Que variedades de pataca resisten mellor fronte ó cambio climático?

Un estudo desenvolvido na Limia (Ourense) amosa algunhas das claves para atallar a seca e as perdas derivadas dela nas plantacións de pataca. A elección das castes pode ser determinante. A investigadora Laura Meno Fariñas ofrece algunhas recomendacións para este cultivo

Publicidade
Que variedades de pataca resisten mellor fronte ó cambio climático?

Plantación de patacas afectadas polas altas temperaturas e a seca na zona da Limia. // Foto L.Meno.

Veráns como o deste ano, onde a seca e as altas temperaturas estiveron moi presentes, evidencian as consecuencias que a calor pode orixinar en cultivos como a pataca. Coñecer como afecta a temperatura e a humidade relativa durante o ciclo de cultivo pode ser vital para evitar perdas e danos na colleita.

Así o evidencia un estudo desenvolvido na Limia (Ourense), unha das principais comarcas produtoras de pataca de Galicia, por investigadoras que forman parte do grupo de investigación BV1, Planta, Solo e Valorización de produtos da Universidade de Vigo. Os seus traballos, realizados durante os cultivos de 2014, 2015 e 2016, procuraban coñecer como afecta a temperatura e a humidade relativa ás características morfolóxicas das plantas e as diferencias que se aprecian nas distintas variedades. O estudo encádrase dentro dunha liña de traballo máis ampla, que pretende impulsar a investigación relacionada co cultivo da pataca en Galicia.

Algunhas castes apenas sufriron cambios nin se resentiron, pese ás variacións climáticas rexistradas eses anos

O estudo permite extraer as primeiras conclusións ante a seca. “Tres anos de investigacións non son suficientes para establecer patróns de comportamento ou para confirmar que variedades van resistir mellor a seca, pero pódense facer recomendacións para evitar danos por elevadas temperaturas e tamén vemos xa algunhas variedades que apenas sufriron cambios, a pesar das variacións climáticas que houbo”, detalla a enxeñeira agrícola Laura Meno Fariñas, que forma parte do grupo de investigación e está a elaborar a súa tese doutoral sobre o cultivo da pataca.

Como afecta a calor á planta?

“As altas temperaturas e secas provocan un conxunto de estreses que condicionan o desenvolvemento fisiolóxico das plantas de pataca”, sintetiza a investigadora. Ademais, a auga é un dos compoñentes esenciais na fotosíntese para a absorción dos sales minerais, polo que se esta escasea non se completa o proceso. “Como resposta a este estrés, as plantas quedan máis pequenas e con menor porte, teñen un menor desenvolvemento dos folíolos e a capacidade fotosintética redúcese”, detalla a especialista.

Coa seca e as altas temperaturas redúcese o número de patacas por planta e o seu tamaño

Se a planta sofre estrés hídrico en determinados períodos tamén se resentirá a produción. “A planta sometida a estrés vai responder cun menor número de tubérculos por planta e de menor tamaño, así como unha senescencia prematura”, concreta a enxeñeira. Así, as reducións nos rendementos da plantación poden ser importantes.

Plantas-de-pataca-afectas-por-seca-

Plantas de pataca afectadas polas altas temperaturas e a seca. // Foto. L.Meno.

Pero, cando comeza a planta da pataca a resentirse pola calor? A pataca é unha planta de clima entre temperado e frío polo que, segundo explica a investigadora, a temperatura óptima para o seu desenvolvemento está entre os 13 e os 18 graos e para a formación de tubérculos está entre os 15 e os 20 graos. A partir desa temperatura, o seu ritmo de crecemento diminúe e redúcese a produción (número e tamaño) de tubérculos. Por encima de 35 graos prodúcese o peche dos estomas e polo tanto, a paralización da fotosíntese, tal e como detalla a experta. “Canto máis se afasten as condicións ambientais das condicións óptimas de cultivo maior vai a ter que ser a intervención por parte dos agricultores”, apunta.

