“Queremos potenciar a Rubia Galega do País, unha raza sen problemas de parto e que dá leite suficiente”

Dende o interior de Galicia, en Rodeiro, xurdiu a Asociación Gandeira Rubia Galega do País, un colectivo que traballará por manter a esencia da raza. Nesta entrevista, o seu presidente Alberto Hermida relata porque é necesaria esta asociación e como traballarán

“Queremos potenciar a Rubia Galega do País, unha raza sen problemas de parto e que dá leite suficiente”

Alberto Hermida, diante á esquerda, co resto de compoñentes da directiva. Cedida

Asociación Gandeira Rubia Galega do País é o nome da entidade creada recentemente en Rodeiro (Pontevedra) coa idea de poñer en valor a raza e destacar as súas potencialidades, ademais de recuperar a Feira da Vaca Rubia Galega de Río e levar a cabo diferentes eventos. O colectivo xorde con vocación de asociar a gandeiros, non so do termo de Rodeiro, senón do conxunto da provincia de Pontevedra, sen rexeitar socios doutras localidades.

A directiva está composta por Alberto Hermida Taboada, como presidente; Diego Mazaira Fafián, vicepresidente; Tamara Sobrado Deza, secretaria; Bruno López García, tesoureiro; e os vogais Sonia Diéguez Salgado, Manuel Villanueva Panadeiros, Óscar Fernández Aguiar e Elvito Cuñarro Fente. Nesta entrevista, o seu presidente explica por que xurdiu a necesidade de crear este colectivo, como traballarán e tamén como está a situación da Vaca Rubia Galega do País.

– Con que finalidade naceu a Asociación Gandeira Rubia Galega do País?
Cando aos nosos avós lle preguntaban como eran as súas vacas, eles dicían “as miñas vacas sonche Rubias do País”, e iso é o que queremos recuperar. A necesidade de contar cun colectivo estaba aí, pero a motivación xurdiu durante a celebración do evento Sabor Labrego. Dende o Concello propuxéronme lanzar este proxecto e eu tiña un obxectivo claro: recuperar a Feira de Río.

A inquedanza estaba aí e comezamos a traballar para que dende a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) nos outorguen unha distinción e poder traballar de maneira conxunta. Somos moitos os gandeiros que necesitábamos un espazo así e, dende logo, haberá que dedicarlle horas para chegar a consensos e ver como se pode encamiñar.

O seguinte traballo con Acruga é manter unha reunión con eles para empezar a diferenciar a Rubia Galega do País da Rubia Galega

– Aínda que nace en Rodeiro estará aberta para calquera gandeiros de Galicia?
Xa dende que comezamos a traballar neste proxecto houbo gandeiros de moitos puntos de Galicia que se interesaron. Dende todo Pontevedra ata outras provincias, temos xente que nos pregunta por este colectivo e quere entrar nel. Polo tanto, por suposto que esta Asocación nace para traballar en toda Galicia.

– Acruga é a asociación que xestiona a xenética da raza Rubia. Que vinculación teredes con eles?
Acruga será un aliado que nos acredita que os animais naceron no país, que nos certifica a súa árbore xenealóxica e valida a súa consanguinidade. Cando fixemos a feira, amparámonos baixo a súa marca, polo tanto teremos moito camiño que facer xuntos. O seguinte traballo con eles é manter unha reunión con eles para empezar a diferenciar a Rubia Galega do País da Rubia Galega.

– Que proxectos levaredes a cabo?
Agora mesmo estamos traballando en tres eixos. Por unha banda, temos a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Neste sentido buscamos desenvolver a marca rosa de Suprema, e fillos e fillas de Ternera Gallega. Intentaremos que as nosas ganderías teñan en pleno esa certificación. Tamén queremos darlle un valor engadido a esas carnes de cara a hostalería, pero aínda hai que perfilar o xeito de proceder. A finalidade é que o cliente poida ver na propia carta dos locais de onde procede a carne que vai pedir, xa que iso ten un valor engadido. Ademais, se pode buscar esa gandería e ver información de onde está ou como é o manexo dos animais, xa sería unha trazabilidade máis compleeta.

