A Consellería do Medio Rural publicou o pasado 29 de xuño no DOG unha Orde pola que se restrinxe a utilización da maquinaria agrícola e forestal durante o verán, no período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, na faixa horaria comprendida entre as 12 do mediodía e as 6 da tarde, en caso de risco moi alto ou extremo de incendio , en terreos forestais ou fincas agrarias que estean a menos de 400 metros do monte, salvo que se adopten medidas de prevención adicionais, como contar con depósitos de auga.
Desde o sector acúsase á Xunta de falta de diálogo e aseguran que esta norma dificulta enormemente a realización de tarefas agrícolas como a recollida da herba seca e traballos forestais como os desbroces.
Manuel Francisco, que substituíu en decembro pasado a Manuel Rodríguez como director xeral de Defensa do Monte, alega que a orde deriva dunha norma estatal de obrigado cumprimento aprobada en agosto pasado e asegura que o Goberno galego buscou unha solución para non paralizar a actividade agrícola, establecendo unha serie de condicións xenéricas para poder seguir utilizando tractores e apeiros en fincas próximas ao monte sen ter que pedir unha autorización expresa para cada traballo.
– Cales son os obxectivos que se perseguen coa aprobación desta orde?
– É unha norma que trata de minimizar os impactos, porque viñamos observando accidentes provocados pola actividade dos tractores nos últimos anos e vimos que a metade dos incendios provocados por maquinaria se producían nesa faixa horaria entre as 12 do mediodía e as 6 da tarde.
Xa o ano pasado tivemos certa incidencia cos incendios provocados por maquinaria que estaba traballando. Tivemos algún apuro importante. E este mesmo mércores no concello de Lugo xerouse un incendio, que obrigou a desprazar medios, por unha máquina que estaba segando herba seca nunha finca. Non por unha neglixencia, senón como consecuencia da actividade, aínda que neste caso foi xa despois das 6 da tarde.
Nos últimos dez anos contabilizáronse 411 incendios forestais provocados polo uso de maquinaria
O Real Decreto 716/2025, polo que se aproban as directrices e criterios comúns dos plans anuais para a prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais, no seu artigo 15, apartado 2, dinos que en función da meteoroloxía teñen que existir unhas prohibicións para este tipo de actividades.
En base a iso decidimos facer unha orde que non prohiba, senón que regule estas actividades, dada a importancia do sector agrario e forestal en Galicia. Polo tanto, todo isto vén como consecuencia desta normativa estatal do Ministerio, non deriva da Xunta.
– Están fundamentadas as queixas do sector, mostradas tanto desde o ámbito agrario como forestal?
– A norma estatal saíu o pasado 26 de agosto e é de inmediato e obrigado cumprimento, e nós intentamos achegar unha solución a esta esixencia de facer unha autorización expresa tractor a tractor. Porque iso sería unha tolemia de trámites para os agricultores. Aí si que se paralizaría absolutamente o campo e o mundo forestal.
Facer unha autorización expresa tractor a tractor sería unha tolemia, polo que optamos por establecer unha regulación xenérica
Deste xeito nesas horas non se para a actividade, pódese seguir levando a cabo sempre que se cumpran unha serie de medidas de prevención. E non é todos os días nin en todos os concellos, só nos municipios con risco moi alto ou extremo e nesa faixa central do día. Parece que é para toda Galicia e a norma non di iso. Non estamos paralizando a actividade agraria e forestal.
– Outras comunidades autónomas aplicaron xa o Real decreto, pero a realidade do territorio galego é distinta, porque aquí boa parte das fincas agrarias están a menos de 400 metros do monte.
– Madrid, Aragón ou Castela e León teñen normativas máis restritivas ca a que ten Galicia. Por exemplo, en Castela e León, pararíase a actividade nesas horas eses días e requiriríase unha autorización expresa para usar maquinaria.