“Canto máis se afasten as condicións ambientais das condicións óptimas de cultivo maior vai a ter que ser a intervención por parte dos agricultores”

Por iso, con temperaturas elevadas e falta de precipitacións é preciso regar as plantas de pataca, pero se non se fai dun xeito adecuado esto tamén pode afectar ó desenvolvemento da pataca. “Para o cultivo da pataca é necesario que haxa auga dispoñible no chan de maneira constante, pero non excesiva, de aí a importancia de que cando se realicen as regas estas sexan frecuentes e durante curtos períodos de tempo”, explica a enxeñeira.

A floración, unha fase determinante

Coñecer os momentos máis críticos do ciclo da pataca pode resultar de gran utilidade para os agricultores, que saberán cando deben actuar para evitar danos na colleita polas altas temperaturas. “Existen tres momentos críticos nos cales a falta de auga pode afectar negativamente ó cultivo”, concreta a investigadora.

Na emerxencia da planta, a escaseza de auga e as elevadas temperaturas poden ser determinantes. “Nesta estapa, a falta de auga reduce a formación de estolóns e en consecuencia a de futuros tubérculos”, indica Meno Fariñas.

Flor-Red-Pontiac-pataca-

Floración da variedade Red Pontiac, unha das castes cultivadas en Galicia. // Foto L. Meno.

Se os períodos de seca suceden durante a floración, que coincide co inicio da formación dos tubérculos, así como durante a etapa de tuberización a colleita pode verse condicionada. “A falta de auga nesa fase atrasa a formación de tubérculos e reduce o engrosamento dos mesmos, o que fai que diminúa o rendemento produtivo e aparezan alteracións fisiolóxicas”, explica.

A falta de auga no cultivo da pataca, por períodos longos de seca, pode provocar outros danos na colleita. Naqueles terreos con déficit de calcio pode aparecer nas patacas necrose reticular, que se observa como pequenas manchas de cor marrón dispersas no interior da pataca, na carne.

Ademais, os períodos de altas temperaturas combinados con choivas favorecen a aparición de enfermidades como alternaria, unha enfermidade provocada polo fungo Alternaria solani. “Primeiramente obsérvase nos folíolos, pero se non se atalla, pode afectar ós tubérculos reducindo a calidade dos mesmos e incluso provocar unha prematura senescencia das plantas así como, danos durante o almacenamento”, detalla a investigadora, que xa abordou noutro estudo esta enfermidade.

Danos por alternaria nunha folla de pataca. // Foto L. Meno.

Danos por alternaria nunha folla de pataca. // Foto L. Meno.

As variedades máis resistentes

Neste traballo contaron coa colaboración do centro agrario do  Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), con empresas do sector, o Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, así como con fondos europeos o que lle permitiu estudar 16 variedades de pataca. En concreto seguiron a evolución de castes de carne branca e de carne amarela, tanto clara, coma escura. Dentro do grupo de carne branca estudaron: Cazona, Fina, Flamenco, Kennebec, Rudolph e Sifra. Nas castes de carne amarela clara incluíron: Arsenal, Ganade, Innovator, Loane, Red Scarlett, Taurus e Yona. Pola súa banda, nas castes de carne amarela escura viron a Agria, Fontane e Leonardo.

Flor-Pataca-Kennebec-

A variedade Kennebec é unha das máis extendidas en Galicia e tamén unha das que máis resistente resultou fronte á seca. // Foto L. Meno

Os tres anos de estudo permitíronlle tamén testar estas variedades fronte a condicións meteorolóxicas moi diversas. Mentres que o 2016 foi o ano máis caluroso, cunha temperatura media do ciclo de cultivo de 20,3 graos e con máximas por encima dos 30 graos; o 2014 situouse coma o ciclo máis frío, xa que a temperatura media foi de 16,8 graos e as máximas non superaron os 30 graos, ademais de ser o ciclo máis chuvioso.

As variedades Kennebec e Fontane resultaron as que mellor resistencia amosaban fronte á seca

As variedades Kennebec e Fontane resultaron as que mellor resistencia amosaban fronte á seca. “Aínda que tres anos non son suficientes para poder confirmalo, estas variedades apenas sufriron cambios nos caracteres morfolóxicos observados entre os tres ciclos de cultivo, a pesar das variacións climáticas”, explica. 

