“Queremos facer agricultores e gandeiros prácticos, a nosa ensinanza está encamiñada a iso”

Josef Sieder é o director da Escola Técnica Agrícola de Pyhra (Austria), onde se forman 300 alumnos en Agricultura e Teconoloxía Alimentaria. Hai outros 7 centros coma este na rexión. A formación dos mozos e mozas é un piar esencial para asegurar o relevo xeracional nun país coa taxa de reemprazo no sector máis alta de Europa

Josef Sieder, na nave de produción leiteira do centro de ensinanza agraria que dirixe en Pyhra (Austria)

Josef Sieder, na nave de produción leiteira do centro de ensinanza agraria que dirixe en Pyhra (Baixa Austria)

A oferta formativa na rama agraria en Galicia está repartida en 30 centros educativos, tanto públicos como privados, que ofrecen unha ducia de ciclos de FP tanto de nivel básico como medio e superior. En pleno inicio do curso escolar, coñecemos o funcionamento do sistema de educación pública austríaco, un país punteiro en Europa en formación agraria e relevo xeracional. 

En Austria, as granxas pasan de pais a fillos. É unha tradición arraigada, pero a práctica totalidade dos mozos e mozas que collen o testigo nas granxas da familia contan cunha formación previa que os capacita para tomaren as decisións á fronte da explotación.

Son un mínimo de tres anos de formación que se imparte en centros públicos como o ubicado na localidade de Pyhra, en Baixa Austria, no que estudan 300 alumnos e alumnas. Tres cuartas partes deles proceden de familias agrícolas, aínda que a porcentaxe varía nas dúas especialidades que ofrece esta escola técnica: na especialización en Agricultura o 80% do alumnado ten granxa na casa, pero na especialidade de Tecnoloxía Alimentaria esa ratio baixa á metade.

O 75% do alumnado procede de familias con explotación agrícola ou gandeira

Sexa cal sexa a rama escollida, a formación é eminentemente práctica. “A nosa ensinanza está moi centrada na parte práctica, porque queremos formar agricultores e gandeiros prácticos”, defende Josef Sieder, o director do centro.

Granxa propia e queixería

Centro de formación para alumnos de FP da rama agraria en Pyhra, que conta con granxa propia e instalacións de fabricación de queixos e iogures

Alumnos do centro de formación de FP da rama agraria de Pyhra facendo prácticas de fabricación de queixos e iogures

A formación do alumnado busca abrirlles camiños para cando se fagan cargo das súas propias granxas. O contacto coa realidade da produción agraria é gandeira lógrase mediante as prácticas que realizan na granxa de vacas coa que conta o centro, onde producen leite e ceban xatos, e nas 170 hectáreas de superficie agraria e forestal que manexan. 

O establo, construído no ano 2020, acolle a 60 vacas en produción, ademais da recría e as vacas secas. Teñen tamén unha zona de engorde dos xatos, que ceban até os 17 meses, acadando os 700 kg de peso vivo (gañan unha media de 1,5 kg de peso ao día).

Cada semana, catro alumnos realizan as tarefas diarias da granxa supervisados por persoal do centro

Un total de 5 traballadores do centro ocúpanse dos establos, pero cada semana 4 alumnos están na granxa para facer con eles todas as tarefas e familiarizarse deste xeito da realidade diaria dunha granxa de produción.

A granxa ten dúas salas de muxido, unha paralela e outra en espiña de peixe, e teñen un acordo con outra explotación veciña que ten robots de muxido, para que os alumnos poidan coñecer os distintos sistemas dispoñibles.

PYHRA (Austria) establo producion2Tamén teñen cubículos de tres marcas diferentes, para que os alumnos poidan experimentar e ver os resultados, pros e contras de cada un deles, de cara á súa posterior implementación nas súas explotacións.

Ademais de produción, a escola conta con instalacións de transformación como queixería, carnicería ou destilería

A maioría das vacas que ten o centro son de raza fleckvieh e algunha parda alpina e aprodución media sitúase entre 10.000 e 11.000 litros por vaca e ano. A granxa produce en total uns 1.500 litros de leite ao día e unha parte deles serven para facer as prácticas na propia queixería da escola, que ten tamén carnicería e destilería para que o alumnado saiba producir pero tamén transformar esa materia prima.

Tenda para vender os produtos

Un día á semana a tenda do centro, que é xestionada polos alumnos, abre ao público

Un día á semana a tenda do centro, que é xestionada polos alumnos, abre ao público para vender os produtos que elaboran

O centro ten tamén unha tenda propia, onde se venden os produtos que elaboran os alumnos. Eles mesmos a atenden coa axuda dun profesor. “É tamén parte da formación do alumnado, para que poidan coller experiencia en como xestionar a súa propia tenda e facer venda directa dos seus produtos”, razoa Josef.

Todos os xoves, de 2 a 6 da tarde, está aberta ao público para que a xente do pobo ou de localidades próximas poidan vir mercar os iogures, cervexas, zumes ou confituras de froitas feitas no centro. Ademais do que se produce e fabrica na escola, na tenda tamén hai produtos de outras granxas veciñas.   

50 profesores

PYHRA (Austria) clase de laboratorioA escola agraria de Pyhra conta con 170 hectáreas de terreo: entre elas 40 de terras de cultivo, 30 de pradeiras, 70 de monte, 5 hectáreas de viveiro e 2 de froiteiras, ademais do espazo que ocupan todas as instalacións (aulas, talleres, internado, laboratorio, queixería, parque de maquinaria, destilería, invernadoiro, etc).

