¿Que variedade de xirasol e do sorgo é máis produtiva en Galicia?

Resultados experimentais do CIAM observaron variacións nos rendementos do xirasol para ensilar de ata o 50% segundo a variedade utilizada e de máis dun 100% no caso do sorgo. Os rendementos destes cultivos de verán alternativos ao millo increméntanse un 96% no caso do sorgo e un 60% no xirasol en situación de regadío comparado con secano.

¿Que variedade de xirasol e do sorgo é máis produtiva en Galicia?

Campo de ensaio co sorgo de grao en primeiro plano e o sorgo forraxeiro, máis produtivo, detrás

O xirasol e o sorgo se caracterizan por ser plantas que, comparadas co millo forraxeiro, son de ciclo máis curto, o que proporciona flexibilidade para o encaixe na rotación, sendo á vez menos exixentes en canto a fertilidade do solo e tolerando mellor o estrés hídrico no período de verán.

A pesar do seu menor rendemento, estas características fan que sexan unha posíbel alternativa ao cultivo de millo forraxeiro en determinadas circunstancias, como pode ser as zonas do interior de Galicia onde as precipitacións poden ser un limitante para dito cultivo.

Ademais, nos últimos anos incrementouse o interese por estes dous cultivos para ensilar, debido aos reiterados baixos rendementos de millo forraxeiro obtidos en fincas motivados, entre outros aspectos, pola reiteración de escasas precipitacións durante o verán.

Por outra banda, os requirimentos de diversificación de cultivos durante o período de verán impostos para o cobro do chamado “pagamento verde” da PAC, ten tamén estimulado a demanda de información acerca da produtividade e o valor nutricional de outros cultivos de verán alternativos ao millo.

No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo realizáronse diversos estudos acerca do comportamento do xirasol e sorgo como forraxeiras de verán para ensilar, sendo recollida información de diferentes aspectos relativos ás características agronómicas, produtivas e nutricionais do cultivo do xirasol para ensilar. A conclusión é que poden ser interesantes polo seu rendemento e composición química para ser cultivados no interior de Galicia naqueles lugares onde o millo non teña unha boa resposta por mor da falta de auga.

A fin de ampliar a información sobre estes cultivos, adaptada a zonas de altitude media da Galicia interior, realizouse un campo de demostración, dentro do Programa de Transferencia Tecnolóxica da Consellaría do Medio Rural, para evidenciar a variabilidade no comportamento produtivo e no valor nutricional de distintas variedades de sorgo e de xirasol cando se cultivan en secaño e regadío durante o verán.

Neste sentido, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración coa Cooperativa ICOS e a Fundación José Luis Taboada (FJLT) celebraron recentemente unha xornada no Pazo de Cartelos (Carballedo-Lugo) onde se expuxeron os resultados do campo de demostración.

Datos do cultivo

Variedades:
Como punto de partida, no caso do xirasol (Helianthus annuus L.) comparáronse tres variedades: Pioneer PR63 (Aceite), ES Shakira (Aceite) e Rumbosol 91 (“Forraxeira”).

E para o sorgo (Sorghum bicolor (L.) Moench) as tres variedades que se ensaiaron foron a Alfa (Grao), Ascoli (Grao) e a Pioneer PR849F (“Forraxeira”).

Fertilización e sementeira:
A fertilización de fondo que se aplicou foi 533 kg/ha de complexo 15-15-15 (80 ud N + 80 ud. P2O5 + 80 ud. K2O)/ ha. A densidade de sementeira (con liñas a 80 cm) foi no caso do xirasol de 80 mil sementes por hectárea e no sorgo 150 mil sem/ha. A data de sementeira foi tardía, realizándose o 28 xuño 2016 para tódalas variedades.

En canto aos herbicidas, no xirasol aplicouse Aclonifen 60% (Challenge) preem e no sorgo Dimetenamida-P 25% +Pendimetalina 25% (Wing-P) postem.

Colleita:
O momento de corte para o xirasol foi catro semanas despois da floración e no caso do sorgo cando os graos da panocha se atopaban nun estado pastoso vítreo.