Por outra banda está a Acruga. Nós cremos que temos unha capacidade de mellora en distinción e manter o que había antigamente. Por iso, deberemos reunirnos para diferenciar as vacas Rubias Galegas do País a vacas Rubias Galegas. Eles poden considerar que a vaca pode ser apta para carne e que poida ter unha conformación para conversión para quilos tremenda, pero nós buscamos unha conformación xenética. Cremos que a carne será mellor, vacas que igual convertan menos carne, pero que ao final sexa moito máis óptima para o consumidor.

Dentro de ambos organismos, queremos organizarnos e ter o noso propio espazo. Xa que da man con eles podemos chegar a bos acordos.

Finalmente, tamén contaremos con Finca Mouriscade cos que traballaremos para temas de mellora xenética e morfoloxía da raza. Xa formaron parte da presentación e tamén debemos reunirnos para ver cal vai ser o xeito de proceder con eles.

O único que tratamos é que todo volva transcorrer como antigamente, cando non daba problemas a raza e todo era máis normal

– Como valorades o traballo de Acruga?
Nós comulgamos con todo o proceso que aplica Acruga para a certificación, e estamos de acordo. Porén, entendemos que á selección xenética da avoa e do pai se lle dea unha distinción dentro da propia Rubia Galega do País. O que descatalogan eles porque é un pai que non cumpre cos seus parámetros básicos de conformidade, igual para nós é moi válido. Que esa nai se faga auxiliar ata que teña un parto, tampouco nos parece viable. Se a nai ten a raza non temos porque esperar a que paira para darlle a acreditación. Por iso, debemos reunirnos con eles para traballar neste sentido e que, baixo o seu amparo, poidamos potenciar a Rubia Galega do País.

– Como vedes a situación da xenética de Rubia Galega?
Nós cremos que a Rubia Galega degradou cara á transformación cárnica e esquecéndose de parámetros moi importantes como a facilidade de parto ou a manutención natural de nai a fillo/a. Esa degradación é unha realidade que sufrimos nas nosas explotación.

Outra cousa da que hai que empezar a falar é da consanguinidade. Isto leva a malformacións ou a crías cunha deficiencia de mobilidade, e iso pasa cando facemos o corte da consanguinidade en 6. Dende a Rubia Galega do País entendemos que ese corte non pode pasar de tres. Pero se dentro dunha propia Asociación, se os que achegamos o gando para a xenética somos os catro gandeiros de sempre e non diversificamos como tal, estanos levando a un problema de consanguinidade

Igual temos que valorar compartir máis entre gandeiros, cada un que achegue máis a xenética que ten na súa gandería para todos, e que non parta cunhas explotacións en concreto que levan durante anos achegando datos.

Hai moito tempo que se palpa no sector un descontento. A nós igual se nos deron as circunstancias para abrir este melón e fixémolo porque temos a raza, temos a terra e temos os gandeiros. A nosa zona é unha terra con moitos principios e valores sobre isto.

O único que tratamos é que todo volva a transcorrer como antigamente, cando non daba problemas a raza e todo era máis normal. Evitar un pouco a transformación que se quixo facer, que nós cremos que no conxunto de todo repercutiu moito na viabilidade da propia raza.

Creo que se debería ampliar ata os 12 meses a certificación de Ternera Gallega

– Recuperastes a Feira da Vaca Rubia Galega. Por que é importante este evento na provincia?
Levábamos 17 anos sen celebrar este evento e ía pola 12ª edición. É algo moi profundo. Nunha das últimas edicións entraron 104 animais de veciños e veciñas que traian os seus animais. Estaba recoñecida como unha das feiras de Vaca Rubia Galega das que máis convocatoria tiña en toda Galicia.

Déronse as circunstancias, recuperámola e volveu a ser un éxito. Asistiu xente de Santiso, da comarca do Deza, de Pantón, O Corgo, O Páramo, Monforte, Chantada, Monterroso, Antas de Ulla, Friol… Agora toca seguir manténdoa e mellorando todo o que sexa posible.