Así, por unha banda trátase dunha variedade, a Kennebec, cuxo cultivo está moi extendido en Galicia, posto que se adaptou moi ben á climatoloxía galega e que figura entre as castes amparadas polo selo de calidade de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia”, xunto con Agria e Fina de Carballo, recentemente incorporadas.

Flor-pataca-fontane-

Floración dunha pataca da variedade Fontane. // Foto. L. Meno.

No caso de Fontane é unha variedade menos coñecida, de carne amarela, que tardou máis en introducirse na comunidade, pero que nestes últimos anos xa está a ocupar unha superficie de cultivo importante. “A súa boa adaptación ó noso clima tradúcese en patacas de calidade moi demandadas, tanto para a comercialización en fresco como para a industria do frito para o seu procesado”, detalla Meno Fariñas. Trátase dunha caste de maduración tardía, cun alto contido en materia seca e que soporta períodos de altas temperaturas. Isto fai que se axuste ben ás sementeiras tardías, características da comarca da Limia.

“Escollendo variedades máis resistentes pódese asegurar uns bos rendementos con menos emprego de auga”

Estes primeiros resultados do estudo amosan como a elección da variedade pode resultar un aspecto clave para a produción. “Escollendo variedades máis resistentes pódese asegurar uns bos rendementos con menos emprego de auga”, detalla a investigadora.

Patacas-afectadas-pola-seca-

Ademais da elección da variedade, o manexo que se faga do cultivo en aspectos como a rega, determinará a produción. // Foto L. Meno.

Recomendacións para mitigar a seca nos cultivos de pataca

En base ós resultados dos estudos, a investigadora Laura Meno Fariñas aporta algunhas recomendacións para ter en conta no cultivo da pataca:

Protexer o solo e os recursos hídricos para favorecer o desenvolvemento da planta durante todo o ciclo ao mesmo tempo que se está a apostar por unha agricultura sostible e respectuosa co medio. “A auga é un recurso renovable se se controla o seu uso. Senón facemos un uso correcto da mesma, pode chegar a ser un recurso non renovable e escaso”, puntualiza.

Aporcar as plantas. Levar a cabo este proceso antes de que se toquen as matas entre regos resulta clave para evitar a necrose reticular ou as manchas marróns que se aprecian na carne dalgunhas patacas. “Co aporcado protexemos os tubérculos das elevadas temperaturas, xa que ó ir aumentando de volume poden aproximarse á superficie”, explica.

Regas máis continuas e con menos caudal. Estas prácticas poden evitar a aparición de danos fisiolóxicos como son as fendas externas, ó evitar os cambios bruscos nas condicións de crecemento dos tubérculos.

Optar polo rego por goteo, de ser posible. “A pesar de ter unha inversión maior e precisar dun manexo máis coidadoso, pode ser unha estratexia para aforrar auga, xa que se reducen as perdas por evapotranspiración nas horas centrais do día”, detalla a experta. Ó mesmo tempo, este sistema mantén o terreo próximo ós tubérculos constantemente húmido, sen xerar humidade nas follas que poida favorecer o desenvolvemento de enfermidades fúnxicas.

Adaptar a variedade ó ciclo de cultivo que se queira practicar, así como ó tipo de terreo, zona xeográfica, dispoñibilidade de auga para a rega e a data de plantación. Para abordar estas decisións, a experta recomenda ós agricultores solicitar asesoramento técnico.

“Se optamos por un ciclo temperán, plantarase cedo porque as temperaturas ligadas á zona xeográfica o permiten e o terreo drena ben. Neste caso podemos optar por variedades pouco adaptadas á seca, xa que ao plantar cedo as choivas primaverais permitiran completar o ciclo. Pola contra, se estamos nunha zona xeográfica como pode ser a Lagoa de Antela, onde as xeadas no mes de abril son típicas e o terreo se inunda coas choivas primaverais dificultando as labores, a data de plantación vai ser, por norma xeral no mes de maio, facendo que a etapa de tuberización se alcance na época estival e, polo tanto, poden aparecer limitacións en canto a dispoñibilidade de auga para a planta. Estas limitacións nesta zona corríxense coa práctica do regadío, pero este recurso noutras zonas pode ser unha limitación, de aí a importancia de seleccionar variedades resistentes”, exemplifica a investigadora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información