Rega: Catro bloques do ensaio, contendo as seis variedades ensaiadas, foron regados a manta seguindo as prácticas agronómicas habituais da zona. Outra réplica de catro bloques semellantes foron cultivados sen rega.

Diferenzas de comportamento dos cultivos en secaño e en regadío:

Tal e como se reflicte no seguinte cadro, as diferenzas de rendemento do sorgo e do xirasol, e en especial no primeiro, son moi notables segundo o cultivo dispoña ou non de subministro de auga durante o verán.

Así, o rendemento do sorgo variou de media desde as 10,77 toneladas de materia seca por hectárea (t MS/ha) en regadío ás 5,49 t MS/ha en secaño (96% de variación) e, traducido en kilos de proteína bruta por hectárea (kg PB/ha) a produción variou desde os 745 kg PB/ha en regadío fronte aos 389 kg PB/ha en secaño.

No caso do xirasol as diferenzas de rendemento con rega e en secaño tamén son notables: 9,72 t MS/ha no primeiro caso fronte a unha media de 5,87 t MS/ha no cultivo en sequeiro, representando un 66% de variación, que se incrementa ao 81% se se compara a produción de proteína obtida con e sen rega: 801 fronte a 442 kg PB/ha.

xirasol_sorgo_ciam_1

Diferenzas medias de rendemento segundo a variedade

a) Xirasol:
As variedades Rumbosol-91 (forraxeira) e ES-Shakira (aceite) foron as que acadaron maiores rendementos con valores medios de 8,63 e 8,40 tMS/ha, respectivamente, fronte ás 6,35 da Pioneer-PR63 (aceite). É dicir, arredor dun 50% de diferencia.

En Kilos de proteína bruta o maior rendemento foi para a Es Shakira, con 706 kilogramos por hectárea, fronte aos 614 da Rumbosol 91 e o 546 da Pioneer P63.

xirasol_ciam_1

b) Sorgo:
A variedade máis produtiva foi a Pioneer PR849F (forraxeira) con 11,45 t MS/ha, seguida das dúas de grao, Alfa con 7,14 t MS/ha e da máis precoz Ascoli con 5,79 t MS/ha. Como se observa, a variación de rendemento acada practicamente o 100% entre a máis e a menos produtiva. A extracción de proteína por hectárea seguiu a mesma tendencia, con valores de 659 kg PB/ha para PR84F, 561 kg PB/ha para Alfa e 481 kg/ha para Ascoli.

sorgo_ciam_1

Unhas diferenzas de rendemento segundo a especie e a variedade que tamén se trasladan ao comparar a produción en regadío e en secaño:

xirasol_sorgo_ciam_2

Conclusións: 

Como resumo da exposición e do debate foron trasladadas ao auditorio as seguintes Conclusións:

-A produtividade do millo como cultivo de verán é claramente superior á de xirasol e de sorgo en condicións de secanos húmidos ou de regadíos.

-Na zona interior de Galicia, onde o cultivo de millo en secano foi moi problemático nun verán de escasas precipitacións como o rexistrado en 2016, o cultivo de sorgo en secano permitiu superar as 8 toneladas de materia seca por hectárea coa variedade máis produtiva, mentres que a do xirasol chegou case ás 7 toneladas.

-Estes rendementos estiveron influenciados negativamente por unha sementeira demasiado tardía, sobre todo para o sorgo.

-A composición nutricional de sorgo e de xirasol é claramente diferente, sendo o sorgo o cultivo máis adecuado para ensilar.

-Non se observan claras diferenzas entre a variedade forraxeira de xirasol e a variedade de aceite de ciclo semellante.

-A variedade forraxeira de sorgo produce un rendemento por hectárea superior ás variedades de grao, de ciclo máis curto.

-Nas condicións da área agroclimática continental do sur da provincia de Lugo, en secano, a rotación de mesturas de raigrás-trevos anuais como cultivo de inverno e de sorgo ou xirasol como cultivo de verán pode producir ao redor do 10 t MS e 1000 kg de PB por hectárea.

-As experiencias deben ser repetidas con diferentes xenotipos, en diferentes anos e diferentes ambientes a fin de ampliar a información sobre o comportamento destes cultivos de verán.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información