Queixerías Ruta Xacobea e Lácteos Ferrado Verde apúntanse á entrega a domicilio

Queixerías Ruta Xacobea e Lácteos Ferrado Verde apúntanse á entrega a domicilio

As queixerías Lácteos Ferrado Verde (Santa Comba), e Ruta Xacobea (O Pino), pertencentes ao Grupo TGT, poñen en marcha un servizo de entrega a domicilio.

Esta iniciativa, que xa levan varios anos realizando outras queixerías en Galicia, confían en que lles permita axudar a superar a crise de vendas que provocou o coronavirus no sector, debido ao peche da canle HORECA (hoteis, restaurantes, bares e cafetarías) polo decreto de estado de alarma.

Fai xa algo máis dun ano que o Grupo TGT incorporou á súa estrutura industrial as Queixerías de Lácteos Ferrado Verde, en Santa Comba, en cuxos obradoiros se elaboran Tetilla DOP, Queixo País Galego, Queixos Saudables, Sen lactosa, Barra Galega e Loncheados; e Queixería Artesanal Ruta Xacobea, especializada en Queixo Arzúa Ulloa DOP e outros Queixos de Autor.

Durante o primeiro trimestre do ano 2020 consolidábase un crecemento exponencial en clientes destas dúas queixerías, como o propio Grupo TGT, e os grandes clientes do retail galego, como Gadisa, Vegalsa-Eroski, Grupo Cuevas e nacionais, El Corte Inglés, Ahorramás, entre outros moitos. Establecíase unha nova canle de exportación a Australia, Alemaña, Repúbica Dominicana, México; e iniciábase unha importante expansión na Canle Horeca, fundamentalmente en formatos de lochas e rallados de 1 Kg, Barra Galega, Tetilla DOP e Arzúa DOP.

Sen embargo, a irrupción da crise xerada polo COVID-19, supuxo un punto de inflexión nesta evolución, afectando principalmente á canle HORECA.

Neste sentido, o grupo TGT decide pór en marcha un Servizo de Entrega a Domicilio de todos os produtos que se comercializan nas tendas abertas ao público das queixerías Ruta Xacobea e Lácteos Ferrado Verde. Toda a información sobre o servizo de entrega a domicilio atópase no Facebook das Queixerías www.facebook.com/queixosdapereira , ou no teléfono 981 53 82 17.

“Sen dúbida, este servizo foi un éxito desde o seu inicio, non só porque a demanda superou todas as expectativas, senón fundamentalmente polo agradecemento que os clientes están transmitindo por este novo servizo, que lles permitiu seguir gozando dos seus queixos de toda a vida, desde o seu confinamento”, destacan desde a empresa.

Doazón de queixos

Doutra banda, o Grupo TGT sumouse á doazón dos seus produtos a diferentes entidades tanto públicas como privadas que traballan con colectivos en risco de exclusión de Galicia.

En liña coa súa política de apoio ás comunidades locais e a súa loita contra a pandemia de COVID-19, o Grupo TGT, a través da súa delegación de Galicia, está a realizar doazóns de produtos lácteos e, até a data, doou un total de 4.247 quilos a institucións, entidades, asociacións públicas e privadas que atenden a persoas vulnerables no marco do seu compromiso coa sociedade. Entre as entidades destinatarias atópase o Banco Alimentos Rías Altas.

Esta doazón forma parte dos 87.466 quilos de alimentos repartidos de maneira gratuíta en todo España, entre os que hai unha gran variedade de queixos de diferentes Denominacións de Orixe, manteigas, iogures e natas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información