A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Queremos que as vacas de Fleckvieh sigan alcanzando até 12 lactacións e producións de 10000 litros”

Entrevista Peter Kreuzhuber, xerente executivo de geneticAUSTRIA GmbH

“Queremos que as vacas de Fleckvieh sigan alcanzando até 12 lactacións e producións de 10000 litros”

Peter Kreuzhuber, xerente executivo de geneticAUSTRIA GmbH

Austria é o corazón da Fleckvieh, unha raza tendencia a nivel mundial, grazas á súa maior rendibilidade tanto en manexo en extensivo como en intensivo.

Falamos con Peter Kreuzhuber, xerente executivo de geneticAUSTRIA GmbH, a organización encargada da promoción e exportación da raza, e que pertence aos gandeiros e centros de inseminación austríacos.

Que é geneticAUSTRIA GmbH e que importancia está a ter na promoción da raza Fleckvieh a nivel internacional?
geneticAUSTRIA GmbH é unha empresa creada hai 15 anos e a súa función principal é a comercialización e exportación da raza Fleckvieh austríaca a nivel internacional.

A nosa tarefa por tanto é promover a raza e exportala, tanto en forma de embrións, de seme ou de animais vivos, compartindo co resto das gandarías do mundo as vantaxes e os avances do noso sistema de cría e de mellora xenética no que levamos traballando en Austria dese hai máis de 100 anos.

Pódese considerar tamén que geneticAUSTRIA GmbH é a marca oficial do país en xenética bovina, ofrecendo aos gandeiros do exterior diferentes razas como Parda alpina, Frisoa, Pinzgauer, Gris de Tirol, razas cárnicas, ademais da Fleckvieh.

Con respecto á súa estrutura, somos unha empresa cooperativa que pertence aos gandeiros e centros de inseminación de Austria. Somos, por tanto, a entidade oficial dos gandeiros de cara á exportación da súa xenética a nivel internacional e contamos co aval de estar apoiados e supervisados polo estado austríaco.

GENETIC AUSTRIA ENTREVISTA PETER 2

Cales son as principais claves do traballo con geneticAUSTRIA GmbH?
As principais actividades de geneticAUSTRIA GmbH como empresa é comercializar a xenética da gandaría austríaca, e ese modelo de éxito ofrecerllo a través de seme, embrións e animais reprodutores a todo o mundo. Ademais ofrecemos servizo de asesoría. Neste sentido, somos únicos ao englobar tanto o produto como asesoramento antes, durante e despois da venda, participando en proxectos en distintos países, tanto gobernamentais como privados.

geneticAUSTRIA GmbH establece relacións a longo prazo. Despois da venda seguimos asesorando ao gandeiro para realizar axustes, nutrición, etc, para que a explotación siga mellorando a súa cabana gandeira, e por tanto a súa rendibilidade.

Tamén é de destacar que ofrecemos produtos xenéticos cun amplo catálogo e adaptándonos ás necesidades dos clientes. Así por exemplo, en seme ofrecemos seme convencional e seme sexado, con 4 millóns ou con 2 millóns de espermatozoides. En embrións ofrecémolos dos mellores animais do pais nas diferentes razas, e o mesmo cos touros, onde ofrecemos só os mellores animais despois de pasar por unha estrita remonta de 1:40 no programa de cría.

 “Non somos meros vendedores de seme e de animais, senón que asesoramos aos gandeiros antes, durante e despois da venda”

En definitiva, o mellor material xenético que están a implantar os gandeiros de Austria tamén o frecemos a nivel internacional. Non somos meros vendedores de seme, de embrións e de animais vivos, senón que somos embaixadores desta raza a nivel mundial, e do éxito dos gandeiros que están a confiar no noso traballo.

Por último, geneticAUSTRIA GmbH ofrece aos gandeiros de todo o mundo xornadas de capacitación e a experiencia do Agrotour, unha presentación anual en directo e a nivel internacional de todo o traballo que realizamos.

Delegación internacional no marco do AGROTOUR geneticAUSTRIA (Con participación de gandeiros de España, Turquía, Alxeria, Reino Unido, Irlanda do Norte)

Delegación internacional no marco do AGROTOUR geneticAUSTRIA
(Con participación de gandeiros de España, Turquía, Alxeria, Reino Unido, Irlanda do Norte)

AGROTOUR - A combinación perfecta entre gandaría e cultura.

AGROTOUR – A combinación perfecta entre gandaría e cultura.

Visitas a explotacións gandeiras, asociacións, centros de inseminación, feiras e exhibicións, ...

