Queixas dos apicultores e do Sindicato Labrego polo uso masivo do glifosato para limpar as cunetas

Queixas dos apicultores e do Sindicato Labrego polo uso masivo do glifosato para limpar as cunetas

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) veñen de rexistrar un escrito de queixa na Delegación do Goberno para denunciar o que consideran “uso masivo de glifosato por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para desherbar as beiravías e cunetas das estradas de titularidade estatal na Galiza”.

A través de diversas testemuñas, aseguran ter constatado o uso de herbicidas nas marxes da A-54, da A-8 e da N-547, “polo que se intúe o uso xeneralizado deste agrotóxico como modus operandi habitual do Mitma”. Ademais, no mesmo escrito, solicítase unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para explicarlle o que cualifican de “tremendo impacto ecolóxico que ten o uso de glifosato no medio ambiente e para a saúde humana, especialmente nesta época do ano”.

“Aínda que o glifosato é de uso legal debido ás fortes presións da agricultura industrial para prolongar a súa utilización na Unión Europea, está previsto que sexa totalmente prohibido en territorio comunitario no ano 2022 debido aos graves riscos que entraña o seu uso, xa que se demostrou que é canceríxeno e perturbador endócrino para os seres humanos e devastador para insectos polinizadores como as abellas, (…) especialmente en plena primavera e comezos do verán, cando as plantas están en flor e as abellas e outros insectos están no seu pico de actividade ”, advirten AGA e o Sindicato Labrego.

Neste sentido, consideran que “aínda que se trata dun herbicida aínda legal, as institucións públicas deberían dar exemplo e ser as primeiras en deixar de usalo e substituílo polo desbroce mecánico, sobre todo se pensamos nas cantidades inxentes necesarias que se precisan para desherbar amplos tramos da rede de estradas do Estado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información