Queixas no Xistral polos ataques do lobo e a falta de pago das indemnizacións por danos

Os propietarios de cabalos de monte na Serra do Xistral afirman que padecen ataques do lobo practicamente todas as semanas. Saben que é un problema co que hai que convivir, pero reclaman que se lles paguen as indemnizacións que estipula a normativa e que levan sen cobrar dende setembro

DANOS LOBO

Manuel Capón Cabana ten a súa gandería no lugar do Viveiró, en Muras, e conta con máis de 200 cabezas de gando cabalar de pura raza galega. El é un dos numerosos propietarios da Serra do Xistral que todos os meses ten que dar partes á Consellería de Medio Ambiente polos danos que causan os ataques do lobo.

“Levamos toda a vida convivindo co lobo e padecendo os seus efectos. Tanto nas vacas como nos cabalos. Nunca protestamos. Pero non vemos lóxico que esteamos sen cobrar as indemnizacións que nos corresponden dende hai case seis meses”, explica.

A orde administrativa de indemnizacións vai de 30 de setembro dun ano ata 30 de setembro do ano seguinte. E o texto legal soe saír publicado a comezos de decembro. Este ano o texto normativo xa se publicou pero as axudas non chegaron.

E a normativa establece que, para o pago das compensacións, se primará as ganderías que teñan tomado medidas de protección. Unha delas é a de contar cun mastín por cada 15 Unidades de Gando Maior (UGM), algo que este gandeiro cumpre sobradamente.

Non entendemos que se demoren tanto as indemnizacións cando no último exercicio pagaron todas en prazo (Manuel Capón, gandeiro)

“Eu tiña contratados seguros pero deixei de facelo porque era unha tramitación moi lenta e presencial que logo apenas cubría perdas. O caso é que as indemnizacións se viñan cobrando nun prazo de dous meses dende os ataques. Agora xa vai para seis meses que non se nos pagan os danos”, denuncia o gandeiro.

Manuel Capón leva perdidas a mans do lobo máis de 20 cabezas de gando en apenas cinco meses

Manuel Capón leva perdidas a mans do lobo máis de 20 cabezas de gando en apenas cinco meses

No caso de Manuel, ten preto de 25 exemplares mortos ou feridos polos que non recibiu compensación. E un dos seus veciños xa supera as trinta cabezas afectadas. “Tamén temos constancia de casos de demora en Pontevedra, pero parece ser que xa comezaron a cobrar. Nós, de momento, nada”

A maioría dos cabalos que andan ceibes pola Serra do Xistral son de raza pura galega, polo que as compensacións económicas que perciben os seus donos son máis elevadas que no caso doutras especies de gando. Un requisito imprescindible coas razas autóctonas é o de certificar a ascendencia do animal danado, é decir, o pai e a nai.

Por outro lado, os gandeiros desta zona da provincia de Lugo teñen constancia de que os partes de danos que entregaron xa obran en poder da Consellería de Medio Ambiente, polo que non entenden a demora, e máis tendo en conta que son partes certificados por axentes medioambientais.

As compensacións por cabalo de raza galega son máis elevadas que as do gando común. Pero porque é unha raza en perigo de extinción

“O que nos din é que os partes van a unha comisión que avalía os danos e fixa a contía das indemnizacións. Pero, parece ser que aínda hai pouco que se reuniron para estudar os danos do mes de outubro. Dese xeito, temos miles de euros pendentes de cobro e sen data para cobrar e sen saber se serán pagos fraccionados”

Outro feito que sorprende os gandeiros desta zona de montaña ten que ver co orzamento de 2025. “O habitual era que todos os anos quedaran sen pagar danos producidos antes do 30 de setembro e que pasaran para o seguinte exercicio. Pero en 2025 pagouse todo dentro do prazo. Por eso aínda entendemos menos esta demora actual”, sinala Capón.

Moitos poldros acaban morrendo días despois dos ataques por causa das feridas, o que complica os trámites de indemnización

Moitos poldros acaban morrendo días despois dos ataques por causa das feridas, o que complica os trámites de indemnización

De media, a morte dun cabalo de raza pura galega duns 9 ou 10 meses a mans do lobo págase a uns 850 euros por exemplar. Se son máis novos -5 ou 6 meses- páganos a arredor de 600 euros. Por exemplo, un gandeiro a quen lle mataran 20 poldros entre outubro e marzo tería pendentes de cobro uns 12.000 euros. Unha cantidade moi significativa neste tipo de gandería.

Hai gandeiros que están pendentes de cobrar máis de 12.000 euros. Esa é unha cantidade da que pode depender a viabilidade da explotación

Os gandeiros aseguran que o lobo está a causar máis danos nas partes baixas do monte e mesmo preto das vivendas que nas cimas onde hai máis gando. “Eu teño 14 mastíns e puxen peche en diferentes fincas. Eso fai que o lobo se desprace. Aínda así, teño unhas baixas que poden chegar ata o 60% dos poldros”, di Capón. Os danos foron máis alá da serra e no Monte do Buio, en Viveiro, mataron por riba de 150 cabalos.

Ademais, os afectados lembran que os cabalos fan un labor de limpeza dos montes que son a arma máis eficaz para combater os incendios forestais. “Grazas ao gando que anda polo monte, e sobre todo os cabalos, que comen todo o mato, non lembramos que haxa incendios no Xistral dende hai moitos anos”

No peor momento posible

Esta situación de aumento dos ataques e impago das indemnizacións chega nun momento en que os gandeiros están a recibir bos prezos polos seus poldros. “Aínda que baixou uns 0,30 € nos últimos meses, segue a estar ben pagado. Hoxe están a 2,50 euros o quilo en vivo. E baixou porque moita xente empezou a meter cabalos precisamente polos bos prezos e a oferta aumentou nesta zona”

Hai apenas cinco anos, os poldros pagábanse a 1,20 euros o quilo vivo no mellor dos casos. Esta suba actual débese a un aumento da demanda dende, sobre todo, Italia. “En toda Europa hai escaseza de cabalo e os nosos están moi valorados. Eu acordo non hai moito que levaban eguas por 150 euros e agora non baixan de 600”

Cada poldro que mata o lobo supón deixar de ingresar 2,50 € por quilo de peso en vivo

Cada poldro que mata o lobo supón deixar de ingresar 2,50 € por quilo de peso en vivo

Ademais, os cabalos de monte de raza galega están plenamente identificados, o cal garante a súa total trazabilidade e fai que sexa máis doado que accedan ao mercado cárnico regulado. “Por exemplo, en Portugal, teñen case a metade da cabana sen identificar e eso lastra as súas posibilidades comerciais”

A perda dos poldros é máis grave agora que, logo de moitos anos, estamos a obter bos prezos polos nosos animais

Por outra banda, os cabalos outorgan dereitos de cobro da PAC semellantes aos das vacas mostrencas aínda que algo inferiores. Por eso, moita xente maior optou por substituír as vacas por cabalos xa que o manexo é moito máis sinxelo, os custos de produción son moito menores e os problemas sanitarios case non existen.

Outro inconveniente é o tempo que os equinos teñen que pasar expostos aos ataques do lobo no monte. “Un becerro lévancho os tratantes ou os particulares cun mes de vida ou menos. Un poldro non hai quen o leve para cebar ata que ten sete ou oito meses. Porque nese tempo desarrolla pouco e, se se leva para ceba, vai consumir moito penso”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información