Visitas a explotacións gandeiras, asociacións, centros de inseminación, feiras e exhibicións, …

Así como tamén a cidades como Viena, Salzburgo para coñecer parte da súa cultura.

Así como tamén a cidades como Viena, Salzburgo para coñecer parte da súa cultura.

A principal razón pola que ofrecemos todo isto que non ofertan outras empresas, é que a nosa filosofía empresarial non é tanto maximizar as ganancias, senón promover a raza Fleckvieh austríaca e lograr que os gandeiros internacionais logren o máximo beneficio por medio dos nosos animais. E isto é posible porque detrás de geneticAUSTRIA GmbH está o respaldo do goberno de Austria, incluíndo centros de inseminación, centros de investigación, asociacións de gandeiros…etc. É dicir, hai un interese público do estado austríaco de exportar o noso modelo gandeiro de vacún polos múltiples beneficios que achega á sociedade: vacas máis rendibles, gandarías máis sustentables ou un menor impacto ambiental…entre outros.

Cales son os principais datos da cabana de raza Fleckvieh tanto en Austria como no resto de países?
Moitas persoas descoñecen que a Fleckvieh é a segunda raza bovina máis numerosa do mundo e está dispersa nos 5 continentes, cuns 45 millóns de animais tanto en produción de carne como de dobre propósito leite e carne.

Austria é o primeiro país en porcentaxe desta raza sobre o consunto da cabana bovina: contamos con 1,8 millóns de animais de raza Fleckvieh, o que supón o 85% da cabana bovina austríaca, algo que non sucede nos outros países de Europa.

“Austria concentrouse en especializarse cara ao dobre propósito”

En todo caso, hai que lembrar que en Europa central a Fleckvieh foi unha raza histórica, con ese dobre propósito: raza produtora de leite con ese plus da carne, ademais de ser empregada para os traballos agrícolas.

Porén, Austria foi o único pais no que se siguó apostando pola pureza racial, sen cruces con outras razas, como se fixo noutros países, e enfocándose desde hai máis de 100 anos na mellora xenética para ese dobre propósito.

Desde a orixe da raza, Austria concentrouse en especializarse cara ao dobre propósito; e hoxe en día sabemos que foi a mellor decisión!

Para os gandeiros doutros países que queiran probar esta raza,¿que garantías lles ofrece geneticAUSTRIA GmbH respecto da compra da raza Fleckvieh por outras canles ou noutros países como Alemaña?
Austria é o corazón da raza Fleckvieh orientada cara a dobre próposito, e ademais mantendo o que denominamos “fitness” da vaca. É dicir, son animais robustos, eficientes, lonxevos e que non dan case problemas nin de parto, nin de saúde nin de fertilidade, o que se traduce nunha maior rendibilidade para o gandeiro.

GOLDI AT 469.658.814 (P.: GS RUBIKON) 7ma. Lact.: 10.021 kg, 4,25 %G , 3,75 %P, 801 kg G+P

GOLDI AT 469.658.814 (P.: GS RUBIKON) 7ma. Lact.: 10.021 kg, 4,25 %G , 3,75 %P, 801 kg G+P

Neste sentido, geneticAUSTRIA GmbHa ofrece aos gandeiros doutras partes do mundo a garantía de que contamos cunha infraestrutura moi especializada para exportar animais, enviando a outros países máis de 30.000 animais reprodutores ao ano, unha cantidade elevada se temos en conta que estamos nun país de pouco máis de 83.000 quilómetros cadrados, boa parte deles terreo de alta montaña.

Ademais, o funcionamento de geneticAUSTRIA GmbH garante que os animais que se exportan son tamén os mellores, non os de descarte que non queren os gandeiros austríacos. É dicir, grazas a que no país traballa todo o sector (gandeiros, centros de inseminación públicos, centros de investigación públicos..etc) coordinado cos mesmos obxectivos de mellora xenética baixo o paraugas oficial de geneticAUSTRIA GmbH todos os gandeiros, sexan ou non autríacos, teñen acceso en igualdade de condicións ao mellor seme e aos mellores animais de raza Fleckvieh.

“geneticAUSTRIA GmbH garante que os animais que se exportan son tamén os mellores, non os animais de descarte que non queren os gandeiros austríacos”

Outra garantía de geneticAUSTRIA GmbH é que, ademais de ofrecer só os mellores animais froito da selección do programa de cría oficial, tamén o complementamos coa oferta de seme dos mellores touros a nivel nacional, co que tamén se inseminan as xovencas para así lograr o melloramento dos animais que se exportan.

