Na primeira semana de setembro de 2021, o incendio forestal máis grave daquel verán en Galicia arrasaba durante tres días, desde o domingo até o martes, 1.600 hectáreas de monte nos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón. A proximidade do lume ás casas obrigou a decretar o nivel 2 de alerta.
Tres anos despois daquel episodio, o monte comeza a recuperarse con distintas especies forestais pero baixo un modelo distinto. Os comuneiros da parroquia de Quintá de Lor tomaron conciencia do sucedido e decidiron facer o posible para evitar que no futuro a historia se repita.
O monte, conveniado coa Xunta, estaba plantado maioritariamente con piñeiros que foron arrasados polo lume. Agora, están a apostar por outras especies, como castiñeiros e outras frondosas, coas que facer cortalumes naturais e coas que obter ingresos de maior valor, aínda que sexan a máis longo prazo.
Diversificación de especies
“Das 600 hectáreas, o 95% eran repoboacións de piñeiro. Nós foramos a primeira comunidade que tivera Plan de Ordenación no sur de Lugo e estabamos cortando xa segundo o indicado nese Plan”, explican Pablo, Antonio e Pedro, presidente, tesoureiro e secretario, respectivamente, da CMVMC Lor Marxe Esquerda.
Pero nin sequera o feito de teren o monte ordenado foi suficiente para salvalo da queima. “Demostrouse no incendio que os Plans de Ordenación e o sistema forestal utilizado até agora era obsoleto total”, aseguran.
Demostrouse no incendio que os Plans de Ordenación e o sistema forestal utilizado até agora era obsoleto total
Por iso os comuneiros quixeron mudar a estratexia e apostar por algo polo que, din, xa tiñan que ter apostado fai 50 anos: diversificar as plantacións. “Só había castiñeiros e moito érbedo nas vagoadas onde había regatos e nas zonas que estaban máis preto dos núcleos de poboación. O resto do monte era todo monoespecie, só había piñeiro”, relatan.
Por que arde o monte?
“Os equipos de extinción fan o que poden dentro dos medios que teñen e das características do lume porque é certo que as condicións climáticas de hoxe en día non son as de fai 30 anos”, recoñecen. Con todo, para os veciños de Quintá de Lor o factor clave é a desconexión co monte. “Conforme pasa o tempo van aumentando as prohibicións e as trabas para traballar no monte e vai avanzando con elas o abandono”, opinan.
“O monte parece que é de todos menos dos propietarios”
“Se non é por Rede Natura é por Patrimonio, pola Confederación, por Carreteras, por estar no Camiño de Santiago; o caso é que non se pode facer nada. O monte parece que é de todos menos dos propietarios”, din os 31 comuneiros da CMVMC Lor Marxe Esquerda.
Axilizar as cortas da madeira queimada
Unha vez ardido o monte, a primeira decisión que tomou a asemblea de comuneiros da parroquia foi a de cortar canto antes a madeira queimada, dunha banda para obter dela o maior retorno económico posible e, doutra, para axilizar a recuperación do terreo calcinado.
“O 100% do que se obtén da venda da madeira dun monte queimado hai que reinvestilo no propio monte, polo que tiñamos claro que canto antes cortaramos, de máis recursos dispoñeriamos para a restauración do propio monte. Ademais canto antes saques esa madeira antes rexenera o monte, porque se deixas que pase un ano os piñeiros que van nacendo machácalos despois ao sacar a madeira”, argumentan.
Se esperas un ano a sacar a madeira o que fas e machacar a rexeneración natural do monte
“Aínda que era un monte conveniado coa Xunta, decidimos ir nós directamente á subasta, e aos 2 meses de arder tiñamos a madeira sacada. Hai un artigo na Lei de Montes que di que, se en 30 días de arder o monte non tes comunicación da Administración, a Comuinidade ten a potestade de facer ela a subasta”, explican.
Ao sacar a madeira, os restos vexetais e as canas máis delgadas trituráronas e deixáronas no propio monte como aporte de materia orgánica para o solo. “Cortar axiña permitiunos non ter que replantar a maioría das zonas de piñeiros e hoxe hainos xa de máis dun metro de altura”, indican.
Castiñeiros
Pero a verdadeira aposta de futuro da CMVMC Lor Marxe Esquerda non son os piñeiros, senón as frondosas. “Queremos chegar a unhas 100 hectáreas entre castiñeiro, bidueiro e carballo. O ano pasado fixemos preparación de terreo e plantación de castiñeiro e carballo nunhas 40 hectáreas e este ano actuamos sobre outras tantas. O que queremos é deixar os piñeiros nas zonas que non valen para outra cousa”, razoan.
En total queremos chegar a unhas 100 hectáreas de frondosas entre castiñeiro, bidueiro e carballo
Este ano prepararon 38 hectáreas para castiñeiro nunha zona óptima para esta especie, con orientación norte e moita humidade. Delas 28 xa están plantadas a través dun convenio con ADIF, que está a compensar deste xeito as árbores que está a cortar no arranxo da liña ferroviaria Lugo-Monforte, e as outras 10 vainas plantar a comunidade con castiñeiro enxertado para produción de froito.
