidades. “En Cantabria o Control Leiteiro non lles custa nada aos gandeiros, págallelo a Consejería, e noutras comunidades páganlles o xenotipado. Sei que Galicia é distinto polo número de animais que ten, pero precisamente por iso debería ser un sector estratéxico para a Administración e apostar decididamente por el”, argumenta.
Manuel é consciente de que o número de explotacións leiteiras séguese reducindo en Galicia, e recoñece que posiblemente esa tendencia vaia continuar, di, aínda que destaca o feito de que se manteña o número de animais, un aspecto positivo que permite certo optimismo no sector. “O número de ganderías continúa baixando pero é importante que se conserve o número de animais. Pero para que isto poida seguir acontecendo precísase apoio da Administración para que as granxas que continuamos poidamos seguir incrementando o número de cabezas”, afirma.
Dinamización de Fefriga
Outro dos campos de traballo habituais tanto dos Africores como de Fefriga sempre foron os concursos de gando, as subastas de animais ou as escolas de xuíces, actividades que tamén se viron afectadas polo coronavirus. “Queremos impulsar a dinamización de Fefriga, para que faga algunha actividade máis, pero nestes tempos iso non é doado, dado que por mor das restricións estase moi atado nese sentido. O que son os concursos e subastas está todo parado, o mesmo que as escolas de xuíces, e penso que vai ser complicado poder retomar todo iso durante un tempo, por desgraza semella que bastante tempo”, lamenta Manuel.
El xa participaba en concursos morfolóxicos coa súa gandería, SAT Sandamil, antes de fusionarse co resto de explotacións veciñas e constituír SAT A Vereda. Durante un tempo seguiron mantendo esta práctica, acudindo a certames como a Moexmu, o organizado por Fefriga a nivel autonómico ou o concurso nacional, e logrando un bo feixe de premios que hoxe locen nas paredes da oficina da explotación, pero levan xa dous anos sen participar nestes certames.
Hoxe o dos concursos profesionalizouse moito e hai menos gandeiros participantes, iso fainos menos atractivos
“Hoxe o dos concursos profesionalizouse moito, case hai que ter uns coidados e unha alimentación específica para as vacas que levas aos concursos e iso requíreche dedicarlle tempo, espazo e traballo. Nós agora estamos centrados no día a día da granxa, porque cando acadas un volume importante de animais tes que ir priorizando cousas. Iso mesmo penso que lle foi pasando a moitas outras explotacións, por iso hoxe nos concursos hai menos gandeiros participantes aínda que con máis animais, e iso fai menos atractivos os concursos”, recoñece.
Por iso, di, “hai que darlles unha volta e ver outras alternativas, aínda que veñen malos tempos para todo en xeral”, lamenta. “Gustaríanos facer moitas máis cousas e cousas concretas coa xente máis nova, pero veremos como evoluciona isto”, conclúe.