– Que valoración facedes da situación que está a vivir o mercado da carne, con forte demanda e cotizacións en ascenso?
As principais vías dos xatos en Rodeiro son as carnicerías e logo as industrias mediante o filtro de Acruga. A nós o do sector da carne parécenos pésimo porque parece que a demanda crece un pouco, pero vai en favor do reclamo de carne, pero non da diferenciación do produto.
Nós dende a asociación estivemos falando con matadoiros a nivel nacional, pero ese é un mercado distinto ao noso. Eles falan de animais a peso bruto de máis de 500 kg por porte, polo que seguramente sexan crías de uns 15 ou 17 meses. Nós sempre nos diferenciamos por produto de menos de un ano. Aí temos algo que mellorar.

A IXP, dende o momento que o noso becerro pasa dos 10 meses, non acredita como Suprema. O becerro aos 10 meses é cando empeza a ter calidade, por iso eu creo que se debería ampliar ata os 12 meses. Non digo ata os 15, como di esta xente do mercado nacional, pero si igual que nos manteñan a Suprema ata os 12 meses para facer máis volume, sen perder calidade, e seguramente se obteña unha carne óptima.

“O lobo vén, leva o animal, dispón del e aí nos quedamos os gandeiros sen recibir nada”

Imaxe da explotación que resenta Alberto Hermida xunto ao seu irmán

Imaxe da explotación que resenta Alberto Hermida xunto ao seu irmán

– Recentemente padecestes un ataque de lobo que se saltou os controis preventivos que tiñades (cans e balados electrificados). Como valorades a xestión da Administración na xestión do lobo?
Ese ataque ocorreu en Gandería Laura Taboada, que é a explotación que rexentamos meu irmán e eu. Trátase dunha explotación en ecolóxico con economía circular, onde temos unha explotación de galiñas de posta de ovo que produce xurro desas galiñas que se aplica nas fincas que logo comen as vacas. Na nave, a enerxía procede dun sistema fotovoltaico totalmente illado. Facemos todo isto, cumprimos coa pegada de carbono, zona verde e respectuosa co medio ambiente, pero cando a parte adversa nos fai un ataque non nos destacan como tal.

Os peches son novos porque estamos en zona onde acabamos de recibir as novas parcelas de concentración parcelaria. Facémolos con arames a 50 cm de distancia electrificados. Metemos tres mastíns en liberdade na zona para socorrer estes ataques e ao final daste de conta que a 80 m da propia aldea tes un ataque.

Logo, ven o axente de Medio Ambiente e diche que efectivamente é un ataque de lobo, pero “tedes que esperar a que abra a solicitude”, pero se sodes produtores en ecolóxico xa vos dan unha bonificación como tal na PAC. En resumo, ese ataque temos que lamentalo e perdelo nós.

O que lle digo a administración que eu creo na biodiversidade, creo na natureza e no medio ambiente, pero se eu teño un ataque neste nivel, a min, e a todos os gandeiros, que se nos pague polo que vale. Se está certificado como un ataque do lobo e eu vou a extensión agraria ou calquera organismo e presento o documento e ao día seguinte se me ingresa, eu considero que tiven unha perda, pero que se me compensou como tal porque hai outra parte que cometeu un erro e ten que pagar por ela. O que non pode ser é que quede todo ás costas dos gandeiros. Isto ten que estar regulado economicamente.

Na perda do becerro, non é só ese animal. Neste caso, tiña mes e medio e súa nai estaba no pico de lactación amamantando ese becerro, e a medida que o facía producía carne para a súa gandería. Se lle quitamos o becerro, a nai vai ter un problema que ao gandeiro lle vai xerar máis: podemos entrar en mastite, podemos ter que pinchar en antibiótico…

O lobo non ten ningún prezo: Vén, leva o animal, dispón del e aí nos quedamos os gandeiros sen recibir nada. E eu creo que son animais que teñen que estar na nosa biodiversidade, non quero eliminalos, pero si que haxa un regulamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información