Queixería Prestes desenvolve un proxecto piloto para valorizar o soro do leite

Unha vez sometido a un proceso de nanofiltración, dará como resultado produtos funcionais libres de alérxenos como soro concentrado para alimentación infantil, manteiga para repostería ou requeixo normal e de sabores

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este xoves a queixería vilalbesa

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este xoves a queixería vilalbesa

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este xoves a fábrica da queixería Prestes, beneficiaria dunha axuda de máis de 61.000 euros no marco da convocatoria do ano pasado para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. En concreto, a achega serviu para valorizar o soro mesturado con auga derivado da elaboración dos queixos.

Desenvolvido en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proxecto consiste en recorrer ao nanofiltrado do soro para a obtención de produtos funcionais libres de alérxenos, como soro concentrado para alimentación infantil, manteiga para repostería, requeixo normal e de sabores ou fetiñas a partir de requeixo. Ao mesmo tempo, apóstase pola recirculación de ata un 80% da auga empregada, contribuíndo ao aforro de consumo hídrico e á redución da pegada de carbono.

A queixería vilalbesa recircula o 80% da auga que emprega

O director da Agacal aproveitou a visita para avanzar que en breve se comunicarán os beneficiarios da convocatoria deste ano, que contou cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Tendo en conta que a intensidade da axuda acada ata o 80% dos gastos subvencionables, a contía máxima subvencionada en cada iniciativa pode chegar ata os 150.000 euros.

Así mesmo, está a piques de resolverse a convocatoria para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), dotada con máis de 6,12 millóns, podendo acadar cada iniciativa unha contía máxima de ata 180.000 euros.

Están a piques de resolverse as axudas deste ano para desenvolvemento de novos produtos e melloras tecnolóxicas

Neste caso, os grupos operativos que se constituíron para a execución de proxectos son agrupacións formadas por un mínimo de dous actores interesados, orientadas á identificación de problemas concretos ou oportunidades nos sectores agroalimentario e forestal, a partir dos que se xeren iniciativas innovadoras.

Así, o proxecto de innovación proposto debe xerar ou adaptar unha tecnoloxía nova que deberá representar un avance significativo fronte ás tecnoloxías utilizadas. Esta innovación tecnolóxica pode ser de produtos (bens ou servizos) ou de procesos de produción ou de xestión. A innovación de produtos dáse cando se introduce no mercado un produto novo ou significativamente mellorado nas súas características técnicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información