Por iso é polo que animemos aos gandeiros que compran os nosos animais a que se manteñan nas liñas austríacas á hora de inseminar os animais, para non perder ese traballo de mellora xenética e así lograr o éxito da súa explotación.

E para os gandeiros austríacos, ¿que vantaxes está a suporlles traballar conxuntamente a través de geneticAUSTRIA GmbH?
geneticAUSTRIA GmbH pertence aos gandeiros austríacos, o que permite que todas as gandarías, independentemente do seu tamaño, accedan en igualdade á comercialización dos seus animais a nivel mundial. O 80% dos gandeiros austríacos son membros das asociacións e cooperativas accionistas de geneticAUSTRIA GmbH, e por tanto gozan deste servizo de comercialización dos seus produtos.

O funcionamento de geneticAUSTRIA GmbH é totalmente transparente seleccionando os mellores animais de cada granxa con criterios obxectivos (datos de control leiteiro, valores xenéticos, rendementos produtivos, clasificación linear de conformación, etc…).

Outra das vantaxes para os gandeiros austríacos é que geneticAUSTRIA GmbH ocúpase de todo na comercialización cara ao exterior. Estamos especializados en exportación de gando bovino, en toda a loxística que precisa e contamos co apoio de expertos en nutrición, de inseminación e con tradutores que nos permiten brindar un servizo sen límites de idiomas por parte de profesionais académicos coñecedores da materia.

Que destacarías das exportacións de xenética de raza Fleckvieh a outros países?
Na raza Fleckvieh cabe destacar que geneticAUSTRIA GmbH está a ter actividade en máis de 70 países. Grazas ás súas características de robustez esta raza adáptase ao manexo que se lle brinde, e non o manexo se ten que adaptar ao animal.

É por iso que é ideal tanto para manexo en intensivo como en pastoreo en extensivo. Tamén se adapta sen problema a diferentes condicións climáticas, desde climas fríos a temperaturas tropicais.

“Agora mesmo atopámonos nun boom da raza Fleckvieh a nivel mundial, tanto para manexo en pastoreo como estabulada”

Nos primeiros anos de actividade geneticAUSTRIA GmbH vendiamos máis en Sudamérica ou Africa, para o seu manexo en extensivo, pero nas últimas décadas a demanda máis importante é para granxas estabuladas en intensivo.

Agora mesmo atopámonos nun boom da raza a nivel mundial. Sirva como exemplo que nos últimos días exportamos máis de 1000 cabezas a Irlanda do Norte e ao Reino Unido. En Holanda empezamos vendendo seme e cando os gandeiros viron os resultados desta raza e comprobaron as súas moitas vantaxes empezaron tamén a importar animais.

GENETIC AUSTRIA ENTREVISTA PETER 8

Chama a atención que a raza xa está presente en climas e sistemas de manexo moi distintos, desde climas tropicais a climas fríos e desde sistemas de pastoreo a estabulación intensiva. Que destacaría da capacidade de adaptación desta raza?
A enorme capacidade de adaptación da Fleckvieh débese a ese equilibrio que se mantivo nos obxectivos de selección dun animal que non se sitúa nos extremos de razas ou moi leiteiras ou moi cárnicas. Ese equilibrio permitiunos manter unha raza que é competitiva tanto en produción leiteira como cárnica e que se adapta facilmente ás diferentes condicións.

No caso concreto de España, ¿como están a evolucionar as exportacións e que importancia ten este mercado para geneticAUSTRIA GmbH?
Hai unha relación desde hai moitos anos entre geneticAUSTRIA GmbH e España, que se veu reforzando desde a entrada de Alexander Manrique Gómez na nosa empresa. Iso facilitou volver tomar as rendas dun mercado que existía no pasado, pero que perdera o horizonte a seguir. En concreto, nos últimos anos incrementouse a presenza de geneticAUSTRIA GmbH en España grazas á nosa relación con GAV ALFEED, do doutor Jordi Tost, que mantén unha representación de material xenético (seme e embrións) e coa entrada de GANADOS BARREIRA, para a exportación de animais vivos.

GENETIC AUSTRIA ENTREVISTA PETER 9

Os resultados están a verse nun contínuo incremento das exportacións de animais Fleckvieh austríacos a España.