Medio cento de profesores encárganse de formar aos alumnos nas distintas disciplinas. Moitos deles son profesionais que teñen a súa propia explotación e compatibilízana coa impartición dalgunhas materias ou especialidades na escola, de maneira que a formación que reciben os alumnos está conectada directamente coa realidade do sector.

Van comezar a producir cervexa coa cebada que labran e o bagazo vano usar para cebar os xatos

Por exemplo, neste momento están construíndo unha fábrica de cervexas en colaboración cunha cooperativa local que necesitaba unhas novas instalacións de fabricación. A cooperativa vai producir as súas cervexas no centro e, a cambio, os alumnos van poder participar no proceso e recibir formación nese ámbito por parte dos maestros cervexeiros da cooperativa.

Formación multidisciplinar

PYHRA (Austria) alumnos practicas motoserraOs alumnos e alumnas chegan ao centro despois de cursar os seus estudos básicos obrigatorios, con 14 ou 15 anos e están 3 anos no centro, equivalentes a un ciclo medio de FP. Non existen probas de admisión, senón que a entrada vai pola nota que traen da escola. Logo destes 3 anos, os alumnos poden facer outros 3 noutro centro (equivalentes ao ciclo superior de FP) e ir logo a Universidade.

A ensinanza en Austria é pública (tamén a Universidade), pero os alumnos pagan unha cota ao mes polo aloxamento e a manutención no centro: 360€ ao mes por comer e durmir e 170€ pola comida se non dormen no internado. Dos 300 alumnos que ten a escola, 215 quedan a durmir no internado.

Os alumnos saen do centro co carnet de tractor e de motoserrista e co permiso para poderen cazar

Cando acaban a súa formación no centro, os alumnos saen co carnet de tractor (é algo que necesitan para facer as prácticas coa maquinaria da escola), así como o permiso para poderen cazar, unha afección moi común en Austria e para a que se necesita realizar un curso de formación específico.

Zona de prácticas con motoserra e aserradoiro móbil

Zona de prácticas con motoserra e serradoiro móbil

No ámbito forestal, os alumnos e alumnas obteñen o título que os habilita para manexar unha motoserra ou unha grúa. Tamén reciben formación sobre mantemento e arranxo de maquinaria e ferramenta e fan prácticas na zona de monte da escola sobre como tirar árbores ou como serralos, nun serradoiro móbil do que dispoñen.  

 O alumnado recibe formación e concienciación en materia de coidado da paisaxe

O alunnado recibe tamén ensinanzas en materia de poda, enxertado, horta, etc, así como nocións de coidado da paisaxe (green care), un concepto que as granxas austríacas teñen moi interiorizado. Existen tamén olimpíadas de agricultura e silvicultura.  

2 millóns de euros de orzamento anual

Os alumnos atenden semanalmente en grupos de 4 a granxa de vacún de leite coa supervisión de profesores e técnicos da escola

Os alumnos atenden semanalmente en grupos de 4 a granxa de vacún de leite coa supervisión dun profesor da escola

O orzamento que Josef manexa para a xestión do centro sitúase nos 2 millóns de euros, ao que habería que engadir os soldos do profesorado, que paga directamente o Goberno rexional. O centro xera tamén 200.000 euros anuais de ingresos pola venda do leite, a carne e outros produtos, que ingresa tamén directamente o Goberno rexional.

Só en Baixa Austria hai 8 centros de formación secundaria de FP da rama agraria coma este, dos que saen cada ano 600 alumnos. “Antes eramos 18 centros, pero o Goberno rexional decidiu concentralos en 8 e mellorar as instalacións”, explica o director da escola agraria de Pyhra.

O centro trata de aportar formación útil e versátil, adaptada á realidade do sector produtor. En Austria abundan as granxas familiares de pequeno tamaño (o alumno da granxa máis pequena tiña só 6 vacas) pero tamén existen outros modelos de produción intensiva en Hungría levados por austríacos (a familia doutro alumno que pasou polo centro xestionaba unha granxa de 2.000 vacas no país veciño).

Josef, diante do centro que dirixe, xunto ao grupo de gandeiros e técnicos na viaxe organizada por Agacal

Josef, diante do centro que dirixe, xunto a gandeiros e técnicos galegos na viaxe organizada esta primavera por Agacal

Fomento do uso da madeira en naves e edificios

Establo construído en madeira na escola agraria de Pyhra

Establo construído no ano 2020 en madeira na escola agraria de Pyhra

Nos últimos anos o Goberno rexional fixo importantes investimentos no centro para renovar dous terzos das súas instalacións: as aulas, os laboratorios o internado, etc. O proxecto de reforma fíxose baixo a premisa de usar o máximo de madeira posible, por ser un recurso local. O novo edificio do internado, por exemplo, está todo feito en madeira. “É un edificio de tres pisos e o único que está construído en formigón é o oco da escaleira e do ascensor”, detalla o director.

Ese mesmo interese na utilización da madeira como material de construción é algo que tratan de inculcar aos seus alumnos, que contan cunha zona exterior de prácticas onde aprenden a empregar a motoserra e outro tipo de maquinaria forestal. O centro ten tamén un taller, por onde pasan todos a facer as súas prácticas, e onde aprenden conceptos básicos de mecánica ou de soldadura.

Edificio de aulas e internado, construído integramente en madeira

Edificio de aulas e internado, construído integramente en madeira

“Entrenamos aos nosos alumnos e alumnas para que sexan uns manitas, para que poidan facer moitas cousas por si mesmos, porque iso élles moi útil despois nas granxas. Que aprendan e se familiaricen co uso da madeira é fundamental, por exemplo, para que despois poidan eles mesmos construír os seus establos. Moitas das granxas en Austria están feitas polos propios gandeiros coa axuda de amigos e familiares e iso é máis doado e máis barato de facer en madeira”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información