Aquí nós pensamos en facer algo xenérico, mellor que dar autorizacións individuais. Galicia ten 3 millóns de hectáreas e non é doado facelo doutra forma. E aquí, evidentemente, a paisaxe e a distribución agrícola están moi mesturadas co monte. Son zonas de mosaico que desde o punto de vista dos incendios nos favorecen.
– Considera que houbo o suficiente diálogo e consenso co sector? Dígoo porque a maioría das organizacións agrarias e do ámbito forestal quéixanse de que a norma non foi consensuada con elas.
– Mantivemos contactos con algunha asociación, pero sempre se pode facer máis. En todo caso, estamos abertos a calquera suxestión ou achega que queiran facer. Eses contactos estámolos mantendo nestes momentos aclarando dúbidas ou situacións concretas. Chegáronnos consultas que estamos respondendo.
As procesadoras e autocargadores que traballan no monte non teñen esta limitación
E na propia páxina da Consellería publicouse unha serie de aclaracións. Por exemplo, no monte as procesadoras e os autocargadores non teñen esta limitación; xa houbo unha aclaración neste sentido. A norma non está orientada a este tipo de máquinas ou equipos. É só para apeiros que poidan xerar incendios, por exemplo o desbroce forestal. A norma aplícase só a máquinas ou apeiros que poidan xerar deflagración, faíscas ou descargas eléctricas.
– Din os sindicatos agrarios que a herba seca hai que recollela con bo tempo e nas horas centrais do día. Que lles diría?
– Pois botando man da sabedoría popular (os meus avós eran agricultores), tradicionalmente nas horas centrais do día o que se facía era descansar e buscar as horas frescas do día, a primeira da mañá e a última da tarde, para facer eses traballos.
Non estamos dicindo que de 12 a 6 non se poida traballar, pero se queren traballar nestas horas centrais do día, terán que adoptar esta serie de medidas extraordinarias. E tamén hai riscos por golpes de calor que habería que ter en conta á hora de traballar no verán, aínda que as cabinas dos tractores estean climatizadas.
– Dada a aprobación desta orde coa súa publicación no DOG o pasado 29 de xuño e a inmediatez da entrada en vigor dous días despois, o 1 de xullo, cre que as empresas de servizos agrícolas e forestais e as explotacións agrogandeiras tiveron tempo material para mercar os equipos que se lles esixen: depósitos de auga de 400 litros, un extintor de escuma de 6 kg, dous batedores e unha mochila extintora de 15 litros? E que custo aproximado poderían ter?
– O do depósito de auga de 400 litros e o vixiante si é novidoso, pero o resto do material xa estaba contemplado no Pladiga doutros anos e xa o deberían ter.
En canto ao custo, non o calculamos. En todo caso, non creo que sexan equipos moi custosos. E insisto, o Pladiga destes anos atrás, independentemente deste Real decreto estatal de agosto pasado, xa apuntaba a este tipo de ferramentas.
– Se miramos o IRDI de mañá sábado, por exemplo, gran parte da provincia de Ourense e a montaña oriental de Lugo atópanse en risco moi alto ou extremo. En todas esas zonas non se podería traballar sen ter ao lado un depósito de auga.
– Si, iso é así. Eu, como o resolvería? Pois ben outro tractor cunha cisterna, unha pick-up cun pequeno depósito ou un deses recipientes de 1 metro cúbico dos que se usan para trasladar auga ao gando e que son relativamente baratos. Existen tamén xa apeiros específicos, como depósitos de auga que van acoplados ao propio tractor na parte dianteira. É unha posible solución para traballar nestas zonas. A cuestión é intentar minimizar estes riscos.
O Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) pode consultarse por concellos na web da Consellería do Medio Rural
– A persoa observadora, destinada a alertar en caso de detectar un conato, entendo que non pode estar traballando.
– Non. Tería que estar vixiando, supervisando os labores realizados coa maquinaria. Cando se produce un accidente deste tipo, o que detectamos é que o agricultor ou operador forestal non é consciente de que se xerou un incendio como consecuencia da súa actividade.
A persoa que vixía non debe estar metida dentro do tractor
A persoa que vixía non debe estar metida dentro do tractor. Podería estar facendo un labor complementario ou un traballo de tipo manual no campo, pero sempre que lle permita estar alerta e vixiante en todo momento, para avisar no caso de producirse un lume e apagalo canto antes, ao mellor xa eles mesmos nese mesmo momento. É dicir, debe ser un vixiante en colaboración activa.
– Ten previsto a Consellería facer algún tipo de curso para formar os agricultores na utilización destes equipos? Poderían ser un apoio interesante na extinción de incendios.
– Os agricultores xa colaboran moito connosco na extinción, é algo que hai que valorar e poñer enriba da mesa. A extinción está profesionalizada, pero nese primeiro ataque ao lume é útil e interesante. Este ano puxemos en marcha a aplicación ALume para facilitar a colaboración cidadá.
Os agricultores colaboran moito connosco na extinción; é algo que hai que poñer enriba da mesa
En canto á formación, coa empresa Finsa fixemos un convenio de colaboración con eles para formar os equipos de traballo que teñen no monte para evitar incendios e como actuar se detectan un conato.
Estes días estamos en Monforte de Lemos con esa formación e tamén se realizou en Queimadelos, en Ourense, e en O Campiño, en Pontevedra. Pediunos tamén colaboración outra entidade do sector forestal, Lugomadeira, e estamos abertos a ampliar esta formación a quen nola solicite, por exemplo comunidades de montes, etc.
– No caso de producirse un incendio e non contar con estas medidas e estes equipos, cales serían as consecuencias?
– Os gastos de extinción con medios aéreos, por exemplo, pásanselle á persoa que causou o incendio por este tipo de accidentes. A compañía de seguros ou o propio agricultor tería que facerse cargo destes gastos. Paga a pena ir da man desta normativa.
Os gastos de extinción con medios aéreos pásanselle á persoa que causou o incendio
O cumprimento destas medidas non exime da responsabilidade, pero é un agravante non cumprilas. Son medidas que poderían ser moito máis limitativas, non permitindo traballar baixo ningún concepto nesas horas centrais.
– Quen se vai encargar de vixiar e supervisar o cumprimento da norma?
– Os axentes forestais da Xunta e os corpos e forzas de seguridade. Entendo que se, no desempeño das súas funcións, ven que alguén non cumpre, deterán a actividade por non contar con estes equipos.
Pero creo que vai ser un momento moi puntual. Os labores do campo están moi concentrados nesta época na herba seca, pero este ano veu adiantada pola climatoloxía e xa se está rematando coa sega en boa parte de Galicia tal e como veu o tempo.
“Tivemos que adiantar a campaña de extinción por mor das altas temperaturas que houbo no mes de xuño”

Manuel Francisco tomou posesión en decembro pasado como director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural en substitución de Manuel Rodríguez
Antes da súa toma de posesión en decembro pasado como director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco era o xefe de servizo de Prevención de Incendios Forestais en Pontevedra e foi coordinador do Grupo de Expertos en Incendios Forestais creado no Parlamento de Galicia durante os anos 2018 e 2019 a raíz dos lumes que cercaron a cidade de Vigo no ano 2017.
– O verán comezou en Galicia con seca e temperaturas inusualmente altas para esta época. Prevese unha campaña de incendios complicada este ano?
– A época de máximo risco comeza o 1 de xullo, pero este ano xa adoptamos medidas extraordinarias desde o 16 de xuño. As medidas son sempre progresivas e en función da situación concreta e este mes de xuño tivemos tempo seco e temperaturas moi elevadas.
– Como se está desenvolvendo a situación polo de agora?
– Notamos un adianto dos incendios. Normalmente a campaña empezaba un pouco máis tranquila, pero este ano tivemos un pico a semana pasada coincidindo con temperaturas próximas aos 40 graos en boa parte de Galicia.
En canto ás casuísticas, tivemos xa un pouco de todo. Tivemos un pico de incendios polos raios e as treboadas, que son sempre incendios difíciles de localizar e de extinguir. Tamén houbo xa algún incendiario detido que pasou a disposición xudicial. E estamos tendo tamén algún accidente, malia a norma deste ano.
– Vostede presidiu o Grupo de Expertos en Incendios Forestais creado no Parlamento de Galicia a raíz dos incendios do ano 2017. Que destacaría das conclusións do ditame elaborado?
– O ano 2017 foi excepcional pola situación provocada polo furacán Ofelia, que fixo que os lumes tivesen un comportamento explosivo e inusual. Pero esa é cada vez máis a tendencia.
Estamos con novos escenarios, vendo que os incendios teñen unha especial virulencia, como vimos o ano pasado en Ourense e no sur de Lugo, e estamos preparándonos para este novo escenario, con medidas de cara á vixilancia e á extinción.
Estamos preparándonos para os novos escenarios de incendios, con lumes máis virulentos e de maior envergadura
Por exemplo, creouse a UDEX, que é unha unidade específica de directores de extinción para incendios de maior envergadura, que precisan unha especial incorporación de directores técnicos.
Temos tamén este ano 42 brigadas máis para reforzar as zonas de especial incidencia, 4 medios aéreos máis (pasando de 20 a 24 este ano), 16 medios pesados máis, e fíxose un esforzo na vixilancia e detección temperá, mediante a aplicación ALume, para complementar os teléfonos 085 e 112.
Incorporouse tamén a IA na detección automática, complementando a rede de vixilancia da Xunta, e aumentouse nun 30% o número de cámaras.
– Sen embargo, a pesar de que se aumentan ano tras ano os medios de extinción, dá a sensación de que con este tipo de novos incendios nada é suficiente. Sería necesario facer outro tipo de cambios no sistema de loita contra o lume en Galicia, cun enfoque máis preventivo, por exemplo?
– A política contra os incendios estase enfocando tamén á prevención, non só á extinción. Paralelamente a todos estes medios de extinción cos que contamos, de cara á prevención temos unha orde de subvención para traballos en Comunidades de Montes para crear áreas devasas, devasas, apertura de pistas, etc., e este ano aumentouse de 15 a 25 millóns de euros o orzamento para limpeza e xestión da biomasa. É un plan preventivo moi ambicioso, que é novidoso porque no resto de España non hai nada parecido.
A limpeza de biomasa nos núcleos de poboación é un plan preventivo moi ambicioso; no resto de España non hai nada parecido
E eu destacaría tamén as queimas prescritas que se fixeron este ano durante o inverno en zonas concretas moi sensibles para reducir a carga de biomasa e que nos serviron como formación para os bombeiros forestais de cara ao verán.
– De cara ao futuro, en relación cos incendios forestais, que é máis preocupante: o cambio climático ou o abandono e despoboamento do rural?
– É unha boa pregunta. O cambio climático e os seus efectos cada vez van ser máis significativos e iso vainos obrigar a estar aínda mellor preparados. De aí, por exemplo, a creación da UDEX e a ampliación dos medios aéreos este ano, porque cada vez necesitamos máis forza e máis cantidade de auga para que a auga poida chegar ao chan e apagar o lume.
Cada vez necesitamos botar máis cantidade de auga para que poida chegar ao chan
En canto á loita contra o abandono, tamén se están facendo cousas, desde pasteiros, por exemplo, para ter unha xestión dinámica e activa do territorio por medio do gando no monte. E esta mesma semana entregouse unha nova concentración parcelaria no concello de Verín. Son actuacións importantes para poder dar unha opción produtiva e buscar unha alternativa para evitar ese posible abandono.
Aumentouse tamén a xestión forestal do monte. Coas últimas cifras de 2025 medramos en aproveitamento de madeira e estamos xa preto do 60% das cortas de madeira de toda España.
Galego









Control OJD