As razas consideradas de dobre propósito, como a Fleckvieh foron desprazadas nas últimas décadas polas especializadas só en leite, como a Holstein ou o Jersey, ou só en carne. Por que neste momento a raza Fleckvieh volve ser unha raza que suscita interese como moderna e rendible?
A Fleckvieh está a verse como un animal moi completo e rendible, de forma que o gandeiro non depende só dun ingreso, senón que diversificamos ao ter ingresos por venda de leite e de carne, tanto de tenreiros como da propia vaca de desvelle, que presentan un maior valor. Ademais, presenta importantes vantaxes fronte a outras razas ao ser animais máis lonxevos, con menos necesidade de recría, con menos gastos veterinarios, produción dun leite con máis sólidos (graxa e proteína) e por tanto mellor pago pola industria…etc.

Outro punto importante a favor desta raza é que responde mellor ás novas demandas da sociedade de maior benestar animal e respecto ao medioambiente: É unha raza máis eficiente alimentariamente, máis lonxeva e por tanto con menor impacto ambiental.

Que nos pode avanzar dos últimos resultados da estimación de valores xenéticos da raza?
Se facemos unha pequena reseña histórica, a nosa asociación gandeira máis antiga en Austria cumpriu recentemente 125 anos e desde os seus inicios tivo unha preocupación por recoller datos e por involucrar á parte científica para a mellora da raza. Son por tanto 125 anos de traballo conxunto de mellora xenética con base científica e que non se detivo. Hai 11 anos incorporamos a xenómica para acelerar o progreso xenético e hoxe estamos a traballar co sistema de estimación single step ou un só paso, que proporciona unha fiabilidade aínda máis alta nos valores xenéticos, especialmente nos animais máis novos (xenómicos).

Estamos por tanto nunha nova era a nivel xenético e cada ano incorporamos novas ferramentas para mellorar a xenética da raza, con índices que presentan cada vez maior fiabilidade.

“O cruzamento con Fleckvieh é tamén unha solución aos problemas que presenta a raza Holstein”

Que vantaxes achega a raza Fleckvieh para empregala en cruces con Holstein?
Son moitos anos de experiencia en varios países no estudo das vantaxes que achegan as cruces de Holstein con Fleckvieh. Mesmo realizamos un amplo estudo coa Universidade de Wageningen, en Holanda, e hoxe podemos afirmar sen ningunha dubida que o cruzamento con Fleckvieh é unha solución aos problemas que presenta a raza Holstein.

En concreto, as vantaxes deste cruzamento son que non diminúe a produción leiteira como se pensaba, achega un valor enorme en lonxevidade, en rusticidade, menos problemas de saúde, mellor fertilidade e achega máis calidades de sólidos ao leite, e ademais contamos cun maior valor dos animais tanto de desvelle como dos tenreiros.

Por último, destacaría que a diferenza da inseminación con Azul Belga, onde se sae femia non se recría e envíase para cebo, coa Fleckvieh si é perfectamente apta para recriar o cruzamento, ao manter os niveis de produción leiteira.

“O obxectivo de selección de cara ao futuro é manter animais con entre 9000 e 10000 litros de produción e 10 ou 12 lactacións”

Cales cre que serán os obxectivos de selección da raza para os proximos anos?
Grazas a este boom da raza Fleckvieh e das exportacións a nivel mundial, estamos convencidos de que o obxectivo de selección debe ser seguir mantendo animais equilibrados. O criterio de selección principal será o fitness para seguir logrando animais robustos, con capacidade para producir 9000 ou 10000 litros por lactación, con boa calidades de sólidos, con vidas produtivas lonxevas de 10 ou 12 lactacións, e en definitiva un animal o menos problemático e o máis rendible posible. Iso si, seguiremos tratando de mellorar as características individuais de produción.

Como lles afecta a pandemia do Covid19 en canto ás exportacións e organización do traballo? Cales son as principais medidas de prevención que adoptaron?
O 2020 pódese considerar como un dos mellores anos a nivel empresarial para geneticAUSTRIA GmbH. Ao comezo da pandemia había medo e non sabiamos como ía reaccionar o mercado, pois a nosa actividade precisa de moitas viaxes e non sabiamos que ía pasar.

As razóns deste éxito a pesar da crise do Covid19, concluímos que foron grazas ao noso traballo previo de traballar en rede, á nosa seriedade e profesionalidade. Os gandeiros buscan, e máis nesta situación na que moitas veces non poden viaxar en persoa a ver os animais, a empresas que lles proporcionen confianza e unha relación a longo prazo. Os nosos clientes, que en moitos casos tamén se converten en amigos, tiveron máis dificultades para ver aos animais, e aínda así pagan miles de euros por transferencia, e non ven ás vacas ou xovencas ata que chegan á súa explotación. Iso só é posible grazas a un traballo baseado na confianza e no traballo profesional, e ese o principal activo de geneticAUSTRIA GmbH.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *