Queixas dos gandeiros polo funcionamento da nova web da oficina virtual de Medio Rural

O novo deseño provoca dificultades técnicas para formalizar trámites habituais coma as altas e baixas dos animais, o que obriga ós produtores a desprazarse ás oficinas agrarias

Queixas dos gandeiros polo funcionamento da nova web da oficina virtual de Medio Rural

Portal web da Oficina Virtual de Gandería.

O novo portal web da Oficina Virtual de Gandería de Medio Rural (Ovgan), renovada recentemente, está a xerar as queixas entre os gandeiros polo seu “deficiente funcionamento”. Esta situación, que denuncian dende Unións Agrarias, obriga ós gandeiros a desprazarse ás oficinas comarcais para formalizar trámites que levaban tempo realizando de xeito virtual, dende as súas ganderías.

Segundo explican produtores afectados no Deza, calquera operación que se tenta realizar dende o portal virtual está xerando problemas operativos que impiden finalizala. Mesmo os trámites máis habituais nas ganderías, como as altas e baixas de animais ou os duplicados das cartas de saneamento, resultan inviables realizalos de xeito telemático polos gandeiros, pese a contar cunha boa conexión a internet.

Ante estas dificultades, os gandeiros están volvendo realizar os trámites de forma presencial nas oficinas agrarias. Dende a organización agraria denuncian que o novo portal está a xerar máis dificultades para os gandeiros nun momento no que a pandemia sanitaria obriga a priorizar e ter operativas as vías telemáticas para evitar os contaxios e os desprazamentos innecesarios ante a Administración.

As queixas xa foron tramitadas por algúns afectados tanto á Delegación Territorial de Pontevedra como á Consellería de Medio Rural. Pídenlle á Administración que mentres non solventen estas deficiencias permitan, alomenos, levar a cabo os trámites con normalidade no antigo portal web. Polo momento, non recibiron unha resposta ás súas peticións dende a Consellería.

Resolver incidencias

Pola súa banda, dende a Consellería de Medio Rural apuntan que están a atender as incidencias que se están a rexistrar na nova páxina da OAV de Gandería, ó tempo que sinalan que dende a posta en marcha da nova web se teñen levado a cabo con éxito máis de 100.000 trámites en toda Galicia.

Inciden en que “todo cambio nunha aplicación ou ferramenta informática require do seu período de adaptación. Estamos abertos a recibir calquera tipo de suxestión para poder mellorar e facilitar os procedementos que os profesionais do agro deben levar a cabo a través da nova oficina virtual”, indican en resposta á consulta de Campo Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información