Para levar a cabo as plantacións de castiñeiro contaron tamén coa axuda da IXP Castaña de Galicia, ademais do asesoramento dos propios técnicos forestais da Comunidade. “Desde a Administración non nos animaban a plantar castiñeiros porque nos dicían que ían secar, pero o que hai que facer é analizar por que pasa iso e poñer os medios para que non aconteza, por exemplo, imos instalarlles sistema de rega”, avanzan.
ADIF está a replantar mediante un convenio coa Comunidade de Montes as árbores que ten que cortar no arranxo da liña Lugo-Monforte
Outra das características que buscaban para as zonas de plantación de castiñeiros era que puideran ser mecanizables. “Neste momento temos unhas 80 hectáreas para castiñeiro que se poden mecanizar, das que a metade serían óptimas para froito e o resto poderían ir para madeira”, explican.
Venda de créditos de carbono e corcho km0
Están mirando tamén a posibilidade de obter ingresos pola venda de créditos de carbono, xa que ao ser un monte queimado as repoboacións que se fagan nel terían a posibilidade de entrar no Rexistro oficial que existe neste momento, o do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
“Non o temos posto aínda no mercado porque pensamos que calquera proxecto que se faga ten que ser atractivo e, neste momento no que prima moito a imaxe, ese carbono capturado hai que asocialo a algo máis. Non se trata de vender unhas simples toneladas, hai que pensar tamén no que busca o que compra esas toneladas”, defenden.
Queremos que as adegas da Ribeira Sacra teñan na comarca materia prima local para corchar as súas botellas
Dentro dese “algo máis”, estaría o coidado do monte e da aldea, a posta en valor do Camiño de Santiago e a produción tanto de castaña como de corcho Km0, xa que no proxecto de diversificación da Comunidade está tamén deixar unha zona reservada, de entre 8 ou 10 hectáreas, onde plantar sobreiras, coa finalidade de poder sacar rendibilidade á produción de corcho nunha zona asociada ao viño. “Queremos que as adegas da Ribeira Sacra teñan na comarca materia prima local para corchar as botellas”, din.
Ademais, consideran que hai que agardar para vender o carbono, porque o mercado vai ser alcista nos vindeiros anos e porque neste momento estase a dar moita especulación. “Hai empresas que che están a asinar contratos a 30 ou 40 anos cun reparto ao 50% dos beneficios pero nós queremos que eses cartos sexan para os veciños, non para uns intermediarios que nada teñen que ver con esta zonas”, din.
Coidar das aldeas e da súa xente
Entre as funcións sociais das Comunidades de Montes, defenden, debe estar a de “coidar das aldeas”, din na directiva, para o que é necesario prestar servizos aos seus veciños. “As Administracións non dan chegado e as Comunidades debemos ter un pequeno remanente económico co que dar solución aos problemas. De pouco sirve que veñan limpar as pistas en setembro, se a xente maior cando pasea é na primavera e no verán”, exemplifican.
Esa labor de mantemento queren estendela tamén aos camiños forestais, empregados tamén polos cazadores, cos que queren traballar en conxunto. “Fan unha función importante no control da fauna salvaxe, ademais de supoñer tamén un motor económico para as zonas rurais”, defenden.
“Buscamos un efecto contaxio na zona; ogallá outras comunidades colindantes se animaran a facer o mesmo”
O cambio na xestión do monte que os comuneiros de Quintá de Lor iniciaron pretende tamén demostrar a viabilidade deste tipo de proxectos, buscando un efecto contaxio na zona. “Non buscamos ser exclusivos, senón que os demais fagan o mesmo. Mirar para o ombligo dun é condenarse ao fracaso; o éxito do rural é a colaboración. Sería importante que outras Comunidades tamén se animaran a facer o mesmo porque cantas máis Comunidades colindantes se animen a isto menos risco de incendio haberá e máis potencial produtivo e económico teriamos”.
Poñen un exemplo: “Se 5 ou 6 comunidades da zona tiveramos castaña o seguinte sería facer unha mesa de traballo entre todos para vender en conxunto, porque o prezo seguramente sería distinto para 100.000 quilos que para un millón de quilos”, argumentan.
Mirar para o ombligo dun é condenarse ao fracaso; o éxito do rural é a colaboración
Ese mesmo espíritu de colaboración é o que aplican a outras institucións académicas, ás que abriron as portas dos seus montes. A Universidade de Santiago, por exemplo, está a levar a cabo varios proxectos de investigación na parroquia, entre eles un de plantación de aromáticas e outro de rexeneración de solos. “Iso permítenos tamén contar con analíticas para nutrir o chan segundo o que precisa”, valoran.
Posta en valor do Camiño de Santiago
O lume do 2021 rodeara por completo a capela dos Remedios, situada en pleno Camiño de Santiago na paroquia quiroguesa de Quintá de Lor. As lapas pararan ás portas do templo, enclavada no medio do monte comunal.
Agora, os veciños queren protexela de cara ao futuro rodeándoa dunha carballeira dunhas 6 hectáreas todo ao redor, unha especie coa que pretenden dar sombra tamén aos peregrinos ao longo de todo o treito do Camiño de Inverno que atravesa a CMVMC.
“En total son uns 8 km de longo nos que queremos plantar frondosas a un lado e ao outro. Queremos involucrar nese proxecto, que chamamos O Camiño máis fermoso, aos colexios da comarca e que esas árbores que plantan os nenos poidan ser apadriñadas, ben por peregrinos ou por persoas que o desexen”, avanzan.