Queixería Casleiras, unha década de aposta pola exportación

A empresa, ubicada na Denominación de Orixe de San Simón da Costa, comercializa a metade da súa produción no estranxeiro. Foi a primeira queixería de Galicia en utilizar o logo Galicia Calidade

Queixería Casleiras, unha década de aposta pola exportación

A queixería céntrase na produción do queixo San Simón da Costa. / Imaxes: Casleiras.

Cando Modesto Toubes e Delia Cabarcos montaron a súa propia queixería de San Simón da Costa, hai dez anos, atopáronse con que os produtos da denominación de orixe (D.O) xa tiñan unha forte presencia no mercado galego, no que competían máis de media ducia de queixerías, polo que optaron por enfocarse ó mercado estatal e sobre todo ó internacional. Na actualidade, a metade da súa produción véndese no exterior, en Estados Unidos, Asia e Europa.

A queixería Casleiras, ubicada en Oleiros (Vilalba), naceu en pleno auxe de San Simón, pouco despois de que a denominación se expandira a toda a Terra Cha. “Fomos a primeira queixería da D.O en instalarse fóra da parroquia de San Simón” -lembra Modesto.- “Daquela, tanto Delia como eu xa nos titularamos na Universidade e tiñamos unha certa experiencia laboral en industrias. Foi entón cando xurdiu a idea de por que non montar a nosa propia queixería”.

“Demos no clavo. Cando vimos a situación de mercado en Galicia, pensamos que tiña máis sentido buscar novos mercados”

O enfoque que lle deron desde un principio á comercialización do queixo, apostando por introducirse no resto de España e no estranxeiro, demostrouse acertado. “Demos no clavo. Cando vimos a situación de mercado en Galicia, pensamos que tiña máis sentido buscar novos mercados que poñernos a competir co resto de queixerías de San Simón. En Madrid e Barcelona, San Simón era xa un produto coñecido, non tanto como hoxe, pero funcionaba. Decidimos tamén mirar máis alá porque valoramos que o San Simón é un queixo curado, afumado, que ten que aguantar longas viaxes. Falamos entón con exportadores e a partir de aí vimos que o noso queixo tiña éxito fóra”.

Imaxe do proceso de elaboración.

Imaxe do proceso de elaboración.

A apertura de mercados foi progresiva e continúa a día de hoxe. “É o que nos permite medrar” -valora Modesto-. “Estes días aínda nos chegou un primeiro pedido de queixos para Myammar (a antiga Birmania)”. O mercado asiático é un dos máis fortes a nivel de exportación. Xapón, Malasia, Singapur, Emiratos Árabes ou Corea do Sur son algúns dos países nos que Casleiras está presente.

Produción

A produción da queixería enfócase no queixo de San Simón, a maioría en pezas de quilo, o máis axeitado para enviar ó exterior. Elaboran de xeito artesanal entre 200 e 250 queixos ó día de San Simón. “Temos tamén unha pequena produción de queixo do país que pode rondar o 5 por cento, máis que nada para atender a clientes que nolo piden, pero a alta demanda que hai de San Simón non nos deixa tempo para outro tipo de queixos”, destaca Modesto.

Delia Cabarcos e Modesto Toubes nun salón Alimentaria. / Arquivo.

Delia Cabarcos e Modesto Toubes nun salón Alimentaria. / Arquivo.

O aprovisionamento de leite realízano na queixería a través dun primeiro comprador. “Gustaríanos traballar de xeito directo con gandeiros, pero precisariamos de máis tempo para atender esa parte e non nos é posible” -valora Modesto.- “O leite, de todos os xeitos, é da zona, como corresponde á denominación de orixe, e cumpre perfectamente a nivel de calidades e de graxa e proteína. A comarca da Terra Cha caracterízase por ser unha zona húmeda con bos pastos e forraxes, unha característica que repercute nun bo leite”.

Sector en Galicia

Casleiras, que comercializa o seu San Simón tamén en Galicia a través da cadea de supermercados Froiz, mantén unha aposta clara pola exportación, unha característica de boa parte das queixerías da denominación, que de feito constituiron hai un par de anos unha empresa común, Queixeiros da Chaira, para promocionarse conxuntamente no exterior.

“A exportación debería ser unha prioridade en Galicia. Temos produtos que poden competir a nivel internacional”

Desde a perspectiva de Modesto Toubes, administrador de Casleiras, o mercado exterior debería ter constituido unha prioridade para o sector lácteo galego desde xa hai anos. “Temos uns produtos artesáns, con denominación de orixe e cunha calidade que pode competir a nivel internacional”, valora.

Outras denominacións como Arzúa-Ulloa ou Tetilla teñen máis dificultades de envío ó exterior por tratarse de queixos de pasta branda, que requiren un consumo máis áxil, se ben Modesto considera que estas D.Os poderían explorar a autorización de envasado ó baleiro para a exportación, o que permitiría unha maior conservación dos queixos.

Tres premios nos World Cheese Awards

Un dos principais certames de queixos a nivel internacional, o World Cheese Awards, adoita recoñecer todos os anos a queixerías de San Simón da Costa. Casleiras suma xa tres galardóns no certame, un ouro e un bronce na categoría de queixos afumados (2012 e 2014), e un bronce en queixos con denominación de orixe (2012).

“O selo ‘Galicia Calidade’ axuda a nivel español e tamén a nivel internacional. A nós proporcionounos un empuxe forte”

O recoñecemento da calidade dos queixos en certames internacionais é unha das claves que permite a apertura de mercados. Outro aspecto fundamental para Casleiras foi a certificación en Galicia Calidade no 2007. “Fomos a primeira queixería de Galicia en conseguir o selo Galicia Calidade, o que nos proporcionou un empuxe moi forte. O feito de que apareza na etiqueta o logo axuda non só en España, onde todo o mundo coñece o selo, senón tamén nas vendas ó exterior. A maiores, hai que destacar que Galicia Calidade apoiounos directamente na promoción. Para nós foi